Lugo, da conmoción pola morte da alcaldesa a unha elección política transcendental

Paula Alvarellos, con membros do grupo municipal socialista antes dun pleno no Concello de Lugo © Concello de Lugo

A conmoción pola morte de Alvarellos non se circunscribe ao seu partido nin ao eido político. Porque, moito antes de ser alcaldesa, xa deixara pegada fonda en Lugo polo seu labor como avogada, a súa implicación social e humanismo

A política e a sociedade lucenses están conmocionadas pola morte de Paula Alvarellos, que ademais era a alcaldesa. Esa conmoción polo inesperado e temperán falecemento non se circunscribe unicamente ao seu partido, o PSdeG. Nin sequera aos ámbitos políticos ou institucionais. Porque, moito antes de chegar á alcaldía, Alvarellos xa deixara pegada fonda na vida de Lugo. Por suposto, no seu quefacer diario como veterana avogada. Pero tamén coa súa implicación a prol das causas xustas, pola súa sensibilidade e a súa elegancia vital, polo seu humanismo. 

"Máis aló de ser unha gran representante pública, unha gran persoa, estámolo a ver estes días no Concello", resumía este martes Rubén Arroxo, tenente da alcaldía polo BNG e alcalde en funcións tras o pasamento. Centos de persoas acudiron á Casa do Concello durante a fin de semana e este pasado luns para plasmar as súas condolencias, como tamén fixeron representantes políticos de cores diversas.

Minuto de silencio ante a Casa do Concello de Lugo na memoria de Paula Alvarellos, o pasado1 de marzo CC-BY-NC-SA PSdeG

As calidades humanas de Alvarellos propiciaron que, cando Lara Méndez deixou a alcaldía para incorporarse á candidatura socialista ao Parlamento encabezada por José Ramón Gómez Besteiro, fosen incontables as persoas que identificaron que o Concello pasaba a estar dirixido por Paula. Paula a avogada, a que fora presidenta da Asociación Concepción Arenal, a que axudara moitas persoas en situación de dificultade, a que tiña tanta capacidade de traballo como de sorriso. Unha persoa querida que, ademais, chegaba á alcaldía. 

Coa experiencia municipal acumulada e, sobre todo, coa súa bagaxe persoal e profesional, Alvarellos imprimiu talante de seu á alcaldía, dende a que exerceu unha axenda intensísima e un achegamento natural á veciñanza que tamén imprimía xa certo optimismo ao PSdeG cara ás eleccións de 2027

As dúbidas pola inesperada remuda deixaron rápido a sensación de que Paula Alvarellos abría un ciclo con carácter propio no Concello lucense. Coa experiencia municipal acumulada como concelleira no mandato anterior pero, sobre todo, con toda a súa bagaxe persoal e profesional, Alvarellos imprimiu decontado talante de seu á alcaldía. Asumiu ou adaptou proxectos herdados e lanzou outros propios, engraxou a relación cos socios de goberno do BNG e insuflou na cidade a sensación de que, lonxe de ser rexedora por accidente, se encamiñaba á consolidación

Alvarellos exerceu cunha axenda intensísima e non exenta de tensións. Tamén cunha amplísima presenza na vida da cidade; recibindo múltiplos colectivos, visitando barrios e parroquias ou achegándose á veciñanza cunha naturalidade allea á mercadotecnia. Para, por exemplo, nada máis chegar ao derbi entre o Breogán e o Básquet Coruña erguer a bufanda ao vento ao son da música cun amplo sorriso coma unha seareira máis, só que dende o palco.

Paula Alvarellos, con Ana González Abelleira visitando a Feira de Nadela o pasado 22 de febreiro © Concello de Lugo

Apenas un ano despois de erguer o bastón de mando, en Lugo xa semellaba unha hipótese máis que razoable que Paula Alvarellos puidese ser un cartel electoral con garantías para o PSdeG nas municipais de 2027. Daquela, consideraban moitas voces, podería exhibir un bo expediente de xestión e perfil persoal e político como para recuncar na alcaldía e facelo mesmo evitando as estreiteces que en 2023 deixaron a menos dun milleiro de votos da maioría absoluta a un PP que aínda non goberno Lugo no século XXI. No ti a ti de candidatas con Elena Candia, Alvarellos podía chegar ás urnas en condicións de competir con firmeza.

Tras quedar dramaticamente truncado o nacente proxecto político en torno a Alvarellos, os socialistas lucenses deben resolver en poucos días, por obriga legal, a elección do novo alcalde ou alcaldesa. Miguel Fernández e Ana González Abelleira sobresaen como nomes con máis probabilidades para asumir un reto maiúsculo

Pero todo ese nacente proxecto político truncouse dramaticamente este pasado 1 de marzo coa morte de Paula Alvarellos. A devandita conmoción na vida política e social lucense é, se cabe, máis fonda no PSdeG. Moitos cargos relevantes do partido están intensamente afectados no persoal pola perda dunha compañeira que ademais era amiga. Pero os prazos administrativos non deixan lugar ao loito: a lei marca que, en caso de "vacante" na alcaldía, a elección do novo alcalde ou alcaldesa non debe demorarse máis de dez días.

Así, en pleno dó, os socialistas lucenses enfróntanse a unha decisión transcendental para a cidade que gobernan, en solitario ou en coalición co BNG, dende 1999. Dado o contexto, desbótase por completo calquera tipo de pugna. Dous nomes emerxen por riba dos demais membros do grupo municipal do PSdeG: o veterano concelleiro Miguel Fernández, que evitou o tirapuxa con Alvarellos en 2023 malia verse en condicións de ser alcalde, e a secretaria local da formación e tamén concelleira con experiencia, Ana González Abelleira

Paula Alvarellos, en conferencia de prensa co tenente da alcaldía, Rubén Arroxo (BNG), anunciando que a cidade superara por primeira vez os 100.000 habitantes © Concello de Lugo

Sexa Fernández ou Abelleira, o novo alcalde ou alcaldesa ten ante si un reto maiúsculo. Reenfocar cara á política diaria un partido en shock, doente pola perda, e tamén de aproveitar dous anos de mandato para asegurar a praza lucense ante un PP á espreita. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.