Hai que remontarse ao derradeiro mandato municipal que comezou no século XX, o saído das eleccións locais de 1999, para atopar en Galicia un panorama no que as catro deputacións provinciais estivesen gobernadas polo PP. José Luis Torres Colomer, na Coruña; Francisco Cacharro Pardo, en Lugo; José Luis Baltar, en Ourense; e Manuel Abeledo, en Pontevedra, encabezaban en pleno fraguismo estes relevantes centros de poder político en tanto que distribuidores de recursos económicos aos concellos, especialmente aos máis pequenos.
Hai que remontarse a 1999 para atopar un panorama coas catro deputacións galegas gobernadas polo PP. Os movementos do partido que sustenta o Goberno galego en varios concellos van na dirección de tentar reeditar aquel control total en 2027
Naquel 1999, non obstante, o PP xa tivera algúns sinais de alerta local ao perder dun golpe catro das cinco alcaldías urbanas que tiña (Vigo, Lugo, Pontevedra e Ferrol) Incrementaríanse as alarmas en 2003, ao perder a Deputación da Coruña, e máis aínda en 2007, cando dous anos despois da caída de Fraga na Xunta a maioría absoluta de PSdeG e BNG os desprazaba tamén do poder provincial en Lugo.
Dende aquela houbo mudanzas de cor política en varias deputacións. Os populares lograron a da Coruña en 2011 e volvérona perder en 2015, cando lles sucedeu o propio na de Pontevedra, á que retornaron en 2023. Mentres, grazas ao partido de Gonzalo Pérez Jácome, reteñen a de Ourense sen maioría absoluta. Pero ata agora aínda non deron reeditado aquel control total, con pleno nos catro gobernos das deputacións.
Nesa clave, precisamente, hai que entender tamén os diversos movementos que o partido que sustenta o Goberno galego está a realizar en varios concellos nos últimos meses. E, especialmente, nas últimas semanas, con Sarria e Ribeira como principais mostras.
Tras dar sacado do taboleiro de Ribeira ao ex-alcalde popular Ruiz Rivas, o Partido Barbanza Independiente 'volve á casa', arrebata a alcaldía ao BNG e dá azos ao PP nas súas contas pola Deputación da Coruña no partido xudicial de Noia
Vén sendo habitual precisamente dende aquel remate do século XX que os populares galegos ataquen o PSdeG, o BNG ou outras forzas da esquerda por pecharen en "pactos de despacho" alianzas que lles veñen permitindo, ao inicio de cada mandato, gobernar concellos onde o PP ten máis edís que estas forzas por separado. Acordos de despacho, pero cando xa pasaron máis de dous anos dos comicios e nalgúns casos aproveitando a reinterpretación das normas antitransfuguismo por parte do Tribunal Constitucional, son os que están tecendo agora os conservadores para lograr ou condicionar o poder local que non obtiveron tras o paso polas urnas en 2023.
No caso de Ribeira os rurerruxes en torno á censura levaban moito tempo nas rúas da vila. Se cadra, nunca desapareceran dende que, no inicio do mandato, o BNG encabezou un histórico cambio político no que logrou implicar o Partido Barbanza Independiente, escisión do PP local promovida en 2019 polos inimigos internos de quen era alcalde popular, Manuel Ruiz Rivas.

A Ruiz Rivas conseguiron deixalo sen bastón de mando en 2023 e agora, con el xa fóra da escena política municipal, o PBBI volve á casa -agás 1 dos seus 5 edís, que non asina a censura-, arrebata a alcaldía ao nacionalista Luís Pérez Barral e polo mesmo prezo dá azos aos populares nas súas contas pola Deputación coruñesa. Cunha alcaldía do PP en Ribeira -e o consecuente trato favorable da Xunta-, estiman, será relativamente máis doado aspirar a medrar en 2027 no clave partido xudicial de Noia, que reparte 2 dos 31 escanos da Deputación.
O pacto de Sarria, bendicido coma o resto pola dirección galega do partido, encádrase na estratexia da líder lucense do PP, Elena Candia, para tentar emendar en 2027 os asaltos falidos de 2023 á Deputación e mais ao concello da cidade de Lugo
En Sarria non houbo censura, pero si un pacto de potenciais consecuencias semellantes. O PP sarriao pechou co alcalde, o ex-socialista Claudio Garrido, 15 puntos baseados en investimentos da Xunta na vila nun acordo que implica que o partido independente do rexedor, Camiña Sarria, non se volva presentar ás eleccións. O cálculo pasa por que parte dos seus votos -foi primeira forza en 2023- vaian ao saco dun PP ao que lle faltaron uns poucos centos de papeletas para lograr a Deputación de Lugo, lóxica na que tamén hai que entender movementos previos como a censura en Viveiro e outros potenciais acordos, como os que apuntan cara a Becerreá ou Quiroga.
Todas estas operacións teñen, como non podería ser doutro xeito, a bendición da dirección galega do partido. Non en van a súa secretaria xeral, Paula Prado, estivo presente na sinatura do pacto en Sarria e vén sendo convidada habitual nos plenos en que se concretan as mocións de censura a prol do PP.

No caso lucense responden, ademais, a un empeño político e persoal da súa líder provincial, Elena Candia, quen vén despregando unha estratexia partidaria e tamén institucional -implicando gastos e investimentos da Xunta e utilizando o seu rol de vicepresidenta do Parlamento para multiplicar a súa presenza en actos en Lugo sen vencello coa Cámara- para procurar emendar en 2027 os asaltos falidos de 2023 á Deputación e ao Concello da capital da provincia, onde debutou como candidata á alcaldía.