O cambio de cor política na Alcaldía de Cambre súmase aos producidos noutros seis concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) e no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa
Hai uns días consumouse en Cambre a dimisión da súa alcaldesa, María Pan (Unión por Cambre), despois de tan só un ano no cargo (en marzo de 2024 dimitira o alcalde Óscar García Patiño). En ambas as dúas dimisións os rexedores fixeron referencia ao "bloqueo administrativo" que sofre o concello e nesta ocasión a formación máis votada nas eleccións de 2023 rexeitou asumir o mando municipal, que quedou en poder do PP, con só 4 concelleiros nunha corporación de 21 edís, na súa maioría de esquerdas.
O cambio de cor política na Alcaldía de Cambre súmase aos producidos noutros seis concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) e no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa, que por falta de confianza do pleno municipal, cedeu o bastón de mando a outra formación política.
En total, máis de 58 mil galegos e galegas están gobernados nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente nos plenos de investidura celebrados despois dos comicios de maio de 2023. O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou cinco alcaldías, algunhas tan importantes coma as de Cambre e Viveiro, aínda que tamén perdeu a do Irixo, que obtivera inicialmente.
Máis de 58 mil galegos e galegas están gobernados nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente. O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou cinco alcaldías
No anterior mandato municipal 2019-2023 foron nove as mocións de censura consumadas nos concellos galegos: Fene, Mugardos, Sada, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, A Baña, Ribadavia, Castrelo de Miño e Viana do Bolo. O PP foi o gran beneficiado por estes procesos, pois en seis casos fíxose co bastón de mando. Nalgúns casos o electorado castigou estas operacións e noutros, en cambio, sucedeu o contrario.
Hai, ademais, outros doce concellos que nestes dous anos mudaron tamén o seu alcalde ou alcaldesa, pero sen cambiar de formación política. Trátase de Cervo, Vilalba, A Estrada, Trabada, Silleda, Laxe, Guntín, Ribas de Sil, Caldas de Reis, Paradela, Vilar de Santos e Lugo, neste caso en dúas ocasións.
En varios casos, as substitucións debéronse á escolla dos rexedores e rexedoras para formar parte de listas electorais para outras institucións, nomeadamente o Parlamento galego (por exemplo, Lara Méndez deixou a Alcaldía de Lugo por este motivo), ou para integrar o Goberno da Xunta, como os conselleiros José López Campos, María José Gómez e Alfonso Villares, que abandonaron por esta razón as Alcaldías da Estrada, Guntín e Cervo. No caso de Lugo, ademais, o falecemento de Paula Alvarellos obrigou a un segundo cambio na Alcaldía.
Catro mocións, sempre con polémica
As mocións de censura adoitan ir acompañadas de polémicas e leas políticas, sobre todo cando a operación non parte dun acordo entre os partidos, senón que se levan a cabo coa participación de concelleiros trásfugas. Ese foi o caso de Outes
As mocións de censura adoitan ir acompañadas de polémicas e leas políticas, sobre todo cando a operación non parte dun acordo entre os partidos, senón que se levan a cabo coa participación de concelleiros trásfugas. Ese foi o caso de Outes, inicialmente gobernado por Manuel González (Compromiso Outes), que foi desaloxado por un pacto entre o PP -que se fixo coa Alcaldía- e o edil do PSdeG José Antonio Caamaño, expulsado do seu partido.
Caamaño, que no pleno da moción de censura foi alcumado de "traidor" e "pesetero", pasou de formar parte dun Goberno tripartito con Compromiso e BNG a apoiar un novo Executivo no que non poderá participar, ao ser un tránsfuga.
En Viveiro non houbo tránsfugas, senón que unha formación política ao completo -Por Viveiro- decidiu mudar a súa orientación
En Viveiro non houbo tránsfugas, senón que unha formación política ao completo decidiu mudar a súa orientación. Por Viveiro, un partido independente liderado por Bernardo Fraga, ex-concelleiro do BNG, apoiara en 2023 a investidura da alcaldesa María Loureiro (PSdeG) pero xa en 2024 lle retirou o seu apoio. Un ano despois ofreceu os seus dous edís ao PP para unha moción de censura que levou os populares á Alcaldía da capital da Mariña Occidental por vez primeira en 22 anos.
