As Zonas de Baixas Emisións das cidades galegas nacen con poucas restricións ao tráfico pero coa aposta pola peonalización do centro

Autobús urbano nunha rúa da Coruña © Concello da Coruña

As Directrices aprobadas polo Ministerio para a creación das ZBE ofrecen dúas alternativas para o seu funcionamento: aplicar restricións de entrada e de circulación aos vehículos máis contaminantes ou cobrar peaxes polo acceso

A Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, aprobada o pasado ano obriga á creación antes do 1 de xaneiro de 2023 de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) nas cidades de máis de 50.000 habitantes co obxectivo de mellorar a calidade do aire e a saúde da poboación, reducindo as emisións de contaminantes atmosféricos e o ruído provocado polos vehículos. Estas ZBE deben enmarcarse dentro dunha estratexia máis ampla, aprobada nun PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sustentable) que fomente os modos de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público, vehículo compartido) en detrimento do vehículo privado e fomente ademais a electrificación.

As Directrices aprobadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para a creación das ZBE ofrecen dúas alternativas para o funcionamento destas áreas. A primeira é aplicar restricións de entrada e de circulación aos vehículos en función das etiquetas asignadas pola DXT tendo en conta as súas emisións no proceso de homologación. Esta é a opción elixida por varias cidades, como Madrid ou Barcelona, por exemplo, que limitan o ingreso no centro das cidades dos vehículos máis contaminantes de persoas non residentes.

Rúa Rosalía de Castro. Pontevedra CC-BY-SA Juan Mejuto

Porén, algunhas das ZBE propostas polas cidades galegas buscan ser máis fieis ao espírito que á letra das directrices, apostando por "profundar na redución do tránsito e da circulación vehicular en toda a cidade e no calmado do seu tránsito, coa consecuente redución de emisións"

Outra opción é cobrar unha peaxe entrar e circular nas zonas reguladas, aplicando tarifas progresivas en función das etiquetas da DXT, pagando máis os vehículos máis contaminantes e menos os vehículos menos contaminantes, en base ao principio “quen contamina paga”. Esta é unha opción que, por exemplo, se vén empregando en Londres ou Milán dende hai anos. As directrices do Ministerio abren a porta a excepcións "sempre que non poñan en risco o cumprimento dos obxectivos das ZBE", aplicadas a residentes, especialmente ás rendas máis baixas, e tamén a servizos públicos ou á atención a pesoas dependentes.

Porén, algunhas das ZBE propostas polas cidades galegas buscan ser máis fieis ao espírito que á letra das directrices, apostando por "profundar na redución do tránsito e da circulación vehicular en toda a cidade e no calmado do seu tránsito, coa consecuente redución de emisións", como destaca o PMUS aprobado en Pontevedra. E, polo tanto, propoñen non incorporar novas restricións á circulación de vehículos nin tampouco peaxes de pago, senón manter (e estender por áreas máis extensas) a política xa desenvolvida nos últimos anos de desincentivar o uso do coche.

Este é o caso de Pontevedra, pero tamén o da Coruña, que deseñou unha ZBE igualmente extensa, que abrangue toda a superficie da cidade entre a Ronda de Outeiro e o mar, en dous aneis diferenciados; aínda que o proxecto prevé a instalación inmediata de cámaras de control nos límites das zonas para evitar o paso dos vehículos máis contaminantes, o Concello asegura que esta restrición non se aplicará nestes momentos, dado que os niveis de contaminación da cidade -defenden- non son elevados. En cambio, a urbe herculina aposta como Pontevedra por incidir nas actuais medidas de peonalización, mellorar do transporte público e dos desprazamentos en bicicleta.

En varias cidades galegas as ZBE propostas coinciden coa superficie dos seus cascos históricos nos que, como sucede en Compostela e -nos últimos anos- en Lugo a presenza dos coches xa é moi limitada

En varias cidades galegas as ZBE propostas coinciden coa superficie dos seus cascos históricos nos que, como sucede en Compostela e -nos últimos anos- en Lugo a presenza dos coches xa é moi limitada. Nestes casos deféndese seguir incidindo nesta política, apostando por centros nos que os desprazamentos se realicen a pé e tamén en bicicleta ou vehículos de mobilidade persoal. Nestes dous casos non habería moitas máis restricións ao acceso de vehículos contaminantes que as xa existentes. De igual xeito, todo apunta que Ferrol presentará unha ZBE limitada ao seu casco histórico, que neste caso abrangue os barrios de Ferrol Vello e A Madalena, nos que dende anos se proxecta unha ampla peonalización, aínda non executada. A cidade naval podería aproveitar esta ZBE para completar este vello proxecto.

