A metade da poboación galega respirou aire contaminado, con niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Esa é unha das principais conclusións do informe de Ecoloxistas en Acción, La calidad del aire en el Estado español durante 2019, que analiza a información recollida durante o pasado ano por 54 estacións oficiais de medición instaladas en Galicia, pertencentes ás redes da Xunta, dos Concellos da Coruña e de Ourense, do Estado, dos portos da Coruña e Ferrol e de distintas industrias.
A metade da poboación galega respirou aire contaminado, con niveis de que superan as recomendacións da OMS
Segundo o informe, arredor de 1,3 millóns de galegos e galegas "seguiron respirando aire contaminado durante 2019", menos que en 2018 pola influencia do tempo húmido e suave. Aínda así, unha mala calidade do aire que ten a súa orixe fundamental en catro fontes principais: o tráfico rodado das cidades, ademais do marítimo nas cidades costeiras; as centrais termoeléctricas de carbón e gas natural; a refinaría de petróleo da Coruña; e algunhas grandes industrias dos sectores metalúrxico, siderúrxico, madeireiro e cementeiro.
Os principais focos da contaminación do aire seguen a ser os mesmos. Ao igual que os informes de anos anteriores, Ecoloxistas en Acción destaca que nas sete cidades galegas "rexistráronse superacións dos valores medios anuais e/ou diarios recomendados pola OMS para as partículas PM10 y PM2,5, sobre todo en Vigo e na Coruña". Na urbe coruñesa, ademais, superouse o valor medio diario para o dióxido de xofre (SO2), e en Ferrol e Santiago o valor medio diario recomendado para o ozono troposférico (O3).
O tráfico rodado, as centrais de Meirama e As Pontes, Cementos Cosmos, a refinería da Coruña, Alcoa ou Megasa son os principais focos contaminantes
Pero hai máis zonas onde se superou o valor medio anual para as particulas PM2,5 recomendado pola OMS: na contorna das fábricas de Alcoa en San Cibrao, Megasa (Narón), FINSA-Santiago e da central de carbón de Naturgy en Meirama. Ademais, na área de influencia da factoría de alúmina e aluminio na Mariña tamén se superou o valor medio diario para SO2, o mesmo que na da refinaría de Repsol, na Coruña e Arteixo, aínda que o maior número de superacións se volveu a rexistrar un ano máis nas proximidades da cementeira de Cosmos en Oural (Sarria).
Porque durante 2019 a contaminación atmosférica mantívose en conxunto estable, cunha redución xeral dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2) pero ascensos dos de partículas (PM10 e PM2,5), mentres as concentraciones de ozono troposférico (O3) diminuíron de xeito notable.
O tempo inestable e húmido e a calor moderada reduciu a contaminación no aire con respecto a 2018
Segundo destaca o informe, e como é habitual, "non se superaron os límites legais para as concentracións no aire dos diversos contaminantes". No entanto, o documento toma como referencia os máis estritos valores máximos de contaminación recomendados pola OMS, así como o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación establecido pola Unión Europea. De acordo con eses niveis, "o aire sucio afectou a metade da poboación residente en Galicia durante 2019, mais non á vexetación".
Ademais, Ecoloxistas en Acción destaca que o tempo na primavera e o outono foi inestable e húmido, con predominio de tipos de tempo ciclónicos que "favoreceron a dispersión e deposición de dióxido de nitróxeno (NO2) e partículas". Ademais, a moderada calor estival "reduciu as concentracións de ozono troposférico (O3) por debaixo das rexistradas nos últimos anos". Esta é a razón principal do descenso á metade da poboación afectada pola contaminación en relación a 2018, ano en que toda a poboación galega respirou aire contaminado e nun terzo da superficie do país a contaminación afectou a vexetación.
Con todo, nalgunhas estacións, segundo di o informe, superouse o valor octohorario recomendado para o O3 , caso de dúas situadas na contorna das centrais de carbón e de ciclo combinado a gas natural de Endesa nas Pontes.
Alén disto, Ecoloxistas en Acción pon o foco nun contaminante "que suscita unha inquedanza crecente a medida que se van obtendo máis datos sobre os seus niveis, aínda moi pouco coñecidos": o canceríxeno benzopireno, relacionado coa industria metalúrxica e as centrais de biomasa.
Ecoloxistas en Acción pon o foco no contaminante canceríxeno benzopireno, cuxos valores recomendados son superados en varios puntos da Coruña
Segundo di, a situación é "especialmente preocupante" na Coruña, aínda que durante 2019 diminuíron os valores medidos en 2017 e 2018 na estación de Riazor, probablemente pola menor actividade da fábrica de aluminio Aluibérica da Agrela. Mesmo así, na devandita estación superouse o valor medio anual recomendado pola OMS, o mesmo que noutras estacións situadas na cidade coruñesa, salientando o valor medido na Agrela, moi próximo ao límite legal. Son tamén relevantes, di o informe, os valores obtidos, por primeiro ano, na contorna das instalacións de Ence e de Ferroatlántica-Cee (agora Xeal).
Por último, Ecoloxistas en Acción pide "abordar a contaminación do aire como un problema de saúde pública de primeira orde" e lembra que "10.000 persoas morren anuamente en España morren anualmente en España en episodios de alta contaminación como os rexistrados a finais de febreiro e xuño e a mediados de xullo de 2019, 150 delas en Galicia".
Así, reclama "unha ruptura co modelo do transporte terrestre baseado no vehículo privado, da aceleración da transición enerxética, dunha reestruturación da industria, da penalización do diésel e da redución do transporte marítimo e do uso do avión".