A contaminación nas cidades galegas redúcese tamén na segunda onda da pandemia, pero menos que na primeira

Imaxe da AP-9 sen apenas tráfico durante o estado de alarma © Audasa

Un dos efectos máis significativos do confinamento e as restricións de mobilidade ás que obrigou durante a primavera a pandemia de Covid-19 foi a importantísima redución na contaminación. A súbita diminución do uso dos automóbiles, principais causantes da polución nas cidades, fixo que caesen de golpe os niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), pois os vehículos de combustión son a principal fonte deste contaminante. Na segunda quincena de marzo, coincidindo coas dúas primeiras semanas do estado de alarma, a contaminación caeu un 56% na Coruña e un 60% en Vigo con respecto á media dos dez anos anteriores nese período. Os descensos foron semellantes en Lugo, Ourense, Santiago e tamén en vilas como Lalín ou Ponteareas, segundo se podía comprobar nas estacións de medición da Xunta.

O regreso da "nova normalidade" trouxo tamén unha recuperación do uso dos vehículos de motor, pero sen acadar aínda os niveis de desprazamentos dos anos anteriores

Durante o mes de abril, segundo os datos publicados por Ecoloxistas en Acción, o descenso foi mesmo superior (60 % na Coruña e 66% en Vigo). A entidade ambientalista facía nese momento un chamamento a aproveitar a actual crise para repensar por completo a forma en que realizamos os nosos desprazamentos nas cidades.

Ecoloxistas en Acción vén de presentar un novo informe, que actualiza os datos publicados a pasada primavera, e no que destaca que a contaminación nas cidades galegas seguiu a reducirse durante o verán e o outono, aínda que en menor medida que na pasada primavera. O regreso da "nova normalidade" trouxo tamén unha recuperación do uso dos vehículos de motor, pero sen acadar aínda os niveis de desprazamentos dos anos anteriores. Isto fixo que os niveis de contaminación aumentasen con respecto ao estado de alarma que abrangueu os meses de marzo, abril, maio e a primeira metade de xuño, pero sen chegar ás cifras do período 2010-2019.

Así, mentres que durante a primavera os niveis de dióxido de nitróxeno descenderan un 52% na Coruña (en maio e xuño, a medida que a desescalada ía progresando, a contaminación medrou con respecto a marzo e abril), durante o verán a contaminación caeu un 44% (durante o mes de agosto houbo restricións na cidade) e xa no outono a polución reduciuse un 42% con respecto aos niveis habituais.

En Vigo as diferenzas entre a primavera e os seis meses seguintes son máis grandes que na Coruña

En Vigo as diferenzas entre a primavera e os seis meses seguintes son máis grandes. Entre marzo e xuño o descenso da contaminación fora do 53%, mentres que en xullo e agosto foi do 43% e en setembro e outubro tan só do 31%. 

En conxunto, entre marzo e outubro, o descenso nos niveis de dióxido de nitróxeno foi do 47,5% en Vigo e A Coruña. Os descensos das dúas meirandes cidades galegas son semellantes aos que se rexistran no resto de urbes do Estado, analizadas tamén neste informe, cunha media do 38%

Para Ecoloxistas en Acción, os datos amosan que "as posibilidades de mellora da calidade do aire" seguen "de forma inevitable á redución do tráfico motorizado e a racionalización das pautas de mobilidade"

Para Ecoloxistas en Acción, os datos amosan que "as posibilidades de mellora da calidade do aire" seguen "de forma inevitable á redución do tráfico motorizado e a racionalización das pautas de mobilidade". A entidade subliña que a pesar de que algunhas cidades si puxeron en marcha medidas neste senso, que inclúen a peonalización de rúas ou a construción da máis máis carrís-bici, a dinámica habitual foi un notable incremento do uso dos coches.

Ademais, a asociación alerta de que "a volta á actividade supuxo a volta ao vehículo privado en detrimento do transporte público, percibido como potencialmente perigoso". "A pesar da insistencia en que a evidencia científica apunta en sentido contrario sempre que as frecuencias e capacidades sexan razoables, sen un plan de reforzo do servizo do transporte público urbano é evidente que os cidadáns que o poidan permitir van evitalo, mentres que os que non teñan máis remedio usarano, cos riscos que poida incluír o uso de autobuses, trens e metros masificados"

A entidade apunta ao incremento da mortalidade causada pola contaminación CC-BY-SA ck

Ecoloxistas en Acción lembra que un estudo do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatística do Instituto de Saúde Carlos III sinala que a mortalidade atribuíble á exposición ao dióxido de nitróxeno (NO2) e ao ozono ascendería en conxunto en España a unha media de 10.000 mortes anuais. "Pequenas reducións nos niveis destes contaminantes poden ser determinantes para salvar vidas no curto prazo", apunta.

A asociación alerta de que "a volta á actividade supuxo a volta ao vehículo privado en detrimento do transporte público, percibido como potencialmente perigoso"

A entidade destaca así mesmo que estudos aínda preliminares en China, Europa e Estados Unidos están a relacionar a mortalidade ocasionada pola COVID-19 coa exposición a longo prazo á contaminación atmosférica, tanto ás partículas finas (PM2,5) como ao NO2. Esta relación derivaría da afección aos sistemas respiratorio e inmunitario e eventualmente da contribución á transmisión do coronavirus, na que as PM2,5 actuarían como vectores. En Europa, dita relación foi apuntada con especial intensidade no Norte de Italia e a área metropolitana de Madrid.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.