A nova alcaldesa, Mariña Gueimunde (PP) foi noticia quince días despois do seu nomeamento tras subir o seu seu soldo un 35%, ata case os 60.000 euros anuais. Gueimunde, que xustificou o incremento en que así cobrará o mesmo que no seu anterior cargo como xefa territorial da Consellería do Mar, percibe 15.500 euros ao ano máis que a súa antecesora.
Tamén houbo polémica en Muxía. Neste caso o independente Javier Sar Romero (IxMuxía) obtivo o bastón de mando nunha moción de censura que contou co apoio dos edís de PP e BNG
Tamén houbo polémica en Muxía. Neste caso o independente Javier Sar Romero (IxMuxía) obtivo o bastón de mando nunha moción de censura que contou co apoio dos edís de PP e BNG e que desaloxou o socialista Iago Toba Campaña, alcalde dende o ano 2019. O BNG, en desacordo coa operación, abriulle un expediente á súa concelleira Mercé Barrientos, pero a edil nacionalista non foi expulsada.
O Goberno municipal de Muxía quedou así conformado dunha maneira peculiar: en minoría (con só 5 edís dos 11 totais) e liderado pola formación con menos concelleiros: IxMuxía (2) e non polo PP (3).
O caso do Irixo é o máis particular. No pequeno concello ourensán rexistráronse dúas mocións de censura en dous anos
Finalmente, o caso do Irixo é o máis particular. No pequeno concello ourensán rexistráronse dúas mocións de censura en dous anos. A primeira, xa no verán de 2023, desaloxou da Alcaldía o PP, que fora a forza máis votada (4 edís, fronte aos 3 de XpI e os 2 do PSdeG). Susana Iglesias, de Xuntos polo Irixo foi elixida alcaldesa nese momento co apoio dos edís socialistas, completando así o acordo que non fora posible acadar para o pleno de invetidura de xuño.
Porén, en xaneiro deste ano unha nova moción arrebatou a Alcaldía á formación independente. Desta volta o PP entregou os seus votos ao PSdeG para que a socialista Rosa María Dalama se convetese en alcaldesa.
Dimisións no Valadouro e Mondariz
Tanto no Valadouro coma en Mondariz os rexedores de formacións independentes (Udival e AporM) elixidos inicialmente, acabaron por perder a confianza do pleno municipal, véndose obrigados a dimitir e a entregar o bastón de mando ao PP
Ademais do caso de Cambre, outros dous concellos mudaron a súa cor política sen pasar por unha moción de censura. Tanto no Valadouro coma en Mondariz os rexedores de formacións independentes (Udival e AporM) elixidos inicialmente, acabaron por perder a confianza do pleno municipal, véndose obrigados a dimitir e a entregar o bastón de mando ao PP.
No caso do Valadouro, a alcaldesa de Udival María José Fernández obtivera unicamente un edil pero chegara á alcaldía co apoio de PSdeG e BNG. En cambio, en Mondariz, Xoan Carlos Montes 'Calis' (AporM) acadara 5 dos 11 concelleiros en xogo. Pero a falta de apoio de BNG e PSdeG obrigouno a presentar a dimisión e a ceder a Alcaldía ao PP, que gobera con só tres dos 11 edís.
Outras mocións de censura, sobre a mesa
Nos últimos meses vense falando da posibilidade de que BNG e PSdeG presenten unha moción de censura en Viana do Bolo, onde goberna o PP en minoría (5 edís fronte aos 3 nacionalistas e 3 socialistas)
Nos últimos meses vense falando da posibilidade de que BNG e PSdeG presenten unha moción de censura en Viana do Bolo, onde goberna o PP en minoría (5 edís fronte aos 3 nacionalistas e 3 socialistas). Porén, a falta de acordo para unha operación que lle devolvería a Alcaldía ao Bloque -no poder entre 2015 e 2023- frustrou de momento esta posibilidade.
De igual xeito, nos primeiros meses do mandato municipal estivo sobre a mesa a opción de desaloxar o alcalde de Ourense a través dunha moción de censura que necesitaría do acordo de PSdeG, PP e BNG. Porén, o pacto nunca foi finalmente acadado.