A crise demográfica acentúase en Galicia, onde nacen cada vez menos nenas e nenos. Se hai tan só unhas semanas a publicación dos datos definitivos do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre 2021 confirmaban que o país rexistrara o pasado ano un novo mínimo de nacementos e o situaba como o territorio do Estado con peor saldo vexetativo, as novas cifras adiantadas este mércores non fan máis que confirmar unha tendencia cada vez máis acusada.
O INE publicou os datos do primeiro semestre de 2022, no que naceron en Galicia 6.941 cativos e cativas, o que supón unha caída de algo máis do 2% con respecto ao mesmo período do ano pasado e 145 bebés menos.
No primeiro semestre de 2022 houbo 6.941 nacementos en Galicia, un descenso do 2% respecto a hai un ano
Se as cifras se confirman -son aínda provisionais-, o descenso será menor ao do semestre de 2021, cando houbera case 500 nacementos menos, e semellante ao experimentado en 2020. Os datos, con todo, confirman unha tendencia que racha marcas de baixa natalidade en cada estatística. Así, no primeiro semestre deste ano naceron case 2.000 bebés menos que hai cinco anos (-1-973 con respecto ao de 2017) e case 2.500 menos que hai seis (-2.480 en comparación co de 2016).
No conxunto do Estado, a natalidade caeu tamén no primeiro semestre aos niveis máis baixos da serie histórica, con menos de 160.000 nacementos, case un milleiro menos que en 2021, cuxos primeiros seis meses xa marcaran un récord.
A mortalidade aumentou en Galicia un 8,6% ata o mes de xullo
Por territorios, a caída anual de nacementos é aínda maior que a de Galicia en La Rioja (-8%), Balears (-4%), Canarias (-3,84%), Castilla-La Mancha (-3,76%), Aragón (-2,86%), Navarra (-2,68%) e Euskadi (-2,35%).
Ademais, o INE tamén publicou este mércores os datos sobre mortalidade ata a 30ª semana do ano: en Galicia faleceron 20.744 persoas ata o 25 de xullo, un 8,6% máis que no mesmo período de 2021 e 1.762 máis que nas primeiras 30 semanas de 2016. O dato é superior á media do Estado, onde a mortalidade subiu un 5%.
Estes datos provisionais veñen afondar na crise de natalidade que desde hai décadas sofre Galicia e que a leva a rexistrar cada ano moitas máis defuncións que nacementos e a experimentar un progresivo envellecemento da poboación, só compensado minimamente grazas á inmigración. Dende 1988 o saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) é negativo no país.
En Galicia rexístranse dúas mortes por cada nacemento, unha ratio que se consolidou e mesmo ampliou en 2021
Segundo os datos de 2021, naceron nese pasado ano en Galicia 14.784 nenos e nenas, 500 menos que no ano anterior. Ao tempo, producíronse 32.841 mortes, unha cifra moi semellante á do 2020 (32.845), un ano marcado polo inicio da pandemia de COVID-19. Dende o ano 2020 en Galicia rexístranse dúas mortes por cada nacemento, unha ratio que no 2021 se consolidou e ampliou.
O número anual de nacementos en Galicia acumula 13 anos de descensos sen interrupción, dende os 23.175 de 2008. Hoxe son case nove mil menos, cunha diminución de 7.000 na última década. Semella que de pouco ou nada están a servir os incentivos e bonificacións aplicadas pola Xunta nos últimos anos. Galicia tivo o pasado ano cinco mil nacementos menos que antes da posta en marcha da tarxeta-benvida, posta en marcha no ano 2016.
En consecuencia, Galicia é a comunidade autónoma que rexistra unha maior diferenza negativa entre nacementos e mortes (-18.057), superando a Castela e León (con menor poboación) e á Comunidade Valenciana. Tan só Madrid, Murcia e Baleares tiveron no ano 2021 un saldo vexetativo positivo. No 2020 a comunidade autónoma con peor saldo foi Castela e León e Galicia era o segundo territorio con peores datos.
No 2021 Galicia perdeu seis mil habitantes máis e rexistrou a cifra de poboación máis baixa no último medio século, situándose nos 2.687.418 habitantes.