Todas as cidades galegas incumpren os novos niveis de calidade do aire establecidos pola OMS

Vista de Vigo dende o alto CC-BY-SA elchicogris

A Organización Mundial da Saúde (OMS) modificou este mércores os limiares mínimos de calidade do aire, establecendo por primeira vez en 15 anos novos límites para a presenza de partículas en suspensión de menos de 2,5 micras de diámetro (PM₂,₅), de partículas de menos de 10 micras (PM₁₀), do ozono (O₃), do dióxido de nitróxeno (NO₂), do dióxido de xofre (SO₂) e do monóxido de carbono (CO). Estas directrices son as únicas recomendacións cientificamente recoñecidas a nivel mundial sobre a calidade do aire que respiramos, cuxo cumprimento reduce significativamente os riscos para as persoas. 

O principal cambio afecta ao dióxido de nitróxeno, unha molécula que nas cidades se concentra pola acción dos motores de gasolina e diesel e que provoca importantes problemas respiratorios

O principal cambio afecta ao dióxido de nitróxeno (NO₂), cun límite máximo de 10 microgramos por metro cúbico, fronte aos anteriores 40 microgramos. Trátase dunha molécula que nas cidades se concentra pola acción dos motores de gasolina e diesel e que provoca importantes problemas respiratorios. Ademais, a guía da OMS para as partículas inferiores a 2,5 micras (PM2,5) –as máis prexudiciais para a saúde–  baixa de 10 a 5 µg/m3, cando a normativa actual permite 20 µg/m3.

Atasco de tráfico en Vigo CC-BY-SA Contando estrelas

A aplicación destes novos niveis fan que moitos territorios, especialmente cidades, que anteriormente cumprían cos niveis mínimos establecidos pola OMS agora xa non o fagan. É o caso das sete urbes galegas, que agora incumpren na súa totalidade estes niveis recomendados. No ano 2020, por mor da limitación da mobilidade e dos desprazamentos en coche motivados pola pandemia de COVID, as cidades galegas reduciron notablemente a súa contaminación. Porén, se tomamos como referencia os datos do 2019, o último ano pre-pandémico, a situación é moi distinta.

Os niveis de NO2 en Vigo e Ourense duplicaron no último ano prepandémico a nova guía anual da OMS, que tamén foi superada, en menor medida, no resto das sete principais cidades do país. 

Como destaca Ecoloxistas en Acción nun comunicado, os niveis de NO2 en Vigo e Ourense duplicaron nese ano a nova guía anual da OMS, que tamén foi superada, en menor medida, no resto das sete principais cidades do país. No tocante aos niveis de PM2,5 duplicouse a nova recomendación da OMS en todas as principais áreas urbanas, rexistrándose o maior valor en Vigo (13 µg/m3). A entidade lembra que o NO2 provoca cada ano en España ao redor de 7.000 mortes prematuras, segundo o Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Europea de Medio Ambiente. 

"Se os concellos queren protexer a saúde da súa cidadanía" deben "implantar de forma rápida e ambiciosa" as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) ás que lles obriga antes de 2023 a Lei de Cambio Climático, "reducindo de forma drástica o tráfico urbano", di a entidade

Ecoloxistas en Acción subliña que a redución dos niveis de contaminación que a OMS considera como malsáns "debería ser un estímulo para os diferentes gobernos de cara a avanzar todo o posíbel na mellora da calidade do aire". "Débese ter como meta estes obxectivos e non os límites legais que marca a normativa, que non sempre garanten a protección da saúde. Polo menos mentres a lexislación non se aproxime máis ao coñecemento científico, o que está previsto que suceda en 2022, coa revisión da Directiva europea de calidade do aire", sinala.

Para a organización ecoloxista, "a crise da COVID-19 demostrou que a redución estrutural do tráfico motorizado e os cambios nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire nas cidades". Por iso, "se os concellos queren protexer a saúde da súa cidadanía" aposta por "implantar de forma rápida e ambiciosa" as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) ás que lles obriga antes de 2023 a Lei de Cambio Climático, "reducindo de forma drástica o tráfico urbano".

Imaxe de arquivo dun atasco na Coruña © Policía Local A Coruña

“Pedimos ás autoridades que consoliden boas prácticas de mobilidade adquiridas durante a pandemia", di Xosé Veiras

“Pedimos ás autoridades que consoliden boas prácticas de mobilidade adquiridas durante a pandemia como a compra de proximidade, o teletraballo, a administración electrónica ou o escalonamento de horarios laborais,  alén de potenciar o transporte colectivo eléctrico e a mobilidade activa peonil e ciclista, redistribuíndo o espazo urbano en beneficio destes medios”, conclúe Xosé Veiras, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.