Nos primeiros días de novembro do pasado 2018 o PPdeG quecía motores na súa precampaña municipal ferrolá. O secretario xeral do partido, o ferrolán Miguel Tellado, facíao tocando un dos eidos máis sensibles na cidade, a construción naval. "O maior risco para Navantia e para todo o sector naval é Pedro Sánchez" porque, no caso concreto de Ferrol, tiña "paralizado o proxecto das fragatas F-110", cinco buques para a Armada española que equivalen, segundo os cálculos gobernamentais -do anterior e do actual- máis de 7.000 postos de traballo durante case unha década, entre directos e indirectos. Eses contratos chegarán, finalmente, o vindeiro maio.
Segundo documentación e fontes do Ministerio de Defensa, o freo á construción tivo como causa o intento de adaptar as fragatas aos mísiles vendidos pola empresa que presidira en España o ex-ministro Pedro Morenés
Apenas dous días despois daquelas declaracións de Tellado unha información exclusiva de eldiario.es baseada en documentación e fontes do Goberno de España ratificaba que, efectivamente, o proxecto das fragatas de Ferrol estivera dous anos paralizado, pero nun tempo no que Pedro Sánchez non tiña mando ningún no Goberno de España. O freo á construción tivo como causa o intento de adaptalas aos mísiles vendidos pola multinacional armamentística MBDA, que Pedro Morenés, ex-ministro de Defensa, presidiu en España ata que entrou no Goberno de Rajoy. Esa teimosía produciuse malia aos receos técnicos e aínda que a Armada nunca utilizara eses equipamentos.
Con estas novas sobre a mesa Xunta e PP galego desvinculábanse do acontecido malia á belixerancia previa. "De mísiles non falamos nin entendemos", resolveu Alberto Núñez Feijóo. Apenas un mes despois, o 14 de decembro, o Consello de Ministros aprobaba destinar 4.325 millóns de euros a este proxecto, non contemplados previamente. Tras a luz verde ao gasto, a ministra de Defensa, Margarita Robles, vén de aproveitar unha visita a Ferrol co gallo da entrega doutro barco -encargado polo Goberno do PP- para concretar os prazos.
Robles "calcula" que os traballos poidan empezar esta primavera tras a sinatura do contrato en maio e esquiva o debate sobre o forte gasto militar subliñando o impacto da construción da fragatas no emprego de Ferrolterra
O seu departamento, avanzou, prevé que en abril estea lista a "orde de execución" das fragatas. Con este visto e prace definitivo por parte do Goberno central, o plan é que "no mes de maio de se poidan asinar xa os contratos entre o Ministerio e Navantia e empezar a construción, que está moi ben estudada". "Calculamos -afirma- que a primeira fragata se poida entregar no ano 2025 e a derradeira, no 2030 ou 2031". Os seus cálculos, asegura, é que o proxecto "xere 8.000 postos de traballo serios, de alta cualificación e perdurables" en Ferrolterra "durante dez anos".
Mentres ecoan os debates sobre o montante global do gasto en armamento aprobado polo Goberno de Sánchez -as fragatas de Ferrol insírense nun paquete de gasto militar que supera os 7.000 millóns de euros-, a ministra insta a poñer o foco no impacto económico e social da devandita xeración de emprego. "A construción das fragatas F-110 é importante para España e para Galicia" porque "todo o que é bo para as Forzas armadas, é bo para España e para Galicia", razoa, ao tempo que o Ministerio lembra que estas novas fragatas remudarán ás F-80, tamén construídas en Ferrol hai máis de 30 anos.