Un tramo de oito quilómetros. Iso foi o que o pasado martes inaugurou o presidente da Xunta na Mariña. Unha parte -a primeira aberta na provincia de Lugo- da Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte, a que discorre entre Celeiro e San Cibrao e que evitará o paso duns 200.000 vehículos pesados polo centro de Xove. Un treito licitado hai xusto oito anos, co goberno bipartito, e que acumulaba un atraso de tres anos e medio.
O treito inaugurado enre Celeiro e San Cibrao foi licitado co bipartito e acumulaba tres anos e medio de atraso
Foi esta demora, entre outras moitas cousas, o que levou a doce dos catorce alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña a emitir un duro comunicado contra "a inacción da Xunta" na construción desta VAC. Tamén para denunciar o sempiterno abandono destes "territorios historicamente illados do norte das provincias de A Coruña e Lugo", nomeadamente nas infraestruturas viarias desde que a finais do século pasado os gobernos galego e español decidisen desviar a transcantábrica (A-8) da costa e desviala cara á Vilalba desde Barreiros para rematala en Baamonde. Os municipios costeiros quedaron aínda máis afastados.
Doce dos catorce alcaldes de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña censuran a "inacción" da Xunta e lamentan o "histórico illamento" dos seus territorios
Daquela, Xunta e Estado prometeran un corredor que unise Barreiros con Ferrol e anunciárono para 2007. Desde San Sadurniño a San Cibrao a través desta VAC Costa Norte (uns 80 quilómetros que asumiu a Administración galega), ademais dos 33,5 estatais entre Barreiros e a localidade do Concello de Cervo. Unha década despois, a Vía de Altas Prestacións galega ten en servizo pouco máis de 16 quilómetros dos 80 totais. Son dous tramos abertos con cadanseus oitos quilómetros: o de Ortigueira, listo desde 2013 tras dous anos de atraso, e o que esta semana inaugurou Feijóo, que estaba previsto como tarde para o ano pasado e que en 2011 a Xunta comprometera para finais de 2012 ou inicios de 2013, ano no que a VAC funcionaría ao 78%. Na actualidade, anda no 20%.
Xunta e Estado prometeran unir Ferrol e Barreiros cun corredor para 2007; dez anos despois, o VAC ten activos 16 de 80 quilómetros
Aqueles compromisos, con todo o seu optimismo e os atrasos posteriores, eran moito menos ambiciosos dos que PP e Feijóo facían en 2009 no programa co que os populares regresarían á Xunta tras o goberno bipartito. Prometían xa non un corredor, senón a "Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao" para que estivese posta en servizo en 2012. Cinco anos máis tarde desa data, a autovía é unha quimera, ao corredor fáltalle o 80% e unha viaxe duns 35 quilómetros entre Ortigueira e Xove segue a levar uns 50 minutos.
Programa do PPdeG en 2009, coa promesa dunha Autovía do Norte entre Ferrol e San Cibrao para 2012
A inauguración do tramo que este martes levou a cabo Feijóo rematou coa paciencia dos alcaldes de Ferrol, Narón, Neda, Cedeira, San Sadurniño, Valdoviño, Moeche, Cerdido, Ourol, Viveiro, Cariño e Ortigueira, que non foron convidados ao acto. "Pouco hai que publicitar e promocionar", quéixanse ante os atrasos tras advertir de que a construción deste "indispensable" vieiro -"polo que levamos unha década agardando", aclaran- non avanza "pola falla de compromiso do Goberno galego, que deixa os anuncios en palabras baleiras de contido".
O PP prometera en 2009 ter lista a 'Autovía do Norte' en 2012
"Non expropiou nin un só metro cadrado dos comprometidos para avanzar na execución do seguinte tramo", lembran tras denunciar "a inacción do equipo de Núñez Feijóo" que, engaden, "ten o seu claro reflexo nos orzamentos autonómicos para 2017". "Un ano mais, non inclúen mais que partidas pouco mais que testemuñais para este viario a marxe dos 2,7 millóns consignados para a circunvalación de Viveiro", manifestan.
Precisamente, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, si foi convidada á inauguración do martes pero ausentouse en protesta polo que considera unha "imposición" por parte da Xunta do trazado, "que non está consensuado nin cos veciños nin co goberno local". Así, lamentou que mentres se abre este tramo, que forma parte "dun amplo proxecto que contempla a vía de alta capacidade de Viveiro", esta última infraestrutura "nin se ve nin se espera". "Non vou ir inaugurar un tramo de oito quilómetros no que tardaron oito anos", explicou a rexedora, que se queixou da ausencia de corredor nunha importante localidade.
Os alcaldes esixen unha vía "necesaria para vertebrar e favorecer o desenvolvemento" dunhas comarcas que perderon 8.000 habitantes nunha década
Loureiro foi, xunto con once rexedores máis, unha das asinantes dese manifesto crítico no que o Ortegal, Ferrolterra e A Mariña censuran a "falta absoluta de respecto institucional" e o "agravio" que para os veciños da zona supón que se lles "exclúa da convocatoria da Mesa de Seguemento da VAC", comprometida pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Insisten na necesidade dunha vía "necesaria para vertebrar o norte das provincias da Coruña e Lugo e favorecer o seu desenvolvemento socioeconómico". E fano desde unhas comarcas que en dez anos perderon conxuntamente máis de 8.000 habitantes.
Por todo isto, reclámanlle a Feijóo "con urxencia" unha xuntanza e que se "active a Mesa de Negociación a fin de de desbloquear a construción desta vía no prazo mais breve posible, cun cronograma de investimentos e pasos a dar e que se retome o proxecto orixinal que contemplaba o entronque da nova vía co municipio de Cariño".