- HEMEROTECA | A Xunta adía á próxima lexislatura o corredor da Costa Norte prometido hai tres lustros
“Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao (posta en servizo 2012)”. Iso era o que prometía o programa electoral co que o 1 de marzo de 2009 Alberto Núñez Feijóo acadou a presidencia da Xunta. Xusto nove anos despois, este xoves a súa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, confirmaba nunha comparecencia pública que os seus plans inmediatos para a comunicación viaria nesa zona pasan polo arranxo da estrada convencional actual e só a medio prazo, a partir de 2021, estuda a posible construción de dous treitos puntuais de nova vía de alta capacidade, non de autovía.
A conselleira de Infraestruturas anuncia a supresión dunha curva cada dous quilómetros da estrada actual ao tempo que desbota estudos previos xa realizados para o futuro corredor e anuncia outros novos
Malia que en 2009 o PP chegou á Xunta salientando que se estaba a producir unha crise económica que o bipartito de PSdeG e BNG non estaba a ver, agora os populares obvian que nesas circunstancias fixeran unha promesa dunha nova autovía de 80 quilómetros e optan por salientar que “nos momentos máis duros da crise, coas maiores restricións orzamentarias, a Xunta investiu 98 millóns de euros para poñer en servizo 16 quilómetros de vía de altas prestacións: a variante de Ortigueira e o treito Celeiro San-Cibrao”. Treitos eses que á súa vez rematou con varios anos de atraso.
Non haberá a autovía prometida, e esa vía de altas prestacións non aumentará dos seus 16 quilómetros actualmente en servizo ata dentro duns cantos anos, non precisados. Pola contra, o anunciado este xoves pola conselleira é que “a semana que vén comezará a contratación do novo proxecto de mellora dos 27 quilómetros da [estrada convencional] AC-862 que unen [Ferrol] con Ortigueira, un proxecto que, entre outras revisións, recollerá a rectificación de 13 curvas e incrementará en 6,5 km os terceiros carrís”. Isto é, fronte á promesa dunha autovía, o Goberno galego opta agora por eliminar unha media dunha curva cada dous quilómetros da estrada convencional actual. Ademais, os novos carrís de adiantamento, salienta, farán que exista esa posibilidade en 12 deses 27 quilómetros.
O propio Goberno galego compara a nova ponte que prevé sobre a ría de Viveiro coa que fixo en Noia e cuxa contratación foi criticada polo Consello de Contas
Nesta actuación de mellora da estrada convencional a Xunta investirá 10 millóns de euros, cantidade que nos orzamentos deste ano consignara para a nova vía de altas prestacións, na que o groso do investimento adíase ata a próxima lexislatura. Sobre esa futura nova infraestrutura, Vázquez avanzou este xoves que os próximos pasos da Xunta serán desbotar estudos previos xa realizados e encargar outros novos para dous treitos, en Viveiro e San Sadurniño, os únicos que prevé construír a medio prazo, non antes de 2021.
Así o fará no treito que evitará o paso da estrada actual polo centro de Viveiro, que ata o de agora estaba deseñado como unha circunvalación terrestre polo sur da localidade e que agora pasará a converterse nunha ponte de 1,7 quilómetros que cruzará a ría ao norte. A propia Xunta compara a actuación coa que realizou en Noia, onde o bipartito prevía igualmente unha circunvalación por terra que o PP desbotou para construír unha polémica ponte sobre a ría cuxa contratación foi criticada polo Consello de Contas: o Goberno galego adxudicoulla por 33 millóns de euros a Puentes y Calzadas fronte a outras oito competidoras malia que ofrecer unha rebaixa sobre o prezo de licitación de só 4,53 euros.
A Xunta tamén volverá reformular os estudos xa feitos no treito da futura vía máis próximo a Ferrol, ao seu paso polo concello de San Sadurniño. Segundo di, “o Goberno galego contempla seguir mellorando o proxecto” para “incrementar a eficacia e a eficiencia”. Para a obra non hai data.