A Xunta non contesta no Parlamento sobre o prazo da súa estrada da costa norte pero reclámao para a autovía estatal que a continuará

Estrada entre Ferrol e San Cibrao para a que en 2009 o PP prometeu como alternativa unha autovía © Google

Tras prometer en 2009 unha autovía de 80 quilómetros “en servizo en 2012”, o Goberno galego di que agora prioriza a “rendibilidade social e económica” e afea ao Goberno central que os seus 30 quilómetros tampouco avancen

A Xunta está a desenvolver novas infraestruturas viarias “priorizando aquelas actuacións máis necesarias atendendo a criterios de rendibilidade social e económica”. Así comeza a resposta que a Consellería de Infraestrutras vén de remitir ao Parlamento tras unha pregunta por escrito do PSdeG sobre os prazos da nova vía da costa norte, unha nova infraestrutura duns 80 quilómetros entre Ferrol e San Cibrao que en 2009 o PP prometeu no seu programa electoral como unha autovía “en servizo en 2012”. Hoxe só están abertos dous treitos illados de corredor, non de autovía, que suman 16 quilómetros e agora a Xunta prevé que un dos seus treitos, en San Sadurniño, sexa a primeira estrada de Galicia con deseño 2+1, con carrís de adiantamento alternos en toda a súa lonxitude. 

Esquema de estrada 2+1 con carrís de adiantamento alternos para as que o Ministerio de Transportes vén de aprobar a normativa © Ministerio de Transportes

Na súa resposta oficial ao Parlamento a Xunta non contesta á pregunta explícita sobre os prazos dunha infraestrutura que os populares prometeron como autovía para 2012, senón que reflexionan sobre planificar as infraestruturas de xieto viable “avanzando nas actuacións por fases, que faciliten a súa construción, e pagándoas con cargo aos orzamentos, a medida que isto sexa factible”. Un argumento contrario ao que defendía Feijóo ata hai uns anos, tanto como conselleiro de Política Territorial de Fraga como xa na presidencia da Xunta, cando apostaba polas concesións e as colaboracións público-privadas como mellor xeito de acelerar obras e pagalas máis adiante ante a limitación das contas anuais da administración.

A Xunta defende na súa resposta parlamentaria o deseño do treito duns 7,5 quilómetros de San Sadurniño como “a primeira vía deseñada como 2+1 en Galicia, na que existe en todo momento a posibilidade de adiantamento en treitos alternos en condicións de seguridade, cunha barreira física de separación”. Tamén pon en valor outros arranxos que está a realizar noutras estradas convencionais da contorna. E reprocha a inacción do Goberno de España.

Programa de Feijóo en 2009 no que fixaba para 2012 o remate dunha Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao Dominio Público Praza Pública

A Xunta non dá prazos para a súa actuación reducida de autovía a estrada 2+1 pero prevé “un alongamento dos prazos que, a día de hoxe, se descoñecen” da A-74 estatal que lle dará continuidade

“Tamén é moi relevante que o Goberno central avance na execución da Autovía da Mariña, a A-74”, di, a respecto da que sería a continuación da súa infraestrutura a partir de San Cibrao, cun porto de interese estatal e polo tanto conectado cunha estrada desa titularidade, e ata Barreiros, onde enlazaría coa A-8. Malia que a Xunta era preguntada pola súa infraestrutura, responde ao Parlamento que o orzamento do Estado “só recolle partidas simbólicas para os treitos pendentes” da A-74, duns 30 quilómetros de lonxitude, menos da metade do corredor previo de titularidade autonómica. Sobre a autovía estatal a Xunta mesmo prevé “un alongamento dos prazos que, a día de hoxe, se descoñecen”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.