A diminución da mobilidade en vehículos a motor provocada pola COVID e as restricións derivadas da pandemia provocou en 2020 unha mellora "sen precedentes" en Galicia da calidade do aire. Así se recolle no informe anual que neste ámbito realiza Ecoloxistas en Acción e que, aínda así, conclúe que case o 30% da poboación galega respirou o ano pasado aire prexudicial para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Malia a mellora "sen precedentes" da calidade do aire pola caída da mobilidade motorizada, o 30% da poboación galega respirou aire prexudicial en 2020
Son arredor de 800.000 galegos (29% da poboación) os que respiraron aire nocivo --medio millón menos que en 2019--, case todos eles residentes nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo, entre as que se inclúe Arteixo, que é analizada de forma particular no informe á hora de avaliar a contaminación. Precisamente, a refinaría de Repsol desta localidade, así como outras industrias e o tráfico urbano e portuario son as causas da mala calidade do aire nas dúas grandes urbes de Galicia e os seus concellos limítrofes.
O informe de Ecoloxistas en Acción advirte das preocupantes" concentracións tóxicas dalgún canceríxeno na cidade da Coruña
A afectación principal nestas áreas débese aos altos niveis de partículas e dióxido de xofre (SO2), unha situación que tamén se dá na contorna doutras industrias, caso de Finsa (Santiago), Megasa (Narón), Cementos Cosmos (Oural-Sarria) e Alcoa San Cibrao.
Ademais, e malia que en 2020 reduciuse a concentración do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na estación do polígono industrial da Agrela da Coruña --desde os 0,94 ng/m3 (nanogramos por metro cúbico) alcanzados en 2019 a 0,52 ng/m3, por riba da suxestión da OMS (0,12 ng/m3) e por debaixo do valor obxectivo anual establecido pola normativa en 1 ng/m3-- os niveis tócicos no aire desta cidade seguen a ser "preocupantes".
Segundo o informe, e tamén pola evolución no tempo desta contaminación, a toxicidade "parece relacionada coas emisións de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) de Alu Ibérica (antiga Alcoa A Coruña) e Showa Denko Carbon", tal e como Ecoloxistas en Acción "vén denunciando desde 2019" e polo que reclama á Xunta "un maior número de medicións deste contaminante en todo o país e un estudo específico ao respecto do caso coruñés".
A redución media de contaminación do aire en Galicia en comparación co período 2012-2019 foi dun 33%
Con todo, durante 2020 rexistrouse unha mellora xeral dos niveis de contaminación do aire en comparación co período 2012-2019, na que destaca a redución media nun 33% dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), debido sobre todo á caída da mobilidade motorizada urbana e interurbana que provocou a COVID. Situouse nos niveis máis baixos da última década.
Este descenso nas viaxes motorizadas tamén influiu na baixada nun 74% dos niveis de ozono troposférico ou malo, dado que "os óxidos de nitróxeno son precursores deste contaminante, que se forma na atmosfera a partir doutros".
Durante o primeiro estado de alarma, de marzo a xuño de 2020, a contaminación por NO2 foi a metade do habitual na Coruña e Vigo
Segundo destaca o informe, a mellora da calidade do aire por NO2 foi "máxima" durante o primeiro estado de alarma (do 14 de marzo ao 21 de xuño), onde a contaminación alcanzou na Coruña o 52% dos niveis habituais nesas datas polo 53% en Vigo.
Xa que logo, a diminución dos niveis de contaminación foron moito maiores para aqueles contaminantes ligados ás emisións do tráfico e menos ás doutras fontes como a industria, "malia o efecto positivo do colapso da produción eléctrica con carbón". Así, a redución media dos niveis de partículas inferiores a 10 micras (PM10) foi de só o 9%.
O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza, no caso do noso país, os datos recollidos en 57 estacións oficiais de medición da calidade do aire distribuídas por todo o territorio galego, pertencentes a distintas institucións e empresas. A entidade destaca que que a única estación orientada ao tráfico existente na área metropolitana da Coruña, a da Xunta en Riazor, estivo inoperativa durante todo o ano por mor das obras no novo espazo público Amizar, sen que a Consellería de Medio Ambiente a reubicase, sequera temporalmente.
En conclusión, o estudo destaca que Galicia é un territorio con catro principais fontes contaminantes: algunhas grandes industrias, as centrais térmicas de carbón (Meirama pechou en xuño e a das Pontes prevé facelo axiña) e gas natural, o tráfico marítimo e o tráfico rodado das grandes cidades.
Os catro grandes focos contaminantes de Galicia (grandes industrias, térmicas e tráfico rodado e marítimo) "espallan a contaminación polo resto de Galicia"
O informe volve advertir de que a contaminación que xeran estes grandes focos "espállase polo resto de Galicia, afectando zonas máis afastadas e rurais en forma de ozono troposférico", especialmente no sur do país e a sotavento das centrais térmicas de carbón e gas nas Pontes e da refinería de Repsol na Coruña. A consecuencia son esas 800.000 persoas respirando aire prexudicial en Galicia en 2020, ano no que, pola contra, houbo unah drástica caída do ozono na totalidade do territorio, que estivo libre de niveis de contaminación de danasen a vexetación.
Desde Ecoloxistas en Acción, e tendo en conta o descenso na contaminación que sobre todo nas cidades provocaron as limitacións á mobilidade insístese en "diminuír o tráfico motorizado, potenciando o tránsito peonil, a bicicleta e o transporte publico limpo", ademais de promover "o aforro enerxético".