Vigo é a única cidade que propón expresamente aplicar restricións de acceso aos vehículos máis contaminantes, unha decisión que podería provocar conflitos en todas as urbes a poucos meses das eleccións municipais

En Ourense, pola súa banda, a ZBE abrangue tamén o casco histórico da cidade, aínda que entendido dunha maneira ampla, entre o Parque de San Lázaro e o Xardín do Posío e delimitado polas rúas Progreso, Coruña, Pena Trevinca, Pardo Bazán e Habana, un espazo que no seu interior inclúe zonas peonís e outras que non o son. En Vigo, finalmente, o Concello deseñou catro Zonas de Baixas Emisións en distintos lugares da cidades, que suman 67 hectáreas, escollidas en base a criterios de densidade poboación, a intensidade da actividade comercial e peonil, a contaminación acústica, a existencia de vías de alta capacidade ou a escaseza de zonas verdes na contorna.

Todas as cidades galegas rexeitan a imposición de peaxes de acceso e practicamente todas aseguran que as Zonas de Baixas Emisións non restrinxirán o acceso dos vehículos máis contaminantes, cando menos de momento. Vigo é a única que propón esta posibilidade, que tampouco rexeita Ourense, aínda que a cidade das Burgas evita poñer o foco nesta cuestión. 

Haberá que agardar a que o Ministerio para a Transición Ecolóxica acepte ou non as propostas enviadas polas urbes galegas e tamén á posta en marcha real das ZBE, dos seus mecanismos de control (cámaras, principalmente) e da aplicación futura de restricións mesmo naqueles lugares onde hoxe se descartan. Dende logo, a proximidade das eleccións municipais, que se celebrarán dentro de sete meses, non semella un momento propicio para anunciar prohibicións de acceso.

A outra cuestión son os tempos, pois dificilmente as ZBE das cidades galegas, agás o de Pontevedra, estarán en marcha antes do 1 de xaneiro, cando en teoría deberían facelo. Dende a FEMP pediuse ao Ministerio unha moratoria no inicio da aplicación desta medida, tendo en conta que o decreto que debe rexir o seu funcionamento (por exemplo detallando as sancións para os vehículos infractores) aínda non foi publicado. Dende o Goberno central, no entanto, negouse que se fose a aplicar moratoria ningunha e instouse ás cidades a acelerar os prazos para a posta en marcha das zonas.

Pontevedra

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Pontevedra establece que todo o espazo urbano da cidade (non só o centro, senón tamén as áreas de Monte Porreiro, Estribela e O Burgo) será unha gran Zona de Baixas Emisións, pero nela non haberá restricións específicas para vehículos en función do seu nivel de contaminación. 

As ZBE "tamén constitúen unha oportunidade inmellorable para recuperar o valioso espazo público urbano que, durante décadas, veuse ocupando por infraestrutura viaria destinada ao tráfico e ao estacionamento", defende Pontevedra

Pontevedra defende que as ZBE "non deben ser vistas unicamente como zonas que discriminan entre vehículos motorizados nos tres últimos chanzos da pirámide, favorecendo aos de menores emisións, aínda que así queden definidas na normativa", senón que "deben ser entendidas como zonas que consideran todo o conxunto da pirámide e promoven as mobilidades peonil, ciclista e en transporte público, adaptadas e accesibles para toda a poboación por diante tamén dos vehículos motorizados de baixas emisións". A cidade, que é un referente internacional na mobilidade sostible e na redución de emisións apunta que as ZBE "tamén constitúen unha oportunidade inmellorable para recuperar o valioso espazo público urbano que, durante décadas, veuse ocupando por infraestrutura viaria destinada ao tráfico e ao estacionamento". 

