En 2009 o PP prometeu que en 2012 poría en servizo unha autovía ata San Cibrao, pero dos 80 quilómetros só rematou 16 de corredor cun carril por sentido do que priorizou treitos afastados de Ferrol
En 2009 o programa electoral co que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta prometía textualmente unha “Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao (posta en servizo 2012)”. Unha década despois o que hai en servizo nos 80 quilómetros que separan as dúas localidades son dous treitos illados afastados de Ferrol, en Ortigueira e Xove, de estrada de novo trazado cun carril por sentido que suman 16 quilómetros, e ningún outro punto en obras. Porén, a infraestrutura é posta agora como “exemplo” pola Xunta para reclamar ao Estado o que o presidente bautizou a pasada semana como “Pacto de Estado por Ferrol”.
O Goberno galego pon a vía da Costa Norte como “exemplo” das melloras nas infraestruturas que reclama ao Estado para Ferrolterra
Tras lanzar Feijóo a reclamación dun acordo de todas as administracións para a reactivación de Ferrol e a súa comarca, nos últimos días o seu vicepresidente económico, Francisco Conde, está a reunirse con representantes políticos, empresariais ou sindicais da zona. Tras o encontro deste martes con empresarios -novamente todos homes-, a Xunta salientou que unha das prioridades da Xunta é “desenvolver unha rede de infraestruturas que permita achegar Ferrol ao resto de grandes nodos da actividade industrial tanto de Galicia como do noroeste peninsular”, entre as que puxo en primeiro lugar a mellora da conexión ferroviaria da cidade coa Coruña e o resto do Corredor Atlántico de mercadorías.
E xunto ao tren, “o Pacto de Estado por Ferrol debería incluír o desenvolvemento dun plan de investimento, conservación, reparación e mellora de vías de comunicación tanto de titularidade da Xunta como doutras administracións. Un exemplo sería a vía de alta capacidade (VAC) da Costa Norte que xa está recollida nos orzamentos da Xunta cunha partida de 5,5M€”, salienta o Goberno galego sobre unha contía que aínda non permitirá iniciar ningunha nova obra.
A realidade é que nos últimos anos a Xunta foi pospoñendo a autovía, xa recortada a un carril por sentido, co recurso de encargar novos estudos para treitos que xa contaban con eles, como a decisión de analizar agora unha posible ponte sobre a ría de Viveiro fronte ao trazado inicialmente previsto polo interior. A cambio destas demoras, o Goberno galego vén publicitando todo tipo de actuacións de mantemento ou mellora da seguridade das estradas convencionais da zona.
Á espera do que poida dar de si o Pacto de Estado por Ferrol, doce anos despois da promesa electoral a autovía son dous treitos duns 8 quilómetros cada un: o máis próximo á cidade a uns 50 quilómetros, a circunvalación de Ortigueira, aberta en 2013, e o outro entre Viveiro e San Cibrao, licitado polo bipartito e inaugurado en 2017 con tres anos e medio de atraso.