O 2019 foi un ano positivo para a sinistralidade viaria en Galicia. O número de mortes nas estradas (90) foi o segundo máis baixo en toda a serie histórica, só mellorado polas 76 do ano 2017. Así mesmo, 2019 supuxo o regreso á tendencia descendente que se vén producindo nas últimas décadas e que fora interrrompida no 2018. A cifra de mortes está moi lonxe da que se rexistraba, por exemplo, no ano 2000, cando 380 persoas morreron nas estradas galegas.
No 2019 catro de cada dez persoas falecidas nas vías interurbanas foron peóns, ciclistas ou motoristas
Por provincias, A Coruña tivo 41 persoas falecidas; 24 en Pontevedra; 17 en Lugo; e 8 en Ourense. A maior parte das vítimas producíronse en vías convencionais, con 79, fronte ás 6 de autoestradas e ás 5 de autovías. O accidente mortal tipo en Galicia é unha colisión (40%) ou unha saída de vía (37%) nunha estrada convencional (88%) protagonizada por un turismo (52%) de entre 10 e 24 anos de antigüidade (58%) conducido por un home maior de 65 anos (27%) que sofre unha distracción (25%) ou velocidade non adecuada (18%).
Aumentou de 14 a 20 o número de peóns que morreron nas estradas galegas
Porén, nas cifras que este mércores deu a coñecer a Delegación do Goberno hai algúns datos que non poden ser celebrados. Sobre todo os relativos a algunhas vítimas determinadas, como peóns, ciclistas ou motoristas, os denominados "colectivos vulnerables", pois apenas contan con elementos de protección ante o impacto provocado por algún vehículo.
Das 90 vítimas mortais rexistradas no 2019 nas vías interurbanas, catro de cada dez corresponderon a algún destes grupos, un total de 36 mortes. Medraron especialmente os peóns falecidos por mor de atropelos, pasando de 14 a 20 no último ano.
Entre os obxectivos da DXT está o fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta, acompañado dunha maior protección destes colectivos
Nos últimos anos estase a producir unha constante diminución do número de vítimas mortais entre os e as condutoras e pasaxeiros/as de automóbiles. Porén, as cifras relativas a outros colectivos, como peóns ou ciclistas non están a seguir esa tendencia, polo que cada vez representan unha proporción maior entre os falecidos e feridos totais. De igual xeito, tamén están a aumentar a fecuencia e a mortalidade en Galicia dos atropelos e accidentes nas vías urbanas. Nas vías urbanas, dos 565 accidentes con vítimas que houbera en Galicia en 2011, pasouse a 1.770 en 2017.
Apóstase pola "pacificación do tráfico" mediante a extensión das zonas peonís e zonas 30, aumentar a visibilidade dos peóns e revisar as travesías e accesos a poboacións
A Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 da Dirección Xeral de Tráfico, que está a piques de rematar e ser relevada por unha novo documento de obxectivos, puxo entre os seus focos o fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta, acompañado dunha maior protección destes colectivos e "a incorporación do peón como usuario activo con dereitos e obrigas".
Entre as medidas propostas estaba "a elaboración de recomendacións técnicas sobre o deseño seguro na zona urbana e estradas locais para a mobilidade dos ciclistas e fomentar a construción de carrís bici segregados". E, igualmente, "a pacificación do tráfico mediante a extensión das zonas peonís, zonas 30 e zonas de encontro". Tamén a promoción da visibilidade dos peóns nos seus desprazamentos na estrada e a revisión das travesías e accesos a poboacións "para adecuar a velocidade ás esixencias da seguridade viaria".
