Cinto verde ou de asfalto: o impacto dunha prometida autovía da Xunta na ribeira do río Rato axita a precampaña en Lugo

Paseo do río Rato en Lugo, parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño © Deputación de Lugo

A estradas xeral N-6 funciona como circunvalación da cidade de Lugo polo sur e polo oeste liga coa N-640, que actúa coa mesma función convertida na Ronda Norte ata a contorna da Campiña. Dende alí e cara ao sur están inaugurados dende hai máis dunha década os 2,4 quilómetros da primeira fase da Rolda Leste, unha autovía urbana titularidade da Xunta impulsada nos tempos do Goberno de PSdeG e BNG e inaugurada cando o Executivo do PP de Alberto Núñez Feijóo levaba menos dun ano no poder.

A Rolda Leste concibiuse para pechar o anel de circunvalación de Lugo. Tras a conclusión da primeira fase, impulsada polo Goberno de PSdeG e BNG, a Xunta do PP anunciou en 2009 que se dispuña a abordar o proxecto da segunda, paralizado durante practicamente unha década

O impulso a aquela primeira fase cadrou coa recta final das obras do hospital Lucus Augusti, inaugurado en 2011, toda vez que a rolda leste é tamén acceso clave ao complexo sanitario. Apenas unha semana despois de inaugurala, en decembro de 2009, a Xunta subliñou que xa tiña en marcha os trámites para a segunda fase, case catro quilómetros chamados a pechar a circunvalación da cidade, dende a estrada da Fonsagrada (LU-530) en Castelo ata a a N-6 na Tolda. 

Dende aquelas promesas e anuncios de hai xa case década e media, o proxecto rexurdiu en diversas ocasións en forma de estudos, proxectos, trámites e anuncios por parte da Xunta e do PP lucense. Agora a cuestión rexorde outra volta por mor de novos anuncios, pero tamén a causa do impacto que o trazado da autovía tería sobre a contorna do río Rato -ou río da Chanca-, en plena Reserva da Biosfera das Terras do Miño.

En amarelo, proxecto do tramo final da Rolda Leste de Lugo manexado pola Xunta en 2011 e detalle dos puntos onde prevía viadutos sobre o Rego de Samai -agora desbotado, segundo a Xunta- e o Río Rato [Preme para ampliar] CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Mapa base, trazado e imaxes de detalle: Xunta

Xa no ano 2011 chegou a haber un proxecto de trazado completo da segunda fase da rolda leste, pero sen pasar nunca do papel. Mentres, o goberno local do PSdeG -en varios mandatos coma o actual, en coalición co BNG- incluíuna na lista de proxectos pendentes sistematicamente presentados como demandas ao ex-presidente Feijóo e tamén ante o presidente actual. Así sucedeu, por exemplo, na primeira xuntanza oficial da alcaldesa lucense, Lara Méndez, con Alfonso Rueda no outono do pasado 2022.

A Xunta xa recibiu a "actualización do proxecto" encargada en 2021 e o goberno da socialista Lara Méndez pide coñecelo íntegro canto antes por se cómpren cambios nunha infraestrutura "vital". Fixo saltar as alarmas ao seguir prevendo elementos como un viaduto de 120 metros sobre o río Rato e o seu parque, en plena reserva da biosfera

Cando Rueda recibiu a Méndez por primeira vez como presidente xa pasara máis dun ano dende que, na primavera de 2021, a Consellería de Infraestruturas anunciara que sacaba outra volta da gabeta a obra, pero para contratar unha  "actualización do proxecto" por necesidades "normativas e de trazado" que foi adxudicada en outubro daquel ano por algo máis de 155.000 euros á unión temporal de empresas que formaran as enxeñarías TEMHA e Noega. O pasado decembro, a Consellería anunciaba que xa recibira o resultado destes traballos con cambios no trazado e que comezaba a súa "supervisión técnica" antes de dar os seguintes pasos cara a unha construción que roldaría os 20 millóns de euros. A alcaldesa respondeu reclamando coñecer o documento enteiro canto antes, por "lealdade institucional" e para "poder valorar tamén o seu impacto, despois de que xurdisen voces contrarias ao mesmo".

Entre os detalles que o Goberno galego fixo transcender do documento -cando dea por concluída a súa supervisión, para seguir avanzando cara á execución da obra terá que sacalo a exposición pública, o cal aínda non sucedeu- figuraba que nel continuaba figurando un viaduto sobre o río Rato e o seu parque, un dos paseos que conforman o cinto verde da cidade da Muralla, espazo natural moi visitado pola veciñanza no que abondan as carballeiras. Diante desas informacións, varios grupos políticos da cidade e a asociación ecoloxista Adega prenderon unhas alarmas que a Xunta procurou minimizar porque, resaltou, no novo proxecto diminuíu o impacto ambiental ao introducirse mudanzas como a supresión doutro viaduto inicialmente previsto por riba do rego de Samai.

