Lugo supera por primeira vez as cen mil persoas empadroadas

Veciñanza de Lugo e visitantes, durante un acto do Arde Lucus visto dende o adarve da Muralla á altura da Mosqueira © Concello de Lugo
Publicidade
Publicidade

Pasar a barreira dos cen mil habitantes é un dos obxectivos aos que historicamente viña aspirando o goberno local de Lugo. Non tanto por lograr que esa cantidade de persoas resida ou faga vida no concello, o cal as autoridades lucenses calculan que xa foi logrado con anterioridade, senón por conseguir atravesar o limiar das 100.000 inscricións no padrón municipal. E iso vén de suceder.

A capital lucense chega a 100.060 habitantes, superando en algo máis de 1.800 o dato oficial de 2023

A alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos (PSdeG), e o primeiro tenente da alcaldía, Rubén Arroxo (BNG), ratificaron este 25 de xuño que os datos máis recentes do padrón municipal  cos que conta o goberno local acreditan a consecución do obxectivo. Unha vez depurados segundo o procedemento legal rexistran un incremento superior ás 1.800 inscricións a respecto do último dato oficial publicado, o do 1 de xaneiro de 2023, pasando de 98.214 a 100.060 persoas.

Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo; e Rubén Arroxo, primeiro tenente da Alcaldía, anunciando en conferencia de prensa que a cidade superou os 100.000 habitantes por primeira vez © Concello de Lugo

Para a rexedora, superar os cen mil habitantes é "histórico", un "fito" que vai alén do estritamente demográfico. Porque, a xuízo da rexedora socialista, acredita un "claro éxito das nosas políticas", toda vez que "as forzas progresistas que formamos o goberno local levamos anos traballando" por chegar a esa cifra. E fixérono, agrega, cunha "aposta clara por construír unha cidade de oportunidades" na que a xente poida "desenvolver un proxecto persoal e profesional" nunha "cidade viva". "Lugo -agrega Alvarellos- é a día de hoxe un destino atractivo para vivir".

Publicidade
Publicidade

A alcaldesa Alvarellos aplaude un "fito" que ve alén do estritamente demográfico e identifica cun "éxito das políticas" das "forzas progresistas que formamos o goberno local". Arroxo, tenente da Alcaldía, encádrao no obxectivo de "facer de Lugo un lugar mellor para vivir"

Neste sentido, Alvarellos defende que o labor municipal en eidos coma o "urbanístico, medioambiental, económico, social, dotacional e administrativo" non só "melloran a calidade de vida" da veciñanza. Tamén "fixeron de Lugo un destino atractivo para novos residentes e investidores", mantén.

Arroxo, pola súa banda, congratúlase de pasar da "meta" das 100.000 persoas e encádraa no obxectivo de "facer de Lugo un lugar mellor para vivir". As áreas do goberno dirixidas polo Bloque, agrega, concrétano ao "transformar os espazos públicos e a mobilidade". Agora, agrega, "toca seguir traballando para continuar a mellorar o concello, seguir crecendo e mellorando a cidade".

Repercusións de ser máis de cen mil

Que Lugo chegue a ser a cuarta cidade galega con máis de cen mil persoas empadroadas tras Vigo, A Coruña e Ourense implica, alén do fito simbólico, diversas consecuencias prácticas. Entre as máis relevantes, subliña Arroxo, "poder optar a fondos pechados a cidades" que superan ese limiar poboacional dentro das achegas do Estado. Mais tamén "aumenta o interese empresarial", toda vez que "moitas empresas só se instalan en cidades cuxo padrón supera esta cifra", mantén.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.