O límite de 30 km/h en todas as vías urbanas: a medida que naceu en Pontevedra e outras cidades galegas comezaran xa a aplicar

30 km/h é dende agora a velocidade máxima permitida en todas as vías urbanas dun único carril por sentido de circulación © Cidades que Camiñan

No ano 2011 Pontevedra converteuse na primeira cidade do Estado español que limitou a 30 km/h a velocidade en todas as vías do seu territorio urbano

No ano 2011 Pontevedra converteuse na primeira cidade do Estado español que limitou a 30 km/h a velocidade en todas as vías do seu territorio urbano, medida que comezara a aplicar no centro uns anos antes. Nos anos seguintes foron varias as urbes que seguiron o seu exemplo, destacando a medida adoptada en Bilbao hai uns meses, cando se converteu na primeira cidade de máis de 300.000 habitantes en dar este paso. Tamén o fixo A Coruña, que o pasado mes de maio aprobou esa limitación para todas as vías, agás as que teñan máis dun carril por sentido, unha medida que se comezou a aplicar no mes de setembro.

Este martes o Goberno central aprobou un paquete de medidas que buscan reducir os accidentes de tráfico e a súa gravidade, unhas actuacións entre as que destaca a limitación a 30 km/h da velocidade en todas as vías urbanas dun único carril por sentido de circulación, a mesma medida que xa leva nove anos en vigor en Pontevedra e uns meses na Coruña. 

Este martes o Goberno central aprobou esta limitación para as vías urbanas de todo o Estado. Varias cidades galegas xa comezaran a aplicar medidas nesta dirección

Nas vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación o límite seguirá sendo de 50 km/h e nas vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa, o límite máximo será de 20 km/h (no casco histórico de Pontevedra a limitación neste caso é de 10 km/h). Estes límites non se aplicarán até pasados seis meses, para que a cidadanía os coñeza de forma adecuada e para que as administracións públicas dispoñan dun prazo suficiente para adaptar a sinalización. Noutra medida que tamén busca protexer os peóns e peoas, o Goberno modifica tamén a normativa para deixar claro que os "vehículos de mobilidade persoal" (os patinetes eléctricos) non poden circular polas beirarrúas e zonas peonís, unha medida que xa foran adoptando moitas cidades nos seus regulamentos.

Pontevedra foi a primeira cidade do Estado español en aplicar a limitación a 30 km/h en todo o espazo urbano © Concello de Pontevedra

Calcúlase que mentres que a 60 km/h hai un 50% de probabilidade de morte, a 30 km/h a probabilidade de falecemento descende ata o 5%, dez veces menos

O risco de morrer atropelado para un peón ou peoa redúcese notablemente se o impacto dun vehículo se produce a menor velocidade. Así, calcúlase que mentres que a 60 km/h hai un 50% de probabilidade de morte, a 30 km/h a probabilidade de falecemento descende ata o 5%, dez veces menos. Todos os anos prodúcense máis de 10.000 atropelos nas zonas urbanas do Estado Español, producindo máis de 200 mortes (232 no 2018) e ao redor de 1.600 persoas feridas que deben ser hospitalizadas. 

No ano 2019 unha vintena de peóns morreron atropelados nas estradas galegas (tanto nas zonas urbanas coma noutro tipo de vías) e, de feito, peóns, ciclistas e motoristas representan xa o 40% dos falecementos nas estradas, o que leva ao Gobernos a impulsar medidas para protexelos da velocidade excesiva dos coches e demais vehículos de gran tamaño.

Pontevedra foi pioneira nunha medida que nos últimos anos foi adoptada por máis e máis cidades en todo o planeta. O cambio do límite de 50 km/h a 30 km/h foi acompañado na cidade por un conxunto de actuacións destinadas a pacificar a circulación, obrigando os vehículos a reducir a súa velocidade para así converter as rúas en espazos máis amables e seguros para a cidadanía. Así, ao longo dos últimos anos instaláronse máis de 230 pasos de peóns sobreelevados (os "lombos"), que permiten dar continuidade ás beirarrúas, indicando ao conductor do automóbil que é él quen “invade” o espazo do peón, e non ao revés. Así mesmo, construíronse 35 rotondas de distinto radio, pensadas para moderar a velocidade nos treitos que o precisaban. Igualmente, reduciuse a anchura dos carrís de circulación ao mínimo imprescindible para unha condución prudente.

En maio o Goberno local da Coruña aprobou a declaración como Cidade 30, unha medida que comezou a aplicar nos meses seguintes en todo o espazo urbano

As vías do contorno rural que dependen da administración municipal tamén teñen limitación a 30 km/h e moitas delas xa dispoñen de lombos para o autocontrol da velocidade. O obxectivo é ir completando os medios de prevención dos sinistros a través do calmado do tráfico a motor, especialmente nos núcleos de centralidade esparexidos por todo o territorio.

A política seguida por Pontevedra é hoxe aplaudida de forma unánime e unha e outra vez recibe a confirmación (coa adopción de medidas coma a decidida este martes polo Goberno central) de que foi marcando o camiño a outras localidades. Porén, cando esta actuación foi aprobada, recibiu críticas nalgúns ámbitos da cidade (o PP aínda que dicía apoiar a medida, abstívose, mentres BNG e PSdeG votaron a favor).

Durante algunhas fases do proceso de desconfinamento A Coruña determinou a prioridade peonil nun gran número de rúas da cidade © Policía Local A Coruña

Tamén A Coruña anticipouse á medida aprobada este martes polo Goberno central. O pasado mes de maio, no marco da pandemia de coronavirus que concienciou a moitas cidades da necesidade de contar con máis espazo público para o seu uso por parte da cidadanía, o Concello aprobou a declaración da Coruña como Cidade 30, unha medida que comezou a aplicar nos meses seguintes en todo o espazo urbano, agás algunhas roldas de máis dun carril en cada sentido. A Coruña tamén aprobou que nas rúas con plataforma única se poderá circular como máximo a dez quilómetros por hora, menos o transporte público ao que lle estará permitido chegar aos 20 quilómetros por hora.

Lugo reduciu no ano 2017 a 30 km/h a velocidade máxima permitida na Rolda da Muralla

Así pois a medida aprobada polo Goberno central non terá incidencia ningunha en Pontevedra e A Coruña, pero si o fará no resto de localidades galegas, onde a velocidades máxima nas súas vías urbanas ficará reducida. Con todo, nos últimos anos varias das nosas cidades foran aprobando actuacións que ían nesta liña, algunhas moi simbólicas.

Vigo conta xa con máis de 200 rúas coa velocidade limitada a 30 km/h e tamén Compostela aprobou no mandato anterior esta limitación para todo o Ensanche

É o caso, por exemplo, de Lugo, que no ano 2017 limitou a 30 km/h a velocidade máxima permitida na Rolda da Muralla. Trátase dunha vía de dous carrís no mesmo sentido, polo que a nova medida aprobada polo Goberno central non sería aquí de aplicación. Porén, o simbolismo deste monumento e a súa protección fixeron recomendable limitar a velocidade da circulación nesta vía, apostando o tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, por que a Muralla deixe de ser "unha macro rotonda para os coches".

Tamén en Compostela, durante o mandato anterior, limitouse a velocidade máxima en todo o Ensanche a 30 km/h, o que de feito consolidou a maior parte do espazo urbano da capital de Galicia como unha cidade 30. De igual xeito, en Vigo os últimos anos o Goberno local foi aprobando a redución da velocidade máxima nun gran número de rúas en toda a cidade, sumando máis de 200 en todo o espazo urbano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.