A Xunta muda o deseño da vía da costa norte e introduce nela a nova modalidade de treitos alternos de adiantamento tras aprobar en marzo o ministerio a normativa que os rexe
En 2009 o programa electoral do PP co que Feijóo chegou á Xunta prometía textualmente unha “Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao (posta en servizo 2012)”. Neste tempo a Xunta renunciou a que fose autovía e só foi quen de poñer en servizo dous treitos illados que suman 16 dos 80 quilómetros que separan ambos extremos. En 2018 o Goberno galego mesmo decidiu desbotar os estudos previos que xa tiña realizados para os seguintes treitos máis avanzados, en San Sadurniño e Viveiro, e encargar outros novos. Agora vén de presentar o primeiro e nel inclúe o que, de confirmarse a súa construción, que aínda non ten data, sería a primeira estrada de Galicia con deseño 2+1, con carrís de adiantamento alternos en toda a súa lonxitude.
Foi o pasado marzo cando o Ministerio de Transportes aprobou a primeira norma estatal para o deseño deste tipo de vías, xa estendidas noutros países como Suecia, Finlancia, Alemania, Francia, Estados Unidos ou Canadá. A diferenza das autovías, que contan con dúas calzadas separadas, unha para cada sentido da circulación, as vías 2+1 empregan unha única calzada. Pero a diferenza das estradas convencionais, que teñen un carril por sentido, e só nalgúns puntos carrís adicionais para vehículos lentos que só facilitan os adiantamentos nun único sentido da circulación, as 2+1 alternan ao longo de todo o seu percorrido no centro da vía treitos de adiantamento nun ou noutro sentido separados cunha barreira física dos vehículos que circulan en sentido contrario.
A Xunta amplía de 14 a 17,5 metros o ancho da estrada convencional anteriormente prevista para habilitar os novos espazos de adiantamento en 6,8 dos seus 7,5 quilómetros
No caso do treito entre San Sadurniño e Sanguiñeira que agora vén de expoñer ao público a Xunta, de 7,5 quilómetros de lonxitude e que comeza no enlace coa autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, o total de zonas de adiantamento será de 6,8 quilómetros, no canto dos 2,1 quilómetros previstos previamente cando a estrada só se deseñara con carrís puntuais para vehículos lentos. O orzamento estimado da obra é de 40 millóns e a reforma do deseño suporá que fronte aos 14 metros de anchura da anterior calzada, a nova terá 17,5 metros.
A nova estrada custará 40 millóns e as súas obras, aínda sen data de inicio, durarán 36 meses
Porén, a nova estrada que substituirá á prometida autovía aínda tardaría anos en estar construída. Agora sométese a información pública a reforma do proxecto anterior e as expropiacións, e despois aínda haberá que licitar e adxudicar unhas obras para as que a Xunta estima un prazo de execución de 36 meses.
A Xunta aínda ten pendente de presentar o estudo para a ponte sobre a ría de Viveiro pola que opta agora fronte á circunvalación polo interior prevista antes
Por outra banda, ao tempo que en 2018 a Xunta anunciaba a reforma dos estudos da vía da costa norte que xa tiña sobre este treito máis próximo a Ferrol, tamén facía o mesmo co treito de circunvalación de Viveiro, onde en lugar do anteriormente previsto trazado polo sur da vila pasou a encargar unha nova ponte sobre a ría. Ese novo estudo aínda non foi presentado.