Un descenso de máis do 75%. Esa foi a caída nas emisións de dióxido de carbono (CO₂) das centrais de carbón situadas en Galicia en 2019 con respecto ao ano anterior. Segundo os datos feitos públicos pola UE, a baixada no principal gas de efecto invernadoiro (GEI) causante da crise climática no país foi dun 75,2%, pasando das 10,1 millóns de toneladas de 2018 ás 2,5 de 2019, situando as emisións totais territoriais destes GEI no nivel máis baixo desde 1990.
As emisións de dióxido de carbono das centrais de carbón en Galicia descenderon en máis dun 75% en 2019
A central de carbón de Endesa nas Pontes, que anunciou os seus plans de peche este pasado ano, emitiu 2,3 millóns de toneladas fronte aos 7,9 millóns de 2018, segundo a análise dos datos realizadas pola plataforma Galiza, un futuro sen carbón. Esta redución foi tamén importante na central de Naturgy en Meirama, que ten previsto o peche para o vindeiro verán, ao pasar dos 2,2 millóns de toneladas ás 0,2 do pasado ano.
Só desde a instalación de Cerceda, por poñer un exemplo, saíron en 2017 2.380.000 toneladas de CO₂, unha cantidade equivalente ao 42% das emisións de gases de efecto invernadoiro de todo o sector do transporte en Galicia ao longo de 2015 (último ano con datos accesíbeis).
A drástica redución nas emisións de CO₂ vén provocada pola caída nun 71,6% da produción eléctrica con carbón, derivada da suba do prezo do CO₂ no mercado europeo de emisións, o que restou competitividade a este combustible fronte aos ciclos cominbados a gas natural, menos intensivos nestas emisións.
A diminución das emisións de CO₂ das térmicas de carbón en Galicia vai en paralelo á rexistrada en toda a UE, aínda que é moi superior á media europea (-24,3%) e á española (-59,4%). Esta redución, como explica Galiza, un futuro sen carbón, "seguramente terá aproximado as emisións de GEI por habitante de Galicia á media da Unión Europea".
Porque en Galicia, durante os últimos anos, a elevada xeración eléctrica con carbón provocou que a achega por habitante do país á crise climática fose moi superior á media da UE. En 2017, último ano con datos oficiais para as emisións totais de GEI no país, as nosas emisións por habitante ascendían a 11,2 toneladas, fronte a 7,7 en España e 8,8 na UE.
Galicia superou en 2019 obxectivo de redución de emisións das térmicas proposto para 2030
O impacto da caída na produción eléctrica con carbón foi tal que en 2019, segundo explica a plataforma, superouse o obxectivo de redución das emisións das térmicas (carbón e ciclos combinados) proposto pola Xunta para 2030. Estaba fixado nun descenso do 54,3% respecto de 1990 e alcanzou xa o 72,2%.
Con todo, como aclaran, esa caída na produción das centrais de carbón en 2019 "non foi compensada pola produción de máis electricidade renovábel senón polo descenso no consumo e na exportación neta de electricidade e mais polo aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa)".
Todos os factores anteriores, engaden, provocaron unha forte diminución das emisións totais de CO₂ das centrais térmicas (carbón máis ciclos combinados) e, por conseguinte, do impacto sobre o clima global da produción eléctrica galega. As emisións territoriais totais de GEI de Galicia quedaron no nivel máis baixo desde 1990, hai 30 anos, o que "demostra que o peche das xa innecesarias centrais de carbón é, de lonxe, a mellor medida ao noso alcance hoxe para reducirmos drasticamente as emisións galegas de GEI".
"Lamentablemente", di Galiza, mellor sen carbón, "o Goberno galego teima en minusvalorar a emerxencia climática e en defender o carbón, por iso a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) carece de ambición".
Malia o descenso nas emisións, a central das Pontes segue a ser a industria galega con maior impacto climático
A plataforma aclara que "a falta de compromiso climático da Xunta non se limita ao sector eléctrico" e que, "aínda que os datos oficiais das emisións totais de Galicia en 2019 non se coñecerán até 2021, semella que non serán moi superiores ás que a EGCCE propón como obxectivo para 2030, isto é, 22 millóns de toneladas. E todo indica que, debido á crise económica desencadeada pola Covid-19, as emisións caerán por debaixo desta cifra durante o presente ano.
A central de carbón das Pontes, con todo, segue a ser a industria galega con maior impacto climático, malia a importante baixada na súa actividade. Endesa xa manifestou a súa intención de pechar a factoría no segundo semestre de 2021, "aínda que Xunta, Goberno central e Parlamento galego presionan para que a actividade se manteña mediante a co-combustión de carbón con outros residuos orgánicos e mantendo activos dous dos seus catro grupos".
Hai tan só dúas semanas, o Executivo central, xunto cos principais sindicatos do Estado, selou con Endesa, Naturgy e Iberdrola acordos de transicón xusto para As Pontes e Meirama (Cerceda) co compromiso de manteren o emprego ante o peche das dúas centrais térmicas. Ademais, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) emitiu xa informes favorables para que ambas empresas procedan á clausura das súas centrais en León. As seguintes serán as galegas, cuxo proceso de desmantelamento durará meses e dará traballo o persoal.
En comparación con anos anteriores, Endesa segue a ser a empresa responsable do maior volume de emisións directas de CO₂ á atmosfera en Galicia. Naturgy, que pechará a central de carbón de Meirama en 2020, foi desprazada da segunda posición pola fábrica de alúmina-aluminio de San Cibrao.
No terceiro lugar sitúase a refinería de petróleo de Repsol na Coruña, con pouco máis de 1 millón de toneladas de CO₂, e en cuarto, a central de ciclo combinado de Endesa nas Pontes, con máis de 735.000. A planta de ciclo combinado en Sabón e a de Meirama, ambas as dúas de Naturgy, son as seguintes nesta clasificación.
Malia a baixada, a central das Pontes é aínda a cuarta instalación de España que máis CO₂ emite
Malia o espectacular descenso nas emisións, a central térmica das Pontes é aínda a cuarta instalación con máis emisións de CO₂ no Estado, só superada por ArcelorMittal, a central de carbón de Aboño e a refinería de Cartagena. Xusto despois sitúase Vueling, mentres que o complexo industrial de Repsol na Coruña sitúase no posto 23º.