O Goberno central confirmou este xoves a sinatura da orde de execución das fragatas F-110 nos estaleiros de Navantia en Ferrol. Será este venres, no Consello de Ministros, cando se dea luz verde a un contrato que fora atrasado dous anos polo Executivo de Mariano Rajoy para adaptar os buques aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés.
Foi o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen anunciou a sinatura da orde cun investimento de 4.325 millóns de euros até 2032 nos estaleiros da ría ferrolá. Supón, segundo o Executivo central, a creación de 7.000 empregos para a construción duhas fragatas que substituirán seis da clase Santa María, de 35 anos de antigüidade.
O contrato suporá un investimento de 4.325 millóns até 2032 e a creación de 7.000 empregos
Serán 1.300 empregos directos, 2.000 da industria auxiliar e 3.500 indirectos durante nove anos. "Xerase un valor engadido directo e indireto de 5.400 millóns", advertiu Losada, en referencia ao importante impacto económico nunha comarca golpeada polo desemprego e a despoboación.
Tal e como adiantou eldiario.es, a teima do anterior Goberno en colocar ás embarcacións militares o modelo de mísil fabricado pola multinacional na que Morenés exerceu como alto executivo ata que foi nomeado ministro por Rajoy adiou o inicio dos traballos nos estaleiros que a empresa pública ten en Ferrol. Durante a xestión de Morenés e Cospedal, Defensa impuxo como "prioritaria" a implantación nas fragatas F-110 dos mísiles Sea Ceptor, un tipo de proxectil que nunca fora usado pola Armada Española e que a compañía do ministro estaba a tentar colocar no mercado internacional da Defensa.
Defensa impuxo como "prioritaria" a implantación nas fragatas duns mísiles que nunca foran usados pola Armada Española
Esa insistencia atrasou dous anos o proxecto de deseño técnico, segundo fontes do Goberno, e chegou a provocar un enfrontamento entre a cúpula da Armada e a Dirección Xeral de Armamento, controlada polo ministro. Ao tempo, Cospedal encargou por 9,5 millóns á empresa de Morenés avaliar os mísiles que demoraran o proxecto e que nunca se instalaron.
O caso Morenés foi cualificado como "corrupción institucional" por toda a oposición galega, pero Feijóo desentendeuse do tema malia que o PPdeG culpou a Pedro Sánchez do atraso na construción das fragatas ata a mesma semana na que se descubriron os motivos da demora.
"Polo que supón de emprego, polo que supón de actividade económica e polo que representa para o futuro de milleiros de galegos e galegas, é o mellor agasallo de Reis que poderíamos recibir; un presente por adiantado que fará felices a moitas familias galegas", dixo Losada, que presumiu dun "compromiso cumprido" dun Goberno en un presidente que "cumpren con Galicia".
Antes, coñecidas as razóns dun atraso de dous anos, o alcalde de Ferrol expresara a súa indignación. "A estratexia do Goberno do PP era dilatar o sector naval, desmantelar os estaleiros públicos de Ferrolterra", dixera Jorge Suárez.
"Estiveron xogando durante dous anos; atrasaron unha carga de traballo que podía estar finiquitada hai tempo", dicía o comité de empresa