Feijóo reclama ao Goberno de España un plan para a industria de Ferrol catro anos despois do flotel de Pemex

Traballos de construción dun buque en Navantia Ferrol, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

A mediados de maio de 2018, o buque Cerro de la Pez abandonaba as instalacións do estaleiro público Navantia na ría de Ferrol con rumbo a México. Levaba alí máis dun ano xa rematado durante o cal a petroleira estatal mexicana Pemex tentou, sen éxito, atopar un comprador que quedase con el.

Aquel barco era un dos famosos floteis de Pemex, emblema da "alianxa estratéxica" que, en vésperas das eleccións galegas de 2012, Alberto Núñez Feijóo solemnizara xunto a directivos da empresa americana. O outro xa deixara Galicia en 2016 tras ser construído no estaleiro privado vigués Barreras, antes mercado por Pemex nunha controvertida operación que non garantiu, nin de lonxe, a viabilidade futura da empresa.

En 2017 finalizou a construción do único flotel de Pemex encomendado á Navantia malia ás promesas de múltiples buques. Agora, o persoal do estaleiro clama por carga de traballo ata o inicio en 2022 da construción das fragatas xa contratadas polo Goberno de España

No caso do flotel que si foi construído en Navantia, inicialmente fora presentado polo Goberno galego como un elemento clave para dar pulo aos estaleiros ferroláns tras décadas de crise agudizada polo veto á construción naval civil, que rematou en 2015. A Xunta chegara a falar de 2.000 empregos para un encargo que, a pleno rendemento, non superou os 500. Presentara ademais o flotel como pórtico de posibles novos encargos que chegaron a sumar en torno a unha vintena de barcos, pero que finalmente quedaron nos devanditos dous buques auxiliares para as plataformas petrolíferas, os floteis.

Catro anos despois do remate dos traballos, o persoal dos estaleiros ferroláns agarda polo inicio da construción das cinco fragatas F-110 xa contratadas polo Goberno de España para a Armada. Trátase dos buques cuxa construción foi adiada en tempos do Goberno de Rajoy, un substancioso investimento que, non obstante, non comezará a traducirse en carga de traballo ata o vindeiro 2022. Mentres, dende os estaleiros claman por carga de traballo que cubra o oco.

O flotel 'Cerro de la Pez', inicialmente denominado 'Orgullo petrolero', parte da ría de Ferrol en 2018 © Unidades FAM Ferrol

Con todo este pano de fondo, Feijóo lanzaba esta semana ao Goberno de España a reclamación do que denomina un "auténtico pacto de Estado por Ferrol" para "a recuperación e transformación industrial da comarca". Faino, asegura, porque o Goberno do PSOE e Unidas Podemos "contribúe coas súas accións" ao peche da térmica das Pontes ou a "non executar o dique cuberto previsto" en Navantia, ademaos de "non dotar de traballo ao estaleiro", afirma malia ao contrato das fragatas xa asinado.

Feijóo di reclamar un "auténtico pacto de Estado por Ferrol" mentres culpa o Goberno central dos problemas de Navantia, mais tamén de peches como os da térmica das Pontes

Asegura o tamén líder dos populares galegos que a Xunta, pola súa banda, vai "actuar de inmediato". Vaino facer, asegura, "abrindo un proceso de diálogo entre os axentes económicos, sociais e partidos políticos". Tamén, di, "mobilizando a todas as consellerías para que prioricen os investimentos" e "reclamando a implicación de todas as Administracións".

Neste anuncio, Feijóo non ofreceu detalles concretos de investimentos ou proxectos concretos para un plan que, de realizarse, non sería o primeiro encamiñado a tentar dinamizar a industria de Ferrolterra. Así, por exemplo, na etapa do Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta xa fora aplicado o denominado Plan Ferrol, en colaboración co Ministerio de Industria. Naquel tempo impulsara tamén un fondo de 12 millóns de euros denominado Xes-Impulsa Ferrol que fora requirido por tres empresas, mobilizando 3 deses millóns. Xa de volta na Xunta, o PP tamén asumira como propio o Plan Ferrol, con diferentes convocatorias de axudas durante a década pasada.

Feijóo e o conselleiro Francisco Conde, nunha plataforma petroleira de Pemex en marzo de 2014 CC-BY-SA Xunta

BNG e PSdeG lembran as competencias da Xunta en materia industrial e os socialistas subliñan que "xa houbo un Plan Ferrol impulsado por Zapatero que non se repetiu con Rajoy"

A reclamación de Feijóo foi lida con escepticismo dende a oposición galega. Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o presidente da Xunta pretende volver "esconder as súas responsabilidades" e "derivalas ao Estado" tras doce anos á fronte dun Goberno "que ten competencias plenas en materia industrial". Ferrolterra, sinala a xefa do grupo maioritario da oposición, precisa "menos titulares e prensa e máis compromisos do BOE e no DOG".

Tamén o PSdeG lembra as competencias industriais do Goberno galego no ámbito industrial, así como en promoción económica, resalta o seu vicevoceiro, Pablo Arangüena. De haber un novo proxecto específico para Ferrol, sinala o dirixente socialista, "é o presidente da Xunta quen ten que propoñelo e lideralo". En calquera caso, matiza dende o PSdeG o seu senador e presidente, Xoaquín Fernández Leiceaga, cabe lembrar que "xa houbo un Plan Ferrol impulsado por Zapatero que non se repetiu con Rajoy".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.