A batalla das deputacións, clave para o control da Xunta, pendente duns centos de votos

Deputados elixidos en cada partido xudicial en 2023 sobre unha imaxe de votacións nos plenos das catro deputacións galegas © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Deputacións

A lectura do resultado dos comicios locais de 2027, que precederán ás eleccións ao Parlamento galego, dependerá en boa medida do control das catro deputacións provinciais

Nas eleccións locais que se celebrarán na primavera de 2027 renovaranse os gobernos municipais dos 313 concellos galegos, pero os principais partidos poñen o foco en varias pezas maiores que son, en boa medida, as que determinarán o éxito ou o fracado nuns comicios que, ademais, precederán ás eleccións ao Parlamento galego. As claves estarán, sobre todo, no control das sete cidades -na actualidade a esquerda goberna cinco delas, o PP en Ferrol e DO en Ourense- e tamén nas catro deputacións.

En 2023 o PP conseguiu facerse co poder na Deputación de Pontevedra, mais a esquerda foi quen de reter o goberno provincial en Lugo, establecendo un empate a dous que tanto uns coma outros aspiran a rachar en 2027. PSdeG e BNG buscarán manter Coruña e Lugo e, sobre todo, recuperar Pontevedra, sen esquecer a posibilidade de acadar o goberno provincial en Ourense. Á inversa, os populares aspiran a reter os seus feudos no sur e a asaltar os entes provinciais de Lugo e A Coruña.

Aínda que ás veces non se lles empreste atención, a importancia política e orzamentaria das deputacións segue a ser moi elevada e a lectura do resultado dos comicios nun ou noutro sentido dependerá en boa medida da cor política que finalmente controle os entes provinciais.

Todo pode pasar, tendo en conta que as maiorías están moi axustadas e que o particular sistema de elección dos deputados provinciais pode desnivelar a balanza como consecuencia de movementos a nivel local ou comarcal

Todo pode pasar, xa que as maiorías están moi axustadas e tendo en conta, ademais, un sistema de elección dos deputados provinciais que polas súas particulares características pode desnivelar a balanza como consecuencia de movementos políticos a nivel local ou comarcal. As deputacións provinciais son órganos de elección indirecta. 

O número total de deputados e deputadas provinciais (que depende da poboación, dende os 25 de Lugo e Ourense aos 31 da Coruña) repártese entre os distintos partidos xudiciais existentes e, neles, elíxense os representantes provinciais en función dos votos obtidos por cada candidatura. É dicir, ao votar o noso alcalde ou alcaldesa eliximos tamén a composición da nosa deputación. Iso si, o reducido tamaño dalgún dos partidos xudiciais leva a que só se escolla neles un ou dous escanos provinciais, levando a unha representación máis maioritaria que proporcional, polo que unha parte significativa dos votos non se traducen en escanos.

Nos últimos meses o PP está a levar acabo numerosas operacións para facerse con alcaldías en partidos xudiciais que serán clave para o reparto dos deputados provinciais. É o caso de Sarria, no de Lugo, ou de Ribeira, no de Noia

Hai, nese senso, algúns partidos xudiciais nos que pouco ou nada está en xogo (é moi difícil que o actual reparto de escanos se mova) e outros que si están suxeitos a modificacións, nalgúns casos dependendo duns poucos votos, á vista dos resultados dos comicios anteriores. Esta situación podería explicar algunhas das mocións de censura ás que estamos a asistir nos últimos meses, nas que o PP se está a facer con varias alcaldías apoiado moitas veces en candidaturas independentes e concelleiros tránsfugas. Ademais da importancia local destes movementos, estes poden ser analizados en clave provincial, atendendo á loita polo control das deputacións.

 

A loita polo escano decisivo en Lugo

Isto é así, por exemplo, no caso de Sarria, concello que forma parte do extenso partido xudicial de Lugo, clave para o control da Deputación. En 2023 o PSdeG retivo o seu cuarto escano por apenas 259 votos e en 2027 semella que de novo todo pode depender duns poucos centos de votos. Será determinante o que suceda na propia cidade de Lugo, pero tamén nos concellos da contorna, nos que o PP está a xa a mover posicións, como en Sarria, onde conseguiu que o alcalde Claudio Garrido (ex-socialista) accedese a non presentarse en 2027, buscando facerse con parte dos votos acadados pola súa formación Camiña Sarria.

