A Xunta frea de vez na controvertida autovía á beira do río Rato que 'resucitou' nas municipais de Lugo

Treito do paseo do río Rato, na cidade de Lugo, nunha imaxe de arquivo © Servizo de Audiovisuais / Deputación de Lugo

Cando o PP de Alberto Núñez Feijóo levaba menos dun ano no poder, o Goberno galego inaugurou o primeiro treito da coñecia como Rolda Leste de Lugo. Eran 2,4 quilómetros de autovía urbana impulsados polo Executivo de PSdeG e BNG na recta final das obras do daquela novo Hospital Lucus Augusti, como parte dos accesos ao novo centro sanitario, pero tamén como avance no peche da circunvalación da capital lucense.

Na década e media seguinte foron varios os anuncios, promesas e reclamacións en torno ao remate da Rolda Leste. Isto é, sobre a construción de case catro quilómetros máis que irían dende a estrada da Fonsagrada (LU-530) en Castelo ata a a N-6 na Tolda. Este treito final traería consigo un controvertido impacto nas beiras do río Rato para levar adiante unha autovía que a Xunta sacou do caixón en vésperas das eleccións municipais do pasado 2023, pero que agora dá en volver frear de vez.

Impacto do trazado da da Rolda Leste de Lugo nas carballeiras da contorna do río Rato, na documentación exposta ao público pola Xunta en 2023 CC-BY-SA Xunta

A finais de 2022 a daquela Consellería de Infraestruturas anunciaba que xa rematara a "actualización" do trazado da Rolda Leste, un traballo que encargara por 155.000 euros ás enxeñarías TEMHA e Noega para adaptar o proxecto a novas necesidades "normativas e de trazado". No novo documento desapareceran algúns dos elementos máis polémicos, como unha gran ponte por riba do rego de Samai, pero continuaban outros como un viaduto sobre o río Rato e o seu parque, un dos paseos do cinto verde de Lugo máis empregados pola veciñanza, en plena Reserva da Biosfera das Terras do Miño, onde abondan as carballeiras.

En vésperas das pasadas municipais a Xunta reactivou o proxecto da Rolda Leste de Lugo, cuxo primeiro treito foi construído hai década e media a partir dunha avaliación ambiental de 2004, e agromou a oposición a un proxecto que impactaría de cheo en plena Reserva da Biosfera das Terras do Miño

Entre as razóns que a Xunta esgrimía para seguir adiante destacaba que a declaración de impacto ambiental que a infraestrutura lograra en 2004 seguía vixente. Pero na cidade non deixaba de medrar a oposición ao proxecto: dende colectivos ecoloxistas como Adega ata forzas políticas tan dispares coma o BNG ou Ciudadanos advertían de que estaban en risco máis dun quilómetro de carballeiras nun espazo natural privilexiado. 

Tamén o PSdeG, que como agora ostentaba tanto a alcaldía como a presidencia da Deputación, reclamaban un novo trazado con máis garantías ambientais malia manter a necesidade da obra para, por exemplo, garantir os accesos ao hospital dende o sur ou desconxestionar de tráfico de paso barrios coma o das Fontiñas. Nesta liña expresábase a finais de 2023 a daquela aínda alcaldesa Lara Méndez -renunciou ao posto a principios deste ano para concorrer ás eleccións galegas- nunha xuntanza con Alfonso Rueda, que deu en admitir a necesidade de "someter o proxecto a unha nova declaración de impacto ambiental".

Alén das declaracións políticas, a Axencia Galega de Infraestruturas facía o oficial a rectificación a mediados do pasado maio nunha resolución asinada polo seu presidente, Francisco Menéndez, na que admitía que a Rolda Leste terá que pasar por unha nova avaliación de impacto ambiental. Facíao despois de abondosas alegacións ao proxecto revisado, cuxa influencia admite o propio Goberno.

Infraestruturas admite a influencia das alegacións que "consideraban excesiva a afección ambiental" da obra para decidir que "o máis oportuno" é "unha nova avaliación de impacto ambiental" e deixar "sen efecto" todos os trámites

"Durante o período de tempo correspondente ao trámite de información pública", admite o documento oficial, "presentáronse unha serie de informes e alegacións" que "consideraban excesiva a afección ambiental da actuación" malia "estar o trazado previsto no planeamento urbanístico de Lugo, e ter xa formulada una declaración de impacto ambiental". Ese documento de hai vinte anos foi o que "permitiu a viabilidade" do treito aberto en 2010.

"Dadas as achegas recibidas", agora a Xunta considera "que o máis oportuno é someter a actuación a unha nova avaliación de impacto ambiental, para o que se elaborará o correspondente estudo de impacto ambiental que
será sometido a un novo trámite de información pública e informe das administracións". Por este motivo, a Axencia deixou "sen efecto" o proxecto exposto ao público en vésperas das municipais e a relación de propiedades que ían ser expropiadas para a construción.

Punto do paseo do Rato onde o proxecto da rolda leste de Lugo prevía un viaduto (arriba) e contorna do rego de Samai, en imaxes do proxecto da obra agora freada CC-BY-SA Xunta - Proxecto da rolda leste en 2011

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.