Defensa constata o freo do Goberno do PP ás fragatas en Ferrol pero non aclara se o levará á Fiscalía

Margarita Robles, ministra de Defensa, no Congreso © Congreso

En Marea pediu este mércores á ministra de Defensa, Margarita Robles, que actúe ante a "corrupción de Estado" que ao seu ver implicou que o Goberno de Mariano Rajoy atrasase durante dous anos a fabricación de fragatas nos estaleiros de Navantia de Ferrol para  adaptalas aos mísiles da multinacional armamentística MBDA, que presidiu en España o ex-ministro Pedro Morenés. A deputada da formación galega, Yolanda Díaz, esixiu a Robles que leve o caso ante a Fiscalía Anticorrupción e que así "aproveiten a oportunidade de depurar responsabilidades".

Díaz sinalou a "corrupción de Estado" e pediu á ministra de Defensa que leve o caso ante a Fiscalía Anticorrupción

"Isto é corrupción e a corrupción do PP é un problema para a industria española", asegurou Díaz durante a sesión de control ao Goberno que tivo lugar no Congreso dos Deputados. A parlamentaria de En Marea reclamou así a Robles "medidas fronte ao corruptor, o señor Morenés" e criticou as "portas xiratorias" que ao seu xuízo agromaron por mor da publicación deste caso por eldiario.es.

Robles constata o freo do Goberno do PP á construción das fragatas e que o se equipo viu "contratos que lle gustaron menos" ao chegar ao Ministerio

Robles, pola súa banda, defendeu que cando "este Goberno chegou ao Ministerio" decidiu que "as políticas de seguridade son políticas de Estado". No entanto, recoñeceu que o seu equipo viu "contratos que lle gustaron menos", en clara referencia ao asunto das fragatas. Sen entrar a valorar a xestión realizada polo anterior equipo do PP, a ministra de Defensa insistiu en que as fragatas "son imprescindibles para a Armada española" e para "dotar de postos de traballo a Navantia, en Ferrol".

Mariano Rajoy e Morenés, na escola naval de Marín en 2014 / © Goberno de España

Yolanda Díaz insistiu en preguntar á ministra "que medidas van tomar" desde o Executivo central "fronte ao corrupto Morenés, fronte á señora Cospedal e fronte ao PP" e preguntou se o Goberno "vai levar o caso á Fiscalía Anticorrupción". Ademais, lembroulle a Robles que, malia que o PSOE "tampouco ten moita credibilidade ante o naval" por ser tamén "o partido da reconvesión e das portas xiratorias", ten "a oportunidade de depurar responsabilidades e non comportarse como o Partido Popular". 

A ministra recoñece que as fragatas F-110 son "imprescindibles para dotar de postos de traballo a Navantia en Ferrol"

Ademais, advertiu de que o freo á construción das fragatas supuxo "despedimentos masivos". "Miles de traballadores marcharon á rúa por falta de carga de traballo", dixo, para engadir que "o máis grave" e que a ministra Cospedal "adxudicou un contrato á empresa de Morenés por 9,5 millóns para que avaliase a idoneidade duns mísiles que xa se dixera que non eran convenientes". "Fíxense como mandan os que non se presentan ás eleccións", engadiu. 

Yolanda Díaz lembra que o atraso supuxo "despedimentos masivos" no naval ferrolá por "falta de carga de traballo"

Tal e como adiantou eldiario.es, a teima do anterior Goberno en colocar ás embarcacións militares ese modelo de mísil fabricado pola multinacional na que Morenés exerceu como alto executivo ata que foi nomeado ministro por Rajoy adiou o inicio dos traballos nos estaleiros que a empresa pública ten en Ferrol. Durante a xestión de Morenés e Cospedal, Defensa impuxo como "prioritaria" a implantación nas fragatas F-110 dos mísiles Sea Ceptor, un tipo de proxectil que nunca fora usado pola Armada Española e que a compañía do ministro estaba a tentar colocar no mercado internacional da Defensa.

Esa insistencia atrasou dous anos o proxecto de deseño técnico, segundo fontes do Goberno, e chegou a provocar un enfrontamento entre a cúpula da Armada e a Dirección Xeral de Armamento, controlada polo ministro.

© IU

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.