José Luis Fernández Mouriño é desde este mércores o novo alcalde de Carral logo de que prosperase a moción de censura presentada polos cinco edís do grupo do PP co apio de dous non adscritos, tránsfugas e ex-concelleiros de Alternativa dos Veciños, formación á que pertencía o que ata hoxe era o rexedor, Javier Gestal.
O PP gañou xa seis alcaldías a través dunha moción de censura no que vai de mandato municipal, catro delas desde que o Constitucional despenalizou os pactos con edís tránsfugas
Coa que lle vén de dar a moción de Carral, son xa seis as alcaldías que o PP gañou a través dunha moción de censura desde que comezara este novo mandato municipal en 2023, ao engadirlle a desta localidade ás de Fisterra, Outes, Viveiro, Forcarei e Touro.
Neste caso, a clave volve ser a sentenza do Constitucional que despenalizou en xullo os pactos con edís non adscritos e que eliminou da lei electoral a norma que permitía impedir sacar adiante unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga ou dun edil do mesmo grupo do alcalde ou alcaldesa contra a que se presenta. Foi a través desta mudanza como o PP obtivo nestas últimas semanas do verán as alcaldías de Touro, Forcarei e Fisterra ou como o PSdeG recuperou a de Noia.
Desta vez, a ollada recae en Alternativa dos Veciños (AV), formación política que perde en Carral a súa segunda alcaldía en apenas un mes, logo de quedar sen a de Fisterra, onde o PP tamén se apoiou nun concelleiro díscolo desta formación, que só mantén o bastón de mando en Oleiros, onde goberna o seu líder, Ángel García Seoane.
Alternativa dos Veciños perde a súa segunda alcaldía nun mes tras a de Fisterra, en ambos casos polo apoio de antigos edís ao PP
AV gobernaba en Carral desde 2019 con Javier Gestal como rexedor, que vén de abandonar o cargo en favor do popular Fernández Mouriño, que fora alcalde entre 2003 e 2019. Alternativa obtivo maioría absoluta en 2023 ao obter sete dos trece edís da corporación, pero dous dos seus concelleiros —primeiro Francisco Bello e logo Mercedes Caridad— deixaron o grupo para agora acabar apoiando a moción de censura presentada polo PP e os seus cinco representantes.
Foi este mércores cando se consumou o cambio de goberno nun pleno con reproches cara aos dous edís tránsfugas por parte do numeroso público asistente. O alcalde saínte lembrou, ademais, que Fernández Mouriño consegue o bastón de mando da mesma forma "que hai 16 anos".
Antes, en Fisterra, o popular Luís Insua accedeu ao cargo apoiándose tamén no voto dun tránsfuga de AV que García Seoane sempre lembra que é pai da única concelleira que o seu partido tiña en Arteixo e que abandonou a formación en agosto. Máis atrás no tempo, en Sada, dous edís de Alternativa foron expulsados en 2022 por impular unha moción de censura contra o alcalde Benito Portela, de Sadamaioría.
No conxunto de Galicia, AV ten máis de 30 edís tras superar os 20.000 votos nas últimas eleccións municipais e obter un escano na Deputación da Coruña. Os seus votos son claves en Bergondo e Cangas e conta con representación tamén en Cambre ou Culleredo.

O cambio de cor política en Fisterra, Noia, Touro, Forcarei, Viana do Bolo e agora Carral súmase aos producidos noutros sete concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) e no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa, que por falta de confianza do pleno municipal, cedeu o bastón de mando a outra formación política.
O PP gañou nove alcaldías desde as últimas eleccións municipais entre mocións de censura e dimisións
Tendo en conta as mocións de censura, foron seis as que deron novas alcaldías ao PP desde que comezara este mandato (Viveiro, Outes, Forcarei, Touro, Carral e Fisterra), obtendo o PSdeG a do Irixo e a de Noia polo mesmo método.
En total, son arredor de 100.000 os galegos e galegas que están gobernados nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente nos plenos de investidura celebrados despois dos comicios de maio de 2023.
O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou nove alcaldías, algunhas tan importantes coma as de Carral, Cambre e Viveiro, aínda que tamén perdeu a do Irixo, que obtivera inicialmente, a de Noia, unha vila clave non só pola súa importancia e número de habitantes, senón tamén polo que supón nun futuro para a batalla pola Deputación. Nos últimos días tamén quedou sen a de Viana do Bolo, onde PSdeG e BNG alcanzaron un acordo para gobernar de forma alternativa nun concello onde as dúas formacións de esquerda xa sumaban maioría no pleno.