Este martes entra en vigor o novo límite de velocidade de 30 km/h en todas as vías urbanas que teñan un carril por cada sentido da circulación. A nova regulación afecta a todos os núcleos urbanos e só quedan fóra as rúas que teñan máis de dous carrís para cada sentido da circulación (nas que o límite será de 50 km/h) e as rúas de plataforma única (nas que o límite é de 20 km/h).
O límite de 30 km/h busca diminuír o número de atropelos, facilitar a coexistencia entre coches, bicicletas e patinetes, e reducir a contaminación e o ruído
O límite de 30 km/h, que busca diminuír o número de atropelos, facilitar a coexistencia entre coches, bicicletas e patinetes, e reducir a contaminación e o ruído, xa se aplicaba dende hai un tempo en varias cidades, como Pontevedra, A Coruña e Lugo. Pontevedra foi, de feito, pioneira en todo o Estado, poñendo en marcha esa medida no ano 2011. A Coruña comezou a aplicar o límíte de 30 km/h o pasado mes de setembro e tamén Lugo púxoo en marcha hai uns meses na maior parte das rúas da cidade, comezando pola Ronda da Muralla.
Non haberá grandes cambios este martes, polo tanto, en Pontevedra, onde de feito o límite nas vías de plataforma única é mesmo máis reducido (10 km/h) e que grazas á limitación a 30 km/h e outras medidas conseguiu reducir ao mínimo os atropelos e, sobre todo, as mortes por atropelo. Tampouco na Coruña, onde dende hai meses son poucas as rúas nas que se pode circular a máis de 30 km/h (Ronda de Outeiro, Ronda de Nelle, Avenida de Alfonso Molina ou o Paseo Marítimo), e mesmo algunhas delas comezaron a implantar carrís con límite situado nos 30 km/h, para facer máis segura a circulación de bicicletas e patinetes.
Pontevedra aplica a medida dende o 2011 e A Coruña converteuse en 'Cidade 30' o pasado mes de setembro. Tamén Lugo chega a este martes "cos deberes feitos"
E o mesmo sucede en Lugo, onde no ano 2017 a Rolda da Muralla ou as avenidas Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo incorporaron a limitación a 30 km/h, destacando a alcaldesa Lara Méndez que Lugo é "unha cidade adiantada na protección ao peón”. O mesmo subliñou o Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, que salientou que “en Lugo tíñamos os deberes feitos. As principais rúas da cidade xa tiñan á velocidade modificada" engadindo que agora se abre "unha nova etapa con rúas de plataforma única na que as persoas sexan protagonistas".
O límite de 30 km/h aplicarase polo tanto na maioría de rúas de cidades e vilas, con moi poucas excepcións, entre elas as travesías, estradas principais que atravesan núcleos de poboación e onde o límite seguirá sendo de 50 km/h. Si se aplicará o límite de 30 km/h, en cambio, naquelas vías con dous carrís en cada sentido cando un dos carrís estea reservado para o transporte público (carril-bus) ou para outros vehículos (carril-bici). Hai unhas semanas a DGT e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) presentaron un Manual de aplicación de los nuevos límites de velocidad en vías urbanas y travesías, un documento que busca resolver todas as dúbidas concretas que poidan existir.
Menos atropelos, máis seguridade
A medida servirá, por exemplo, para reducir a sinistralidade nas zonas urbanas, especialmente a que sofren peóns e peoas, e tamén ciclistas e usuarios e usuarias de vehículos de mobilidade persoal. O risco de morrer atropelado para un peón ou peoa redúcese notablemente se o impacto dun vehículo se produce a menor velocidade. Así, calcúlase que mentres que a 60 km/h hai un 50% de probabilidade de morte, a 30 km/h a probabilidade de falecemento descende ata o 5%, dez veces menos. Todos os anos prodúcense máis de 10.000 atropelos nas zonas urbanas do Estado Español, producindo máis de 200 mortes (232 no 2018) e ao redor de 1.600 persoas feridas que deben ser hospitalizadas.
Entre o 60 e o 75% dos falecidos en accidentes de tráfico en vías urbanas en Galicia nos últimos anos morreron por atropelos e que o 71 por cento dos peóns falecidos nas cidades teñen 65 ou máis anos
É unha simple cuestión de física. A máis velocidade, un vehículo tarda máis metros en deterse, tanto polo tempo de reacción (calcúlase que o condutor medio tarda un segundo en comezar a frear) como polo tempo de freada. A 30 Km/h un coche percorre 12 metros antes de deterse completamente mentres que a 50 Km/h esta distancia aumenta a 24 metros. Iso si, coa rúa mollada a distancia de freado increméntase case un 50%.
A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, destacou este martes as vantaxes da entrada en vigor da reforma legal, indicando que entre o 60 e o 75% dos falecidos en accidentes de tráfico en vías urbanas en Galicia nos últimos anos morreron por atropelos e que o 71 por cento dos peóns falecidos nas cidades teñen 65 ou máis anos.
O límite de 30 km/h, un primeiro paso
A entrada en vigor en todo o Estado do novo límite foi celebrada por grupos ecoloxistas e de fomento da mobilidade sustentable, que levaban anos demandando a redución das velocidades máximas nas zonas urbanas e a pacificación do tráfico. Ciudades que Caminan entende que a medida é só "o primeiro paso" nun proceso que debe dirixirse a rúas máis habitables e cómodas para os seus habitantes: "é un primeiro paso para ir limpando as cidades dos coches que lles sobran" e incide na necesidade de ir poñendo en marcha as Zonas de Baixas Emisións, que serán obrigatorias en todas as cidades de máis de 50.000 habitantes a partir do ano 2023.
Ciudades que Caminan pide acompañar a nova regulación doutras medidas para acougar o tráfico "e converter as rúas e prazas en lugares máis amables"
O colectivo, que agrupa a ducias de cidades (entre elas Pontevedra, A Coruña, Ourense, Ferrol, Vilagarcía ou Carballo) publicou hai meses un documento con recomendacións ás cidades para que acompañen esta redución legal da velocidade urbana con outras medidas para acougar o tráfico "e converter as rúas e prazas en lugares máis amables". Entre estas medidas inclúense estreitar carrís de circulación, elevar os pasos de peóns á altura das beirarrúas, ampliar o número de rúas con plataforma única como zonas de convivencia para peóns e vehículos, crear itinerarios peonís, eliminar os tráficos de paso e as zonas de aparcadoiro libre nas rúas, "tendo en conta que os automóbiles non poden ocupar inactivos o lugar que podería dedicarse a outras actividades urbanas moi necesarias para revitalizar o espazo público e a vida de barrios e cidades".
Ecoloxistas en Acción demanda aos concellos que poñan en marcha "dispositivos eficaces para garantir o seu cumprimento"
Mentres, Ecoloxistas en Acción, que demanda aos concellos que poñan en marcha "dispositivos eficaces para garantir o seu cumprimento", sinala que "a redución da velocidade é un paso importante, pero necesitamos outros moitos pasos nun proceso que está a xerar numerosos debates en todos os ámbitos territoriais e institucionais ao redor de temas relacionados coa mobilidade, sobre o tren e solucións intermodais, peonalizacións e carrís bicis, pacificación de contornas escolares, contaminación por tráfico e cambio climático”. A entidade fai especial fincapé, igualmente na creación de Zonas de Baixas Emisións nas cidades galegas.