O Tribunal Superior ratifica a derruba do muro co que Feijóo ocupou vía pública para o seu antigo chalé en Moaña

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG certifica que o muro, levantado por Feijóo cun permiso excepcional en 2017, "vulnera a normativa urbanística", algo que o novo propietario "incluso aceptou na escritura pública de adquisición da finca" en 2021

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este martes unha sentenza que avala a derruba do muro co que Alberto Núñez Feijóo ocupou "por seguridade" parte dunha vía pública en 2017 para construír o seu antigo chalé en Moaña. O muro foille autorizado de xeito excepcional para garantir a súa seguridade como presidente da Xunta, e tras vender o chalé en 2021 o Concello de Moaña requiriu ao novo propietario a súa derruba. 

Tras unha primeira sentenza dun xulgado de Pontevedra revelada en exclusiva por Praza.gal o pasado setembro, agora o TSXG confirma que o muro "vulnera a normativa urbanística" e debe ser derrubado. 

Sentenza do TSXG que ratifica a derruba do muro do antigo chalé de Feijóo en Moaña CC-BY-SA Praza Pública

Cando Feijóo recibiu en 2015 licenza de obras do Concello de Moaña para construír o seu chalé nun monte desa vila, na parroquia de Meira, tivo que ceder, como establece o plan de urbanismo municipal, unha franxa duns 30 metros de longo por 3 de ancho, uns 90 metros cadrados, coa que ensanchar o camiño lindeiro. Así o fixo e o terreo pasou a ser público, pero en 2017 a Policía Nacional considerou que para a seguridade do presidente da Xunta o peche da parcela non podía ter ángulos mortos, o que impedía o retranqueo do muro. 

Varios departamentos da Xunta mobilizáronse en pleno verán de 2017 para desbloquear o muro cun permiso "excepcional" que a xustiza considera que non pode seguir beneficiando ao novo propietario

Nese momento, en pleno verán de 2017, como tamén revelou Praza.gal, varios departamentos da Xunta mobilizáronse para nuns poucos días desbloquear a construción do chalé ante as obxeccións que formulaba o Concello de Moaña, que acabou autorizando o muro sen retranquear e máis alto do permitido para garantir a seguridade do presidente. Unha autorización municipal que se deu coa condición de que "non se poderá transmitir e exclusivamente terá vixencia e manterase" mentres Feijóo fose o dono da finca e do chalé.

Feijóo acabou vendendo o chalé en 2021 cunha escritura na que quedou reflectida a condicionalidade que tiña o muro, pero o novo propietario tentou mantelo e recorreu contra a resolución municipal que o instou a retranquealo. Pero o xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Pontevedra deu hai uns meses a razón ao Concello, como avanzou Praza.gal.

Muro permitido a Feijóo "por seguridade" no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

O novo propietario recorreu esa decisión xudicial e agora o TSXG ratifícaa. Na sentenza divulgada este martes polos servizos de comunicación do tribunal reitérase que "dito muro vulnera a normativa urbanística do concello", algo que "incluso a parte [o novo propietario] aceptou na escritura pública de adquisición da finca". "Non atopamos por tanto motivo algún para manter dito muro con base nunha hipotética situación de seguridade", conclúe o tribunal.

O tribunal rexeita "valorar a legalidade ou non" do permiso que recibiu Feijóo en 2017

O tribunal tamén di que na sentenza que "non vai valorar a legalidade ou non" do permiso que en 2017 recibiu Feijóo para facer o muro sen retranquealo xa que "foi ditado en atención ao cargo que ocupaba o anterior propietario" e "non é este o momento de valorar a adecuación a dereito daquel acto xa que non é o que se recorre neste procedemento".

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo vendeu o chalé de Meira en 2021 despois de que en 2019 a súa parella, Eva Cárdenas, mercase outro chalé no mesmo concello de Moaña pero a varios quilómetros, na praia do Con, a carón do centro da vila. Outro chalé que tamén é polémico porque Costas, como avanzou tamén en exclusiva Praza.gal, quere recuperar 210 metros cadrados de solo igualmente público que están pechados conxuntamente coa propiedade privada.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.