Seguir co problema (ata o autotune na cultura galega)

FØ Records © FØ Records

Cada xeración é constitutiva das novas tendencias das que o mercado se apropia e vende como última moda, por esa necesidade dunha permanente e aparente innovación e progreso, motivo polo que a dinámica é fagocitar cada nova proposta e practicamente nunca acompañar o proceso de maduración d@ artista

Tamén é máis doado pensar con amigas que soa, a min axúdanme os audios con Jatafarta. Afondamos no Caso Shakira, a partir da decisión inicial de que non tiña maior relevancia esa relación con Piqué na reflexión. Sintetizando os focos semánticos, teriamos o modelo postfeminista, que valida a individualidade e o empoderamento, a postironía e a oportunidade –de mercado ou creativa- que as xeracións maduras buscan na conexión coas novas, que son, coma todas, froito das semióticas e tecnoloxías nas que crecen.

Desta maneira, cada xeración é constitutiva das novas tendencias das que o mercado se apropia e vende como última moda, por esa necesidade dunha permanente e aparente innovación e progreso, motivo polo que a dinámica é fagocitar cada nova proposta e practicamente nunca acompañar o proceso de maduración d@ artista, aínda que hai algúns que o conseguen: neste caso a propia Shakira.

O trendy agora é o aspecto caseiro, que concede unha sorte de democratización da produción musical, cousa que interesa ao capital porque hai tempo que esa industria mudou o modelo de negocio. Tanto no tipo de son, co autotune, coma no tipo de imaxe que serve de soporte, a imaxe pobre, reivindícase o trash, a condición de lumpenproletariado

O trendy agora é o aspecto caseiro, que concede unha sorte de democratización da produción musical, cousa que interesa ao capital porque hai tempo que esa industria mudou o modelo de negocio. Tanto no tipo de son, co autotune, coma no tipo de imaxe que serve de soporte, a imaxe pobre, reivindícase o trash, a condición de lumpenproletariado (que entende que pode ou debe librarse da súa condición individualmente). Dalgún xeito pode encadrarse con algunhas definicións de bad music e tense sinalado unha liña común dos vídeos musicais postpandemia, preponderantemente en espazos pechados, claustrofóbicos. Hai que sumarlle a cultura das sesións -en estudos, dicimos, caseiros-. 

Despois do que se ten falado, tamén, nas últimas semanas a propósito da representación de Galicia, nostálxica e esencialista, escoitamos a música rur-urbana de FØ Records. Coches e pitos (de fumar) fannos pensar na importación galega da car culture americana (ou na colonización, con trinta ou corenta anos de retraso: de James Dean ou Grease aos rallies –con mortos- por Dodro, Negreira, Porto do Son ou por outras curvas galegas calquera). Semella unha deconstrución da masculinidade que se configuraba –e se configura aínda- con eses elementos, mesmo coa intención de expor a diferenza de clase e de mundo simbólico, é dicir, xogando co concepto de apropiación da cultura dominante, o que non deixa de ser unha reviravolta interesante: a apropiación da apropiación. Mesmo algúns sons nos achegan a Bollywood, mostrando a relación non imposible entre o trash e o kitsch.

Penso por que a música que están a facer mulleres galegas, dende o hip hop ao neotradi, si presentan certa autoconsciencia e mesmo remisións ao clasicismo, sen medo ao intelectual

Lemos unha entrevista a FØ Records en bolsadepatacas. Nin fuman, nin teñen carné, din, nin entenden por que ese tipo de cultura galega (que dalgún xeito tamén aparecía en Boyanca Kostova) non se mostra nas “altas artes” feitas dende aquí. Non se atopa, iso si, ningunha intención de descomposición dos modelos dominantes, económicos e/ou de xénero. Non latexa ningunha pretensión intelectual, ou quizais forme parte das posturas postirónicas propias da época: non é trendy mostrar tales intimidades, ou considerar que @ artista debe ser consciente de todas as implicacións semióticas do que fai… Superan o esencialismo pero, en principio, non a nostalxia –como eles recoñecen-: cores estridentes, formas lúdicas que compoñen a súa infancia, están presentes nas propostas. Será acaso que certos actos de creación implican chegar ás relacións materiais do momento –histórico, social ou económico- no que dá os primeiros pasos de conformación e diferenciación a identidade? 

Pero mantémonos no tío máis tío, di Jatafarta. Entón penso por que a música que están a facer mulleres galegas, dende o hip hop ao neotradi, si presentan certa autoconsciencia e mesmo remisións ao clasicismo, sen medo ao intelectual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.