Iso si, dende o PSdeG lémbrase que unha operación semellante en Samos -tamén parte do partido xudicial de Lugo-, onde o PP conseguiu que o ex-alcalde socialista pasase a apoiar o candidato popular (o seu fillo), deu como resultado unha maioría absoluta da esquerda e un goberno do BNG.

O control da Deputación de Lugo dependerá en boa medida de quen obteña o derradeiro escano no partido xudicial que abrangue a capital provincial. Tamén en Chantada e Mondoñedo hai escanos en xogo

No gráfico seguinte pódese consultar o reparto de escanos provinciais en cada partido xudicial en 2023, que candidatura se fixo co derradeiro escano e cantos votos lle faltaron á seguinte candidatura para acadalo. Á vista dos datos, semella difícil (aínda que todo pode pasar) que o reparto varíe en Monforte de Lemos e o cambio parece tamén lonxe en Vilalba e A Fonsagrada

Pola contra, en Chantada o PP ficou a pouco máis de 500 votos de facerse co segundo escano (que perdería o PSdeG). Trátase dun partido xudicial que ademais da vila chantadina, inclúe a Monterroso ou a Palas de Rei e Antas de Ulla, concellos nos que o conflito de Altri terá o seu impacto.

O outro partido xudicial no que pode mudar o actual reparto é o de Mondoñedo, que abrangue toda a Mariña. Alí elíxense seis deputados e deputadas, dos que o PP levou tres en 2023, por dous o PSdeG e un o BNG. Naquela ocasión os nacionalistas ficaron a máis de tres mil votos de facerse cun segundo escano, que tería perdido o PP. É unha marxe moi ampla, pero en todo caso estas comarcas foron escenario no último ano da moción de censura en Viveiro que deu a alcaldía aos populares e dun movemento no Valadouro que tamén lles deu a alcaldía, anteriormente ocupada polos independentes Udival.

O PP, ao asalto da Deputación da Coruña

Na Coruña o PP necesita facerse con dous escanos progresistas. Os partidos da Coruña, Santiago e Noia semellan clave e en todos está a haber movementos por parte dos populares

As eleccións de 2023 deixaron o PP a dous escanos de acadar o goberno da Deputación da Coruña (14 fronte aos 17 de PSdeG, BNG e AV). Pode semellar unha marxe ampla, pero que pode depende unicamente de dous pequenos movementos noutros tantos partidos xudiciais, comezando polos das cidades, que son os que elixen un maior número de deputados e deputadas: 11 na Coruña, 9 en Santiago e 5 en Ferrol.

Tamén na provincia coruñesa estamos a asistir a un gran número de mocións de censura e cambios en alcaldías. É o caso de Carral, pertencente ao partido da Coruña, onde o PP desprazou o alcalde de Alternativa dos Veciños grazas a un concelleiro trásfuga. Nesta circunscrición o PP obtivo tamén a alcaldía de Cambre, anteriormente en mans de Unión x Cambre. En 2023 o BNG estivo preto de quitarlle un escano ao PSdeG, pero dado o gran tamaño desta circunscrición, podería haber todo tipo de cambios.

Con todo, de momento está a ser o partido xudicial de Noia o que rexistra máis movementos de alcaldías. Alí o PP fíxose cunha moción de censura co goberno municipal de Outes, anteriormente en mans de Compromiso por Outes, e fixo o mesmo en Ribeira, desprazando o BNG grazas a un acordo coa formación PBBI, xurdida dunha escisión popular. No outro sentido, o PSdeG recuperou a alcaldía de Noia grazas a un concelleiro trásfuga.

