Feijóo critica as autovías con peaxes en sombra que el mesmo deseñou como conselleiro

Feijóo, durante a súa intervención este mércores no Parlamento de Galicia Dominio Público @GrupoPopularGal

O PSdeG reprocha á Xunta que non cumprise o seu plan de infraestruturas lanzado en 2010 e o presidente escúdase na débeda pendente de estradas que fixo o bipartito cun modelo público-privado herdado de Fraga e no que seguiu insistindo o actual Goberno

En xuño de 2005, catro días antes das eleccións autonómicas que apartarían o PP de Fraga da Xunta, o daquela conselleiro de Obras Públicas, Alberto Núñez Feijóo, adxudicou cun modelo de colaboración público-privada de peaxe en sombra o desdobramento en autovía da anterior vía rápida do Salnés e deixou licitada a do Barbanza. Este mércores, máis de trece anos despois, o propio Feijóo culpou ao bipartito de PSdeG e BNG que gobernou Galicia entre aquel momento e a súa volta á Xunta en 2009, e que executou aquelas obras, da débeda pendente de pagar por aquelas autovías deseñadas por el mesmo. “Deixaron a deber máis de mil millóns de euros en concesións que estamos pagando ano tras ano de todas as autovías que vostedes desdobraron”, dixo.

Na sesión de control ao Goberno deste mércores no Parlamento galego o PSdeG preguntou a Feijóo polo incumprimento do plan de novas infraestruturas viarias que presentou en 2010. O presidente escudouse na crise que se viviu neses anos e nas débedas herdadas, obviando a apreciación do portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, de que o plan foi lanzado un ano despois da volta de Feijóo á Xunta, polo que debera ser coñecedor da situación existente. “Ou ben era pura propaganda”, sentenciou Leiceaga.

Pagamentos pendentes das autovías con peaxe en sombra Dominio Público Consello de Contas

Feijóo, pola contra, insistiu tanto na súa primeira intervención como na segunda réplica ao socialista en culpar da falta de fondos do seu goberno para cumprir as súas propias promesas de 2010 a “que todas as autovías do bipartito se deixaran en peaxe na sombra”. Un modelo de pagamento aprazado co que el adxudicou en 2005 a autovía do Salnés e deixou licitada a do Barbanza, que ás que posteriormente tería que axudar en 2014 con máis fondos públicos dos previstos. Un modelo colaboración público-privada que Feijóo mantería igualmente xa na súa etapa como presidente nas dúas ocasións en que licitou a autovía máis cara de todas as executadas por colaboración público-privada, a da Costa da Morte, cuxa concesión posteriormente adaptaría ás necesidade da empresa adxudicataria.

Segundo o Consello de Contas, só pola Autovía da Costa da Morte, adxudicada polo actual goberno, a Xunta debe pagar máis de 600 millóns ata 2038

Segundo a última avaliación realizada polo Consello de Contas, o ente fiscalizador das contas públicas autonómicas, a finais de 2016 a Xunta tiña pendentes de pagar pola Autovía do Salnés 145 millóns de euros ata 2035, pola do Barbanza 281 millóns ata 2036 e pola da Costa da Morte 622 millóns ata 2038.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.