O PP cuestiona a galeguidade das vicepresidentas Calviño e Díaz por non influíren en adxudicacións para Navantia en Ferrol

Feijóo e Tellado, no comité de dirección do PP de Galicia o pasado marzo CC-BY-SA PPdeG

Prevese que en 2022 comecen os traballos de construción das fragatas F-110 xa contratadas polo Ministerio de Defensa nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol. Son os buques cuxa construción adiara o Goberno de España na etapa de Mariano Rajoy para tentar adaptalas aos mísiles da empresa na que tivera un alto cargo Pedro Morenés, primeiro ministro de Defensa daquel Executivo do PP.

O PP de Galicia di considerar que as titulares de Economía e Traballo no Goberno de España deberan "demostrar" galeguidade garantindo un encargo a Navantia Ferrol que terme da carga de traballo ata o comezo da construción das fragatas F-110

Dende que ese pedido foi ratificado, o persoal dos estaleiros e diversas institucións da comarca ferrolá, mais tamén do resto de Galicia, veñen poñendo o foco na necesidade de asegurar carga de traballo para as instalacións galegas de Navantia mentres non comeza a construción das fragatas. O que se deu en chamar un 'barco ponte' que permita soster os postos de traballo dos estaleiros e a industria auxiliar ata o inicio dese amplo pedido, tamén incluído nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022.

A eventual ausencia dese 'barco ponte' vén sendo unha habitual bandeira de oposición do PP galego contra o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos. Así, por exemplo, xa a finais de 2019 os populares anunciaban iniciativas parlamentarias ao respecto co obxectivo declarado de "ver que fai o PSOE"

Pedro Sánchez e as catro vicepresidentas do Goberno de España, tras o anuncio de reestruturación do Executivo, o pasado marzo © Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España

A formación que encabeza en Galicia Alberto Núñez Feijóo redobrou esa estratexia nas últimas semanas, co ascenso dentro do Executivo de Pedro Sánchez das ministras e vicepresidentas Nadia Calviño (PSOE) e Yolanda Díaz (Unidas Podemos). Os populares cuestionan a galeguidade de ambas por, ao seu xuízo, non influíren como deberan en adxudicacións de carga traballo para os estaleiros ferroláns.

Tellado, número dous de Feijóo no partido, descualifica a Calviño e Díaz como "galegas non practicantes"

Nun comunicado remitido á prensa e difundido xunto a un vídeo a través das redes sociais nos últimos días da Semana Santa, o secretario xeral do PP en Galicia, Miguel Tellado, considerou que tanto Yolanda Díaz como Nadia Calviño son o que denomina "galegas non practicantes". Segundo o número dous de Feijóo no partido, a titular de Economía e vicepresidenta segunda é "presuntamente coruñesa", mentres que a vicepresidenta terceira e ministra de Traballo é "pontevedresa de adopción e moi pronto madrileña de adopción".

Se quixesen desmentir estas consideracións, di Tellado, Díaz debera "desbloquear" a "negativa do Executivo central a construír o barco ponte en Navantia", así como influír noutros investimentos nos estaleiros ferroláns. O secretario xeral do PPdeG encadra estas críticas e esixencias no que formula como unha denuncia da "vinganza dos socialistas coa nosa autonomía" a cal, ao seu xuízo, se concreta en "ataques á nosa industria, á nosa costa", afirma en referencia á futura lei do cambio climático, outro dos eixos da oposición do PPdeG contra o Goberno de España nas últimas semanas

As afirmacións de Tellado, segundo as cales "a galeguidade dun ministro non se demostra ensinando o lugar de nacemento no DNI, senón con investimentos no Boletín Oficial do Estado" chegan tras anos nos que veu sendo frecuente que o PP de Galicia se gabase, fundamentalmente en críticas dirixidas ao BNG ou a outras formacións soberanistas, de non cuestionar a galeguidade doutras persoas ou cargos públicos. Así, por exemplo, hai apenas un ano a formación subliñaba que é "un partido que non pide carnés, porque todos somos Galicia" e en vésperas das eleccións galegas de 2016, aínda con Rajoy na Moncloa, o propio Feijóo resaltaba que "o que nos diferencia do resto dos partidos é que nós non repartimos carnés de galegos". Tras o balbordo xerado nas redes sociais, o PPdeG compartiu unha nova mensaxe afirmando, xunto a titulares de prensa críticos coa xestión do Goberno de España en Galicia: "Si os parece, les hacemos la ola"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.