Punto do paseo do Rato onde o proxecto da rolda leste de Lugo prevé un viaduto (arriba) e contorna do rego de Samai, tamén atinxida pola obra CC-BY-SA Xunta - Proxecto da rolda leste en 2011

Pero a controversia xa estaba lanzada e, en pleno período preelectoral, o feito de que a Xunta non divulgase o novo proxecto enteiro non fixo máis que acrecentala. Así, por exemplo, nos derradeiros días de 2022 e nos primeiros do 2023 Lara Méndez volvía reclamar da Consellería información completa sobre o novo trazado dunha infraestrutura "vital", subliñaba, para retirar un importante volume de tráfico rodado, incluído o dirixido cara ao hospital, de barrios da cidade como o das Fontiñas ou da propia estrada paralela ao paseo do Rato. En caso de confirmarse o impacto sobre arredor dun quilómetro de carballeiras no Rato, coida a rexedora, cumprirá mudar o trazado para "protexer o patrimonio natural".

C's atribúe ás "présas electoralistas" da candidata do PP que a Xunta "saque do caixón" unha "aberracción que aniquila a Reserva da Biosfera e aposta por afastar o trazado do río e a súa contorna

Mentres, o grupo municipal de Ciudadanos alertaba de que os planos do novo proxecto acreditaban que o trazado previsto pola Xunta segue sendo "unha auténtica aberración que aniquila a Reserva da Biosfera Terras do Miño", afirmaba o concelleiro Juan Vidal-Pardo, quen subliñaba que xa en 2021 se opuxeran e lanzaran advertencias ao respecto coa documentación dispoñible daquela. Para o grupo que encabeza Olga Louzao, trátase dun "despropósito" sobre un "tesouro natural único" que, sinala a formación, só pode ser evitado cun novo trazado que leve a segunda fase da rolda leste a desembocar lonxe deste afluente do río Miño, por exemplo, conectándoa coa LU-11 (acceso á cidade dende Nadela), o que a afastaría uns dous quilómetros dese delicado espazo natural.

Para C's, os anuncios da Xunta sobre a Rolda Leste ás portas das eleccións responden ás "présas electoralistas" do PP e da súa candidata á alcaldía, a ex-alcaldesa de Mondoñedo Elena Candia, aínda que iso implique "sacar dun caixón un anteproxecto desfasado", "lesivo para o patrimonio natural" e impropio "do século XXI". Cara a Candia, que ata o momento non se pronunciou, apuntaba tamén este luns Rubén Arroxo,  tenente da Alcaldía e candidato do BNG local. O nacionalista é contrario ao trazado polo Rato e, tras analizalo coa axuda da asociación ecoloxista Adega -coa que tamén se reuniu C's-, vai alén para considerar que "a necesidade deste vial é moi relativa" e, en calquera caso, non pode implicar un "importante impacto ecolóxico" nas carballeiras do Rato.

Arroxo, tenente da alcaldía e candidato do BNG, pide frear o proxecto antes de que "non teña marcha atrás" e non desbota a convocatoria de mobilizacións. O PP atribúe a oposición ao "nacionalismo rancio"

Neste contexto, Arroxo avanzou nos últimos días que o Bloque lucense prevé iniciar unha campaña de información entre a veciñanza e mesmo valora convocar mobilizacións. Trátase, di, de evitar un impacto que "non teña marcha atrás" como os que noutrora, equiparou, supuxeron "perdas" para a cidade como a demolición do desaparecido Gran Teatro (1996) para construír no seu lugar pisos de luxo. 

En ausencia de valoracións da súa candidata á alcaldía, as valoracións do PP lucense sobre o controvertido trazado chegan dende o seu grupo municipal, que a pasada semana reclamou debater en pleno pola vía de urxencia unha moción de "apoio á construción" da "moi demandada" Rolda Leste "dando cumprimento a toda a normativa de aplicación" e afearon que Méndez e Arroxo non secundasen a petición. Previamente, os edís populares atribuíran a oposición de Arroxo ao trazado ao que consideran como "reaparición do BNG máis rancio" e dun "nacionalismo radical" que "pensa en pequeno", afirmou o concelleiro Antonio Ameijide.

Este é o panorama en torno a unha agardada infraestrutura que, unha vez máis, semella que volverá ser unha das claves do debate electoral lucense cara ás municipais do 28M. Os grupos políticos, os colectivos ecoloxistas e a veciñanza en xeral terán a oportunidade de manifestar a súa postura a través de alegacións formais cando a Xunta decida iniciar a fase de exposición pública do novo trazado, datas que en últimas instancia dependen en exclusiva da vontade política do Goberno galego.

Interesouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.