O padrón de residentes no estranxeiro (PERE) é a operación estatística que rexistra as persoas con nacionalidade española que residen a maior parte do tempo fóra do Estado, isto é, que viven no estranxeiro. As inscricións neste rexistro correspondentes ás provincias galegas sumaban, a 1 de xaneiro deste ano, 529.038 mulleres e homes, segundo a última actualización dos indicadores migratorios do Instituto Galego de Estatística, realizada a finais do pasado xullo.
O padrón galego no exterior supera o medio millón de persoas, a maioría nadas fóra
Estas cifras non significan, nin de lonxe, que haxa case 530.000 emigrantes galegos e galegas polo mundo, no sentido de algo máis de medio millón de persoas nacidas no país e desprazadas fóra. Ben ao contrario. Menos do 30% dese padrón está composto por poboación nacida en Galicia, mentres que o 73% o forman persoas que naceron fóra, maioritariamente no estranxeiro, e accederon á nacionalidade polas diversas vías contempladas na lei (por exemplo, por descenderen de persoas que si naceron en Galicia).
Resulta especialmente significativo observar estes datos por idades, se ben a desgregación por grupos non é a mesma en todos os indicadores, o que dificulta un chisco a súa comparación. Así, por exemplo, é posible comprobar como entre a poboación considerada galega e que reside no estranxeiro só son maioritarias as persoas nacidas en Galicia no grupo de maiores de 65 anos (case o 60%). Na banda contraria, pouco máis do 4% das persoas administrativamente galegas que teñen 16 ou menos anos naceron en Galicia; no grupo de 16 a 24 a proporción cae ata apenas superar o 2,3%.
As persoas nacidas en Galicia e residentes no estranxeiro e polo tanto, emigrantes, só son maioría entre as que superan os 65 anos
A translación destas porcentaxes a cantidades absolutas amosa como entre a poboación galega residente no estranxeiro e maior de 65 anos a emigración en sentido estrito aínda é maioritaria. Algo máis de 98.000 destas persoas naceron en Galicia, mentres que algo menos de 70.000 naceron fóra, pero accederon á nacionalidade con inscrición nalgunha provincia galega.
Neste indicador, o IGE utiliza grupos de idade de maior dimensión, pero así e todo permite comprobar as diferenzas con certa claridade. Así, por exemplo, conta pouco máis de 2.300 nenas, nenos e adolescentes menores de 16 ou menos anos que vivan no estranxeiro tras naceren en Galicia e, fronte a eles, algo máis de 47.000 persoas neste grupo de idade xa naceron fóra. No outro gran grupo que desagrega a oficina estatística do Goberno galego, o de 16 a 64 anos, xúntanse máis de 267.000 persoas nacidas fóra fronte a pouco máis de 45.000 que naceran no país e emigraron.
Radiografía da emigración
Daquela, non é posible afirmar que haxa máis de medio millón de emigrantes galegas e galegos. É unha cifra significativa, pero está moi por baixo das 500.000 persoas. Segundo o dato máis recente do IGE (o padrón exterior a 1 de xaneiro de 2022), son un total de 146.423, cifra que vén trazando nos últimos anos unha liña lixeiramente á baixa mentres o padrón galego no exterior no seu conxunto non deixa de aumentar.
A poboación de 16 ou menos anos nacida en Galicia e residente no estranxeiro pasou de apenas 800 persoas en 2009 a máis de 2.300 no inicio de 2022
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, ao comezo da serie histórica dispoñible no IGE (2009), a poboación galega nacida en Galicia e residente no exterior superaba as 160.000 persoas: case 84.000 maiores de 65 anos, 78.000 de entre 16 e 64 e apenas 800 de 16 ou menos anos. No inicio deste ano 2022 a emigración galega residente no estranxeiro xa superaba as 98.000 e a de 16 ou menos anos tamén aumentara significativamente, pero seguía sendo comparativamente escasa: 2.300 persoas. O total minguou porque o grupo de 16 a 64 anos está formado agora por apenas 45.000 persoas.
O total de poboación emigrada diminúe pero o padrón galego no estranxeiro aumenta por mor das novas inscricións de persoas que xa naceron no estranxeiro. A súa proporción supera o 90% entre a infancia e a adolescencia de 16 ou menos anos e nas persoas de 55 ou máis non chega ao 80%. En total, as novas inscricións no padrón galego no exterior a 1 de xaneiro de 2022 -polo tanto, as realizadas durante 2021- están formadas nun 83% por persoas nadas no exterior, mentres que as emigrantes quedan no 15%.
A poboación administrativamente galega e residente no estranxeiro volverá ter nos vindeiros anos maior peso político por mor da reforma do coñecido como voto emigrante, xa aprobada no Congreso coa intención de facilitar a participación do electorado inscrito no censo de residentes ausentes. Este censo non é o mesmo que o padrón de residentes no estranxeiro, pero a súa evolución si é semellante. Nas últimas eleccións celebradas en Galicia (2020) estaba composto por algo máis de 460.000 persoas, entre as que cabe deducir que a proporción de nacidas no país e fóra é semellante ao do devandito padrón e, polo tanto, a presenza de emigrantes no conxunto do colectivo é minoritaria.