É posible que, se non vives na Mariña, o afundimento dun pequeno tramo da estrada N-642 entre Foz e Burela acontecido a pasada fin de semana che poida parecer un tema sen excesiva importancia. É un tramo moi pequeno e a apertura dun paso provisional, cun só carril regulado por semáforos e tránsito alternativo nun e noutro sentido, aliviou bastante a situación.
Pero non é menos certo que o bloqueo total da comarca ata que os técnicos non viron viable esa solución provisional, con rodeos de ata 30 quilómetros e impacto directo en servizos tan sensibles coma o Hospital da Costa, é unha mostra ben clara das eivas que sofre a mobilidade dunha comarca cun número de habitantes semellante aos das cidades de Ferrol ou Pontevedra. Pon o foco, ademais, nas múltiplas promesas pendentes para mellorala.
Neste episodio sabemos máis dos problemas de mobilidade na Mariña, que volveron quedar ao descuberto coa caída dun tramo de estrada entre Foz e Burela, e das eternas promesas para mellorala
Por todo isto, no novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, fixámonos na Mariña para saber algo máis dos eternos problemas para moverse por ela. Con David Reinero, xornalista de Praza.gal especializado en infraestruturas, lembramos como as áreas central e oriental da Mariña ficaron á marxe da autovía A-8, a Transcantábrica, e como non se dan concretado as promesas que os diversos gobernos realizaron durante dúas décadas para paliar esa exclusión.
Por exemplo, a principios de século falouse dun corredor de Barreiros a Ferrol. Pouco despois, Alberto Núñez Feijóo subiu a aposta cando e, como candidato en 2009, prometeu unha autovía dende Ferrol para 2012. Despois, coa crise económica como argumento reduciu o alcance do proxecto a un corredor cun carril por sentido que xa se iría facendo por treitos segundo a dispoñibilidade orzamentaria de cada momento, 80 quilómetros dos que hoxe só están en servizo 16, oito na circunvalación de Ortigueira aberta en 2013 e outros tantos entre San Cibrao e Celeiro, aberto en 2017.
No treito de San Cibrao a Barreiros, no que se atopa a zona da remuda, a responsabilidade é estatal e alí a promesa pendente é unha autovía, a autovía da Mariña (A-74). Hai agora un ano o ministerio expuxo ao público o proxecto de trazado de boa parte da infraestrutura, polo que xa só estaría pendente contratar as obras. Pero nos orzamentos do Estado aínda non hai cartos consignados como para que a actuación se acometa realmente.
'Milagres' en man común en Fitur
No segundo tramo do Fálase seguimos viaxando e pasamos da Mariña a Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se vén de celebrar en Madrid e onde estivo a nosa compañeira Ana G. Liste para seguir algo do moito que se amosou de Galicia. A cita ten defensores acérrimos e tamén detractores, dá lugar a escenas elocuentes, a momentos curiosos e mesmo a algún pequeno milagre en forma de consensos entre gobernos de signo político dispar.
Un dos defensores deses pequenos milagre, é o vicepresidente da Deputación da Coruña polo BNG, Xosé Regueira, que é tamén o responsable de turismo da institución. Con el falamos para coñecer algúns deses plans que el denomina "mancomunados", como o proxecto gastronómico dos fogóns do Anllóns e tamén arredor das fragas do Eume e a súa contorna. Mantén que proxectos coma estes poden ser beneficiosos para as contornas rurais a longo prazo, máis alá de ter un aluvión de visitantes nun momento determinado do ano, e contribuír a fixar poboación.
Para rematar o episodio, abrimos outra volta unha xanela para a reflexión da man de Rebeca Baceiredo. A profesora, filósofa e escritora fálanos de seguir co problema (ata o autotune na cultura galega).
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.