Un debate sobre os problemas do Brexit na fronteira irlandesa, outro sobre a extrema dereita no Reino Unido con entrevista a Helena Miguélez Carballeira, directora do Centro de Estudos Galegos en Galegos; unha análise da situación do Centro Galego de Londres, das sombras arredor da súa xestión e sobre o futuro do asociacionismo da diáspora; e unha charla sobre neurociencia con Adriana Roca, investigadora na Universidade de Oxford. Todo isto podemos atopar xa no podcast de Té con Gotas, unha iniciativa que desde Londres analiza con ollada galega e achegas galegas a realidade británica e da emigración.
Os xornalistas Miguel Rodríguez e Duarte Romero son os creadores dun podcast que en galego e con achegas galegas analiza a realidade británica e da nova emigración
Os seus impulsores e directores son os xornalistas Miguel Rodríguez (A Coruña, 1990) e Duarte Romero (Narón, 1988), asentados na capital británica e que decidiron apostar por un formato, o do podcast e o newsletter, moi estendido no Reino Unido. “Quedabamos habitualmente e falabamos sobre a actualidade británica e sobre o que a xente galega da nosa xeración facía tamén aquí, moitas das cousas moi interesantes, así que pensamos en contalo, en dar a coñecer algo do que pouco ou nada se sabe en Galiza”, explican. Un proxecto sobre ideas e actualidade en UK con entrevistas a galegos e galegos "que estean traballando en cousas interesantes das que paga a pena aprender", como explican.
Porque cansos tamén da “representación que nos medios se fai dos emigrados”, decidiron darlle unha volta. “Adóitase contar con eles para preguntarlles sobre as súas historias persoais ou sobre como viviron un atentado ou algunha novidade do Brexit, pero aquí hai xente que fai cousas moi interesantes, unha xeración de galegos moi talentosa, formada en Galiza e que está a crear valor e riqueza aquí”, di Miguel Rodríguez, que destaca a cantidade de “proxectos innovadores” que teñen pegada galega e que tamén estarían ao alcance do país “de darse o contexto para que se aproveitasen”.
“A representación dos galegos de fóra nos medios frustrábanos algo e pensamos en centrarnos máis nas ideas da xente, no que pode achegar que na historia mil veces contada... Sempre che preguntan como che afecta algo, pero non cal é a túa opinión, que achegarías ti ou que farías”, destaca Duarte Romero, que aclara tamén que un dos obxectivos de Té con Gotas é intentar explicar, máis devagar e con análise, a realidade británica. “Cando vemos cousas que nos chaman a atención ou que paga a pena debater, facémolo”, explica. E axúdanse de galegos expertos que tamén o contan desde alí e en galego.
“A vindeira semana falaremos da escisión que está a haber nos dous grandes partidos políticos e tamén nos interesa a política de vivenda no Reino Unido, un debate moi ideolóxico e importante, con medidas que serían impensables ou cualificadas de comunismo en España pero que aquí formulan até os conservadores”, exemplifica Miguel.
"Non todo o que hai no Reino Unido é mellor, pero si que hai moitas cousas mellores e moitos galegos contribuíndo a que sexan mellores"
O debate e as ideas son o fundamental para Té con Gotas, que busca “unha apertura cara á innovación”, unha característica que si destacan do Reino Unido. “Non somos uns acomplexados como para dicir que todo aquí é mellor, pero si que hai moitas cousas mellores e moitos galegos contribuíndo a que sexan mellores”, di Duarte, que traballa no prestixioso diario The Telegraph. “Os emigrantes formarmos parte deste fervedoiro de ideas que hai aquí e isto tamén podería pasar en Galicia de crearse a contorna axeitada”, engade. "Se traballas en neurociencia, falemos de neurociencia; se es experto en arquitectura, contemos os últimos avances", din sobre as súas entrevistas.
A idea do proxecto, como explica Miguel Rodríguez --que traballa para Radar AI, a unidade de datos locais da Press Association-- é que evolucione aos poucos, tamén segundo a resposta da xente. “Polo momento, estamos moi contentos coa acollida”, explica sobre unha iniciativa que nas súas redes sociais tamén fai unha análise máis pausada da realidade británica.
“O formato de newsletter ten moito potencial; hai pouco feito en Galicia pero aquí é moi habitual e os medios anglosaxóns están investindo moitos cartos”, explica Duarte, que cre que “nun contexto de sobreabundancia informativa, son moi valorados este tipo de proxectos enfocados aos intereses de cadaquén”. “Dáche moito máis poder á hora de distribuír contido e de crear unha audiencia máis leal e files, que é o que buscamos aínda que non sexa masiva”, remata sobre un podcast sobre o Reino Unido con ollada galega. Un Té con Gotas.