Conexión.gal, un programa para conversar coa nova emigración galega

© Isabel Vila
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

Conexión.gal é un programa producido por Praza.gal e VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística para dar voz á nova emigración galega para que sexan elas e eles as que conten que supón hoxe ser galega e migrante. Emigrar era case como desaparecer alá polos anos trinta, corenta, cincuenta... mais agora temos outras ferramentas para acurtar distancias e as videochamadas son un bo exemplo disto.

Por iso, ao longo do Conexión.gal conectaremos con galegas e galegos no exterior a través deste medio. Así poderedes desfrutar das entrevistas en formato vídeo ou escoitalo como un podcast en galego máis. A un lado da pantalla estará a xornalista Ana G. Liste, e polo outro pasarán sete convidadas que falarán desde Suíza, Mali, Alemaña ou Guiné-Bissáu.

Neste primeiro programa os convidados conéctanse desde Londres e son xornalistas. Eles tamén teñen un podcast e son compañeiros de andaina en Praza.gal. Son Duarte Romero e Miguel Rodríguez, artífices do Té con gotas, que debullan nesta conversa como os trata o Reino Unido e por que decidiron marchar vivir alá. Aínda que no momento da entrevista ambos residían en Londres, agora Miguel está de volta pola Coruña grazas ao teletraballo.

A precariedade, esa palabra que garda tantos significados para as novas xeracións, é como a pedra angular da conversa na que Miguel e Duarte explicarán as diferenzas que atopan no mercado laboral do Reino Unido con respecto ao do Estado español, os choques culturais dos primeiros momentos e que traballos están a facer alá.

Coa pandemia pasaron máis tempo do habitual sen poder vir por Galicia, mais non perderon os vínculos coas xentes de aquí xa que o seu podcast Té con gotas, un dos precursores da nova vaga de podcast en galego, achega a actualidade británica en clave galega, e moito máis. Grazas a este proxecto teñen creada unha rede de ouvintes que lles permite seguir medrando e experimentando.

Todos os episodios de Conexión.gal en vídeo estarán dispoñibles neste espazo de Praza.gal e en YouTube. Tamén poderás atopar cada capítulo do podcast en Ivoox e mais en Podgalego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.