As directrices do Ministerio sinalan que "os criterios de acceso e circulación deben ir encamiñados a disuadir o máximo posible o acceso do vehículo privado motorizado en xeral, tanto de particulares como de empresas, independentemente do distintivo ambiental que ostente"

Pontevedra basea o seu argumento nas propias directrices do Ministerio, que afirman que "os criterios de acceso e circulación deben ir encamiñados a disuadir o máximo posible o acceso do vehículo privado motorizado en xeral, tanto de particulares como de empresas, independentemente do distintivo ambiental que ostente". A cidade cre que restrinxir o acceso dos vehículos máis contaminantes pero permitir o de vehículos eléctricos e de baixas emisións "sería contraproducente en Pontevedra, xa que cada vez habería máis vehículos de baixas emisións e eléctricos, contrariamente ao obxectivo esencial de reducir os vehículos nas cidades para liberar espazo para outros usos". 

De igual xeito, maniféstase en contra do cobro de peaxes para acceder ao centro das cidades, por consideralas "discriminatorias", pois "poderían acceder e circular os que poidan pagar e non os que realmente o necesitan". Ademais, considera que calquera das dúas opcións crearía "illas" na cidade, espazos "limpos" en contraposición con outros barrios nos que os coches seguirían a contaminar.

A Coruña

Na Coruña haberá 38 puntos de control con cámaras de vixilancia que permiten a lectura automática de matrículas (29 deles na Rolda de Outeiro) para controlar que vehículos acceden ás dúas zonas delimitadas

A Coruña establecerá unha Zona de Baixas Emisións con dous aneis nos que nun futuro se aplicarán medidas distintas, máis ou menos estritas. O anel exterior terá como límite a Rolda de Outeiro, desde o Millennium á avenida do Exército; e o anel interior está delimitado por unha liña que parte da praia de Riazor (Rubine, Praza de Pontevedra) e percorre Juan Flórez ata o inicio de Alfonso Molina, abranguendo dende aí ata o mar e incluíndo polo tanto o Ensanche, a Peixaría, a Cidade Vella e Monte Alto.

Haberá 38 puntos de control con cámaras de vixilancia que permiten a lectura automática de matrículas (29 deles na Rolda de Outeiro) para controlar que vehículos acceden ás dúas zonas delimitadas e para, chegado o caso, establecer a prohibición de entrada aos coches máis contaminantes e sancionalos no caso de que o fagan.

Con todo, o Concello fai fincapé na consolidación das zonas peonís xa existentes ou en proceso (Cidade Vella e Parrote, Cantóns, Mariña...) e das rúas en vías de ser peonalizadas (Alcalde Marchesi, Primavera, Compostela e Ramón Cabanillas). Tamén na instalación de novos controis de velocidade e radares que garantan o cumprimento do actual límite de 30 quilómetros por hora. E, igualmente, no fomento dos desprazamentos en bicicleta e VMP.

Vigo

En relación coa imposición de restricións e sancións, o alcalde da cidade, Abel Caballero, foi moi claro: "ordénao a lei, non o alcalde de Vigo"

En Vigo o Concello anunciou a creación de catro Zonas de Baixas Emisións, unha no centro (delimitada polas rúas Cánovas del Castillo, Praza de Compostela, Colón, Urzaiz, Ronda de Don Bosco, Cachamuíña, Pi i Margall e O Berbés), outra anexa na Praza de Portugal (Uruguai, República Arxentina, Cervantes, Urzaiz, Lepanto e Alfonso XIII), outra no barrio do Calvario (Jenaro de la Fuente, Urzaiz e Gregorio Espino) e unha cuarta en Bouzas (Paz Andrade, Eduardo Cabello, Simancas, Camilo Veiga e Avenida Atlántida).

Entre todas suman 67 hectáreas e nos seus accesos instalaranse cámaras coa capacidade de ler matrículas automaticamente e así vetar o acceso de vehículos contaminantes en determinadas circunstancias e con diferentes condicións (en calquera momento do día, a algunhas horas concretas, algúns días da semana...). As ZBE viguesas, sinala o Goberno local, estarán en marcha e operativas ao longo de 2023, en función da licitación e da instalación dos novos sistemas de control. En relación coa imposición de restricións e sancións, o alcalde da cidade, Abel Caballero, foi moi claro: "ordénao a lei, non o alcalde de Vigo".

