O naval ferrolán axitouse ao coñecer, no outono de 2018, que o Goberno de Mariano Rajoy adiou ata dous anos a encarga de cinco fragatas aos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol para adaptar os proxectos dos buques aos mísiles que vendía a empresa armamentística MBDA, que o ex-ministro de Defensa Pedro Morenés presidiu en España ata a súa entrada no Executivo do propio Rajoy. Tras os adiamentos, o pasado marzo o Consello de Ministros aprobaba a encomenda as estaleiros ferroláns e en abril, a poucos días das eleccións xerais do 28A, Defensa asinaba o contrato para construílas cun investimento duns 4.300 millóns de euros.
O naval ferrolán axitouse ao coñecer no outono de 2018 que o Goberno de Rajoy adiara dous anos o encargo das cinco fragatas
O PP galego, a comezar por Feijóo dixo en todo momento descoñecer a parálise das fragatas en tempos de Rajoy -"de mísiles non falamos nin entendemos", argumentara o presidente da Xunta-. Ao tempo, culpou o Executivo de Pedro Sánchez da ausencia de carga de traballo en Navantia e por iso reclamou que a noutora adiada construción comezase "canto antes". A esa petición agregou nos últimos meses outra máis: que o Goberno de España encargue nestes estaleiros outro barco mentres non comeza a construción das fragatas. Esa petición trasladárona os populares este mércores ao Parlamento galego "para ver que fai o PSOE".
A catro días das novas eleccións xerais, o secretario xeral e vicevoceiro parlamentario dos conservadores, Miguel Tellado, defendeu na comisión de industria do Parlamento -sen competencia ningunha na materia- unha iniciativa para "instar á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que dote a Navantia-Ferrol de carga de traballo a través da construción dun novo buque loxístico" que sexa semellante "ao que está ultimando para a Armada australiana". Segundo o texto da iniciativa, fixérono porque "dende a súa chegada ao Goberno, os socialistas demostraron que só entenden o naval como unha ferramenta electoral".
O PP dá por cumprido o "obxectivo" da iniciativa, "ver que fai o PSOE", e os socialistas censuran que respondesen con "silencio" mentres o Goberno de Rajoy "bloqueaba as fragatas"
A proposta molestou especialmente ao PSdeG, que a través da súa deputada Begoña Rodríguez considerou dunha "demagoxia infinita" a proposta do PP. Mentres o Goberno de Rajoy "bloqueou as fragatas", o PP galego respondeu con "silencio" no canto de "esixir que as puxesen en marcha". Sobre a petición concreta, Rodríguez advirte de que a eventual construción dun barco coma ese "requiriría dun prazo dun ano, porque sería igual tan só no casco e a infraestrutura" cuns "equipamentos específicos que nada teñen que ver cos do pedido de Australia".
A proposta saíu aprobada cos votos a prol do PP e do resto da oposición -que incorporou algúns matices- agás o PSdeG, que se abstivo. Tellado deu por cumprido o "obxectivo" da iniciativa, "ver que fai o PSOE", e enmarcouna ás claras no contexto electoral. Formulouna agora porque o sentido do voto dos socialistas "é o que queren saber os ferroláns antes das eleccións do domingo", afirmou.