Un estudo constata un problema de polución e contaminación acústica provocado polo tráfico en Vigo

Polución Vigo contaminación tráfico © Ecoloxistas en Acción

Os resultados obtidos "constatan a situación nociva para a saúde pública que padece a poboación viguesa ante as décadas de desleixo do goberno municipal para reducir e pacificar o tráfico de vehículos a motor"

Greenpeace e Ecoloxistas en Acción presentaron este mércores, no marco da Semana Europea da Mobilidade, un estudo sobre a polución e a contaminación acústica que causa o tráfico de vehículos a motor nas rúas de Vigo, en base ás medicións obtidas en 11 puntos distintos da cidade. As dúas entidade subliñan que os resultados obtidos "constatan a situación nociva para a saúde pública que padece a poboación viguesa ante as décadas de desleixo do goberno municipal para reducir e pacificar o tráfico de vehículos a motor".

Dende hai anos os sucesivos informes sobre a calidade do aire no Estado español publicados por Ecoloxistas en Acción veñen revelando que na cidade olívica, baseados nos datos obtidos nas dúas estacións de medición de calidade do aire da Xunta (Coia e Lope de Vega) e nas dúas de Stellantis, veñen reflectindo uns niveis de partículas e gases nocivos que se sitúan por riba dos limiares máximos establecidos pola Organización Mundial da Saúde. Agora, este estudo vén confirmar de novo esta realidade, sumando ademais un preocupante retrato sobre a contaminación acústica xerada polo tráfico rodado, con datos que tamén superan as recomendacións da OMS

Os datos recolléronse en nós de comunicación significativos da cidade pola súa afluencia de peóns ou pola súa proximidade a colexios

Para a realización do estudo tomáronse medicións do ruído xerado polo tráfico e da materia particulada, tanto de diámetro menor a 10 micras como menor de 2,5 micras, e dos gases emitidos ao ambiente polos escapes dos vehículos. Os datos recolléronse en nós de comunicación significativos da cidade pola súa afluencia de peóns ou pola súa proximidade a colexios. En cada nó tomáronse medicións durante unha serie consecutiva de días para poder establecer unha media ademais do valor máximo obtido. 

Tanto os datos oficiais da Xunta coma os resultados deste estudo "corroboran a necesidade de adoptar medidas inmediatas de pacificación e redución do tráfico rodado na cidade de Vigo"

Greenpeace e Ecoloxistas en Acción recoñecen que "o traballo de campo realizado polo voluntariado non pretende competir en rigor científico coas estacións oficiais medidoras da calidade do aire de Vigo, nin na metodoloxía da recollida da mostraxe nin na precisión dos aparatos de medida". Porén, as dúas entidades apuntan que tanto os datos oficiais da Xunta coma os resultados deste estudo "corroboran a necesidade de adoptar medidas inmediatas de pacificación e redución do tráfico rodado na cidade de Vigo". 

Acción de Greenpeace en Vigo "inaugurando" unha zona de baixas emisións © Greenpeace

"A grave situación só ten arranxo coa aplicación de medidas de maior calado como a declaración de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) nas zonas onde o aire se fai máis irrespirable e hai máis afluencia de viandantes"

Neste senso propoñen medidas como o fomento da mobilidade activa, a mellora do transporte colectivo ou a peonalización de rúas. Ademais, sinalan que "a grave situación só ten arranxo coa aplicación de medidas de maior calado como a declaración de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) nas zonas onde o aire se fai máis irrespirable e hai máis afluencia de viandantes". Hai uns días Greenpeace levou a cabo unha acción na rúa para "inaugurar" unha Zona de Baixas Emisións na cidade, denunciando a "pasividade" dos Gobernos locais e o carácter "cosmético" de moitas das ZBE previstas.

"Instamos ao Concello a que mediante a designación de amplas zonas de baixas emisións, reoriente o modelo vixente de mobilidade en Vigo"

“Non pode continuar o desleixo do goberno local cun problema tan grave que afecta á saúde dos seus concidadáns e ao cambio climático. Instamos ao Concello a que mediante a designación de amplas zonas de baixas emisións, reoriente o modelo vixente de mobilidade en Vigo, no que predomina o automóbil que utiliza combustibles fósiles, cara a outra configuración modal na que predominen a mobilidade activa e o transporte público”, afirma Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción Vigo.

Medición da calidade do aire e da contaminación acústica levada a cabo en Vigo © Ecoloxistas en Acción

Os datos

A concentración de partículas PM2,5, asociada co aumento das enfermidades respiratorias e a diminución do funcionamento pulmonar, supera os limiares da OMS

Nas rúas de Vigo a concentración de CO2 supera na maioría das medicións os 630 pm, un 53% superior ao valor medio na atmosfera. Este dato, sinala o informe, "evidencia que a achega de gases efecto invernadoiro que fai a cidade de Vigo é significativa". 

Tamén supera os limiares da OMS a concentración no aire de partículas PM10 e PM2,5, asociadas con numerosos efectos negativos sobre a saúde, como o aumento das enfermidades respiratorias e a diminución do funcionamento pulmonar.

En todos os lugares nos que se realizaron medicións do ruído xerado polo tráfico, os datos obtidos amosaron "unha alta contaminación acústica"

O mesmo sucede co ruído xerado polo tráfico. En todos os lugares nos que se realizaron medicións do ruído xerado polo tráfico, os datos obtidos amosaron "unha alta contaminación acústica". De feito, o valor medio en case todos os puntos rolda os 80 decibelios e con picos superiores aos 90 decibelios. Estes valores exceden o máximo de 53 db diúrno e 45 db nocturno recomendado pola OMS.

A Comisión Europea cifra en 10.000 as mortes prematuras ao ano por mor do ruído e sinala que os efectos principais son trastornos non auditivos relacionados co ruído como estrés, ansiedade e depresión, insomnio por imposibilidade de conciliar o sono, diminución do rendemento e a aprendizaxe, incremento do risco cardiovascular e da mortalidade por causas respiratorias, cardiocirculatorias e diabetes en certos grupos de idade (maiores de 65 anos). 

Acción de Ecoloxistas en Acción para reclamar medidas de mellora da calidade do aire en Vigo © Ecoloxistas en Acción

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.