Ourense

En Ourense, no espazo delimitado polas rúas Progreso, Coruña, Pena Trevinca, Pardo Bazán e Habana establecerase unha ZBE

En Ourense, no espazo delimitado polas rúas Progreso, Coruña, Pena Trevinca, Pardo Bazán e Habana establecerase unha Zona de Baixas Emisións. O proxecto inclúe a instalación de sinais específicas, cámaras de control de acceso e estacións de medición da contaminación atmosférica. O obxectivo é que o espazo estea preparado para restrinxir o acceso dos vehículos sen distintivo ambiental da DGT (de gasolina anteriores a 2001 e diésel anteriores a 2006).

Lugo

En Lugo a ZBE estará delimitada pola propia muralla da cidade, un espazo que nos últimos anos foi sendo cada vez máis peonil e no que se quere levar a cabo unha "peonalización integral"

En Lugo a Zona de Baixas Emisións estará delimitada pola propia muralla da cidade, un espazo que nos últimos anos foi sendo cada vez máis peonil e no que se quere levar a cabo unha "peonalización integral", con actuacións na Praza do Ferrol e San Fernando e nas rúas Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros, Montevideo e Amor Meilán; nun futuro, levaríase a cabo a reforma da Praza de  Santo Domingo e da rúa do Teatro. 

O obxectivo, sinala a alcaldesa Lara Méndez, é "reducir as emisións nun 40% en espazos con trafico de 37.000 vehículos semanais”. Quérese “gañar espazos para a cidadanía, reducindo o tráfico rodado e renaturalizando as prazas e rúas co fin de minorar a contaminación atmosférica, os niveis de ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde da cidadanía, pero tamén perigosas para a conservación do noso rico patrimonio histórico e patrimonial, especialmente os Patrimonio da Humanidade”, sinalou a pasada semana a rexedora.

A praza da Mosqueira, ao carón da Muralla de Lugo, recentemente peonalizada CC-BY-SA Praza Pública

Santiago

De xeito moi semellante á proposta lucense, en Compostela a Zona de Baixas Emisións corresponderá coa 'améndoa' do casco histórico da cidade, un espazo que xa é maioritariamente peonil

De xeito moi semellante á proposta lucense, en Compostela a Zona de Baixas Emisións corresponderá coa 'améndoa' do casco histórico da cidade, segundo o adiantado polo Goberno municipal, que aínda non concretou o seu deseño exacto. En todo caso, dende a Praza de Rodrigo de Padrón, o perímetro da ZBE pasará polo Campo da Estrela, a Praza de Galicia, Virxe da Cerca, Porta do Camiño e San Roque. Quedaría por definir o peche deste perímetro, que podería ser pola rúa da Trinidade, Costa de San Francisco, Costa Vella e Rúa do Hospitaliño ou abranguer un espazo algo maior.

Practicamente toda a superficie que abrangue esta ZBE é xa na actualidade un espazo peonil, polo que neste caso as restricións para uns ou outros vehículos non terían excesiva incidencia. Ficaría por concretar, en todo caso, se as rúas que conforman o perímetro da ZBE, que hoxe sofren un tráfico importante (Rodas, Virxe da Cerca, Senra...) forman parte da área con restricións ou simplemente establecen a 'fronteira'.

Ferrol

En Ferrol a proposta de ZBE ligarase aos proxectos de peonalización de Ferrol Vello e do conxunto do barrio da Madalena, desbotando a aplicación dee restricións para uns ou outros coches e indicando neste senso que "se non van a entrar os vehículos, o mesmo ten o ano de fabricación dos mesmos"

En Ferrol, ao igual que en Compostela, o Concello aínda non presentou publicamente a súa proposta para a creación da Zona de Baixas Emisións. O atraso débese en boa medida ás dificultades que o Goberno municipal está a atopar para a aprobar o PMUS, que conta co apoio de PSdeG e Ferrol en Común e co rexeitamento (por motivos opostos) de PP e BNG. 

O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, apuntou que a proposta de ZBE da cidade naval ligarase aos proxectos de peonalización de Ferrol Vello e do conxunto do barrio da Madalena, desbotando a aplicación de peaxes ou restricións para uns ou outros coches e indicando neste senso que "se non van a entrar os vehículos, o mesmo ten o ano de fabricación dos mesmos". "Estamos analizando se co plan no que se está traballando xa se cumprirían os requisitos" impostos polo Ministerio, apuntou o concelleiro. No ano 2017 o Goberno municipal (nese momento, de Ferrol en Común) presentou a proposta de peonalización do barrio da Madalena, non executada aínda, pero que sería clave na creación da ZBE local.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.