O grupo popular trabúcase ao emendar a lei de acompañamento presentada hai un mes polo Goberno galego e presenta correccións fóra de prazo
Hai un mes a Xunta anunciou que ía "flexibilizar" a moratoria de novas plantacións de eucalipto para estendela ata finais de 2030, medida que incluíu na lei de acompañamento dos orzamentos para o vindeiro ano, pendente de aprobarse no Parlamento. Neste mes o sector fíxolle ver que o xeito en que o pensaba facer prexudicaría a propietarios de varias parcelas forestais, polo que este luns varios medios de comunicación avanzaron a intención da Xunta de corrixirse a si mesma a través das emendas do PP á lei de acompañamento.
Porén, na tarde deste luns, cando remataba o prazo, os populares esqueceron rexistrar esa mudanza. As súas emendas, ademais, formuláronse trabucadas, o que levou ao grupo a presentar un intento de corrección saltando as normas parlamentarias e rexistrándoo fóra de prazo.
A moratoria de novas plantacións de eucaliptos aprobada en 2021 para evitar a expansión incontrolada da especie por zonas de Galicia onde aínda non está presente contemplaba como excepción que se puidesen trasladar eucaliptais de parcela se a parcela orixinaria pasaba a ter frondosas ou coníferas. Un traslado que se podía producir coa condición de que "a nova superficie de repoboación pertencerá ao mesmo titular e non poderá superar aquela que foi obxecto de transformación".
A "flexibilización" da moratoria anunciada pola Xunta o 16 de outubro para estendela ata 2030 concretouse catro días despois a través da lei de acompañamento dos Orzamentos para o vindeiro ano, coa que o Goberno galego muda todo tipo de normas previas de xeito acelerado e con menos debate. Nese texto enviado pola Xunta ao Parlamento estableceuse que non só se puidesen trasladar eucaliptos entre parcelas dun mesmo propietario senón que tamén se puidesen facer esas operacións entre parcelas de distintos propietarios.
Porén, se antes a nova plantación de eucalipto podía ter a mesma superficie que a orixinal que mudaba de especie, na reforma proposta pola Xunta a nova parcela só podería ter o 75% da superficie de eucalipto que había na parcela orixinal. Isto é, a medida permitiría máis traslados de plantacións pero prexudicaría aos propietarios de varias parcelas que ata agora podían trasladar entre elas o 100% da superficie e agora veríano limitado ao 75%.
A proposta inicial da Xunta permitía que as plantacións de eucalipto mudasen de parcela se a superficie orixinal se reducía ao 75%, e o PP esqueceu emendala para manter o 100% da superficie se as dúas parcelas son do mesmo propietario
O pasado venres o director xeral de Planificación Forestal, José Luis Chan, avanzou no Parlamento que a Xunta aínda estaba a tempo de mudar a súa propia reforma durante o trámite parlamentario, o que só poden facer os grupos, non xa o Goberno galego. E este luns varios medios, incluídos os medios públicos galegos e as dúas grandes axencias de noticias, avanzaron que así se pensaba facer a través das emendas do PP á lei de acompañamento presentada pola Xunta.
Sería a través desa vía como se introduciría o matiz de que os traslados de plantacións poden seguir sendo do 100% da superficie cando as parcelas de orixe e destino son do mesmo propietario e do 75% cando o propietario é distinto.
Pero o prazo de emendas rematou ás 18.30 horas da tarde deste luns sen que o PP rexistrase nada ao respecto. As emendas populares, rexistradas ás 18.24 horas, reforman outros moitos puntos da lei de acompañamento da Xunta pero nada din do traslado de plantacións. Unhas emendas que, por outra banda, inclúen frases descontextualizadas e numeración non correlativa dos artigos, o que apunta a algún erro na edición do texto finalmente rexistrado.
Un minuto e 39 segundos despois do remate do prazo de emendas o PP rexistrou un novo documento con máis emendas, nas que novamente nada se corrixe da moratoria do eucalipto. Un segundo documento redactado en parte en galego e en parte en castelán, ao contrario que as primeiras emendas, o que novamente apunta a outro erro de edición.
"Buscaremos fórmulas", din no Goberno galego logo de que o PP non incluíse a súa nova proposta sobre o eucalipto nin nas súas emendas nin nun engadido presentado minuto e medio despois de que rematase o prazo de rexistro
Diversas fontes consultadas atribúen o ocorrido a que o PP se trabucou ao rexistrar as súas emendas e novamente ao tentar corrixir minutos despois as emendas rexistradas. Praza.gal non logrou unha resposta oficial do grupo parlamentario popular.
Agora o PP podería tentar presentar unha corrección de erros, pero esta debe ser validada pola Mesa do Parlamento e os servizos xurídicos, coa dificultade de que neste caso non hai un erro nun texto presentado senón que o erro é a ausencia completa dese texto, o que dificulta o encaixe xurídico. Outra vía apuntada por fontes parlamentarias, que xa avanzan o rexeitamento de BNG e PSdeG, sería a través dunha transacción ou negociación coas emendas presentadas pola oposición. Tras transcender o contido das emendas do PP e que estas non inclúen os novos matices á flexibilización da moratoria do eucalipto, o Goberno galego insistiu a última hora deste luns na súa intención de levala adiante: "Buscaremos fórmulas".