O proceso de peonalización da zona histórica da cidade de Lugo, iniciado a finais dos anos 90 e que trouxo consigo a retirada dos coches das súas principais rúas e en parte da contorna da Muralla romana, está a piques de culminar. A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, confirmou este 29 de setembro que a Xunta de Goberno Local deu o seu visto e prace á solicitude de fondos europeos Next Generation de recuperación para peonalizar o 15% desta contorna que aínda está aberta aos coches.
O goberno lucense aproba solicitar fondos Next Generation para peonalizar o 15% da contorna histórica aínda aberta ao tráfico rodado e converter o interior da Muralla nunha das zonas de baixas emisións obrigatorias en virtude da lei do cambio climático dende 2023
O plan posto en marcha polo goberno local lucense implica que a zona intramuros se converta nunha das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) que todas as cidades con máis de 50.000 habitantes deben ter en marcha, a máis tardar, no ano 2023 ao abeiro da lei do cambio climático. Con este obxectivo, a primeira das solicitudes para a convocatoria de fondos europeos xa lanzada polo Ministerio de Transportes implica 4,4 millóns de subvención -ao que se engadirán 1,5 millóns municipais- para peonalizar, renovar servizos e ampliar zonas verdes entre a Porta do Hospital e a praza de Ferrol e rúas adxacentes, a rúa de San Fernando e mais a rúa do Teatro e a parte aínda non peonil da praza de Santo Domingo.
O segundo paquete deste plan de peonalización é para o denominado Centro Arteria Verde, que prevé "dar continuidade" a unha área xa peonalizada -entre as portas da Muralla do Bispo Aguirre e do Campo Castelo- con outra que está en plenas obras de peonalización -A Mosqueira-. Así, a praza da Constitución e as rúas Cidade de Vigo e Ángel López Pérez serán peonalizadas e nesta contorna crearase "un amplo parque público". Sinala Méndez que, dado que a orde o permite, o Concello tamén aposta por cofinanciar as obras da Mosqueira -xa en marcha- con estes fondos.
O proxecto, sinala Lara Méndez, implica "maiores zonas axardinadas e de arborado" con "peonalizacións adaptadas ao cambio climático"
Co horizonte temporal do ano 2024, a rexedora mantén que o horizonte é "crear unha rede peonil íntegra" intramuros que sexa "cómoda e accesible" pero tamén "adaptada ao cambio climático" e por iso "estamos a deseñar peonalizacións diferentes, que inclúan maiores zonas axardinadas e de arborado", nas que o casco histórico "é deficitario". Trátase, agrega, de "reducir o tráfico rodado e renaturalizar o recinto amurallado" para "minorar a contaminación, o ruído e as vibracións, altamente prexudicaiis para a saúde e perigosas para o patrimonio histórico".
Sinala tamén Méndez que, unha vez peonalizadas, todas estas rúas quedarán configuradas con plataformas únicas e libres de barreiras arquitectónicas. O plan contempla que, como nas actuais zonas peonís, alén dos vehículos de emerxencia poidan acceder automóbiles e furgonetas de reparto nos seus horarios, así como residentes -para entrar nos garaxes, por exemplo-, que terán que pasar por un "sistema de control de accesos por lector de matrícula". Tamén será posible o acceso aos aparcadoiros públicos que quedarán dentro das novas zonas peonís, no seu caso entrando e saíndo pola porta da Muralla máis próxima.