En Noia elíxense dous deputados provinciais, que en 2023 foron para PP e BNG. O PSdeG ficou a só 11 votos de facerse co escano nacionalista, un cambio que non tería efectos para a conformación de maiorías na Deputación, Pero, ollo, o PP rematou a pouco máis de mil votos de acadar un segundo escano que si tería importante implicacións. O resultado en Ribeira, o concello máis poboado do partido, será unha das claves.

Houbo tamén mocións de censura en Fisterra (o PP fíxose coa Alcaldía de Alternativa dos Veciños) e tamén en Muxía (o PSdeG perdeu a Alcaldía, que pasou a Independientes por Muxía). Son dous concellos do partido de Corubión, en principio dominado amplamente polos socialistas.

No resto da provincia, semella difícil que haxa cambios en Betanzos e Carballo, pero estes poderían chegar en Ferrol e, sobre todo, en Santiago, onde o PSdeG vive unha situación convulsa na cidade compostelá. De momento, o PP fíxose coa alcaldía de Touro a través doutra moción de censura.

Pontevedra: a esquerda, pendente de Vigo e Pontevedra, pero tamén de Tui e Cambados

En Pontevedra o PP fíxose coa Deputación en 2023 por un só escano. PSdeG e BNG buscan recuperar o goberno provincial con avances nos partidos xudiciais de Pontevedra ou Tui

No ano 2023 o PP fíxose coa Deputación de Ponteveda a pesar de que nela a esquerda gozaba previamente dunha maioría ampla (16 deputados fronte a 11). Os populares fixéronse con tres escanos socialistas en Pontevedra, Tui e Vigo e déronlle a volta á situación, amosando que pequenos cambios a nivel local poden levar a unha mudanza no goberno do ente provincial.

Agora, de novo o resultado na cidade de Vigo e a súa área será clave (o partido xudicial elixe 11 deputados e deputadas). Tamén o será o de Pontevedra, que elixe 7 representantes, e onde en 2023 o PSdeG ficou a pouco máis de 800 votos de facerse co derradeiro escano obtido polo PP e que decidiu a maioría na Deputación. 

Porén, tamén fóra das cidades o goberno da Deputación está en xogo. Semella difícil que o reparto cambie en Lalín, A Estrada e Ponteareas, pero todo está aberto en Cambados, que abrangue todos os concellos do Salnés e, sobre todo, en Tui. O partido xudicial tudense, que abrangue todo o Baixo Miño, decidiuse en 2023 por apenas dous mil votos, que separaron o PSdeG do derradeiro escano, que foi a mans do PP.

Ourense: maioría do PP no aire, coa incógnita de Jácome

En Ourense todo dependenderá do que suceda na capital provincial e do resultado que alí obteña Democracia Ourensana. Todo pode pasar: dende un ascenso da esquerda a unha maioría absoluta do PP

A Deputación provincial de Ourense é a única na que a esquerda non gobernou nunca. En 2023 o PP mantivo o seu control grazas aos tres deputados de Democracia Ourensana, que fixo valer o extraordinario resultado acadado por Gonzalo Pérez Jácome na capital provincial. Os populares, con 12 escanos, están a un só da maioría absoluta, pero PSdeG e BNG -con 10 representantes- necesitan apenas que un par de escanos cambien de mans para superar á formación liderada por Luís Menor.

En Ourense, a maior parte dos partidos elixen un ou dous escanos, polo que nos máis deles as maiorías están moi asentadas e semella difícil que haxa cambios. Con todo, en 2023 o PP estivo preto de facerse do segundo escano en Ribadavia (que perdería o PSdeG) e no Carballiño tamén ficou a pouco máis de 1.300 votos de acadar un escano máis.

A clave semella, unha vez máis, o partido xudicial de Ourense, que elixe 15 dos 25 escanos da Deputación. En 2023 o PSdeG estivo preto de acadar un escano máis que finalmente foi para o BNG, pero as grandes mudanzas dependerán sobre todo do que suceda na capital provincial e da incógnita que sempre supón Democracia Ourensana, que goberna a cidade. Todo pode pasar: dende un ascenso da esquerda a unha maioría absoluta do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.