A Xunta prioriza por lei os eólicos sobre a paisaxe e deixa permisos de Patrimonio en mans dos concellos

Aeroxeradores en montes galegos CC-BY-SA Concello de Muras

A lei de acompañamento que o Goberno galego vai aprobar cos orzamentos elimina esixencias e restricións en diversos ámbitos, desde o xogo de azar ata os chiringuitos 

Como cada ano desde que Feijóo chegou á presidencia da Xunta o Goberno galego vai aprobar xunto cos Orzamentos para 2026 unha lei de acompañamento coa que muda ducias doutras leis previas aínda que non teñan relación coas contas públicas. Unhas mudanzas que eliminan esixencias e restricións en diversos ámbitos, desde a protección da paisaxe ou do patrimonio ata o xogo de azar ou os chiringuitos de praia. 

Peregrinos nun treito do camiño de Santiago CC-BY Ian Yates

Unha das medidas máis significativas é o establecemento por lei do "interese público superior dos parques eólicos e as súas infraestruturas de evacuación en relación coa normativa de protección da paisaxe". Coa reforma legal agora lanzada a Xunta vai dar "prioridade" ás instalacións eólicas sobre o establecido na Lei de Protección da Paisaxe de Galicia de 2008. 

Así, a Xunta establece por lei que "considerarase que a instalación de parques eólicos é compatible cos obxectivos de calidade paisaxística recollidos nas Directrices de paisaxe de Galicia" e só vetará as instalacións eólicas no caso de que a paisaxe non se poida recuperar cando no futuro se desmonten os aeroxeradores.

A Xunta muda restricións urbanísticas ou de protección do patrimonio co argumento de quen fan falta máis vivendas 

A lei de acompañamento tamén deixa en mans dos concellos permisos de Patrimonio que ata agora debía outorgar a Xunta. Así, suprímese a autorización previa da Consellería de Cultura para intervencións en bens catalogados con protección estrutural e ambiental, nos seus contornos de protección ou nas súas zonas de amortecemento, de xeito que agora será cada concello o que comprobe que a actuación "cumpre os criterios de protección dos valores culturais dos bens catalogados". 

A Xunta mesmo deixará en mans dos concellos de máis de 50.000 habitantes as actuacións que poidan afectar aos camiños de Santiago en solo urbano. O Goberno galego resérvase as autorizacións para actuacións en bens de interese cultural (BIC) ou con protección integral.

Vista xeral de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego xustifica esta medida en relación coa protección do patrimonio na necesidade de facilitar máis vivendas e no mellor coñecemento dos concellos da "realidade local".

Nesa liña, a Xunta tamén facilitará a construción de vivenda pública en terreos catalogados como dotacionais para equipamentos ou de uso terciario. Tamén facilitará o remate de vivendas inacabadas cuxa licenza caducase sempre que esta fose legal no seu momento.

A lei de acompañamento volve mudar a Lei do Xogo de hai dous anos para facilitar bingos e rifas populares e relaxa o requisito de acreditar o coñecemento do galego para traballar temporalmente en varias categorías de persoal laboral e funcionario

Na liña de desregular diversas realidades sociais, o Goberno galego tamén volve emendar nesta lei de acompañamento a Lei do Xogo que aprobou en 2023 e que xa mudou nas leis de acompañamento dos orzamentos de 2024 e 2025. Así, volve a abrir a man cos bingos organizados por asociacións culturais ou deportivas ou en residencias de maiores e exime de autorizacións as rifas que non teñan ánimo lucrativo e cuxos premios non sumen máis de 600 euros.

Lingua e demografía

A lei de acompañamento tamén inclúe novas exencións de coñecemento da lingua galega para varias categorías de persoal ao servizo da Administración galega. Concretamente, cando "non existan candidatos" nas listas de contratación "que estean en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento" de galego (o CELGA).

Un xogo do bingo © Confederación Española de Empresarios del Juego del Bingo

Poderán "ser seleccionados candidatos que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos" para traballar temporalmente como persoal laboral titulado superior médico ou nas categorías "ATS, enfermeiro/a, practicante, DUE" e mais "auxiliar sanitario, auxiliar de clínica, auxiliar psiquiátrico, auxiliar de enfermaría, coidador/a xeriátrico e coidador/a", e nos rangos funcionariais equivalentes. O mesmo determina para nomeamentos de persoal funcionario interino nas escalas de cociña e auxiliar de cociña.

O Goberno galego tamén se exime agora a si mesmo, en contra do que se esixira na Lei de Impulso Demográfico de 2021, de elaborar un informe sobre o impacto demográfico dos seus propios decretos cando estes sexan de organización interna da propia Xunta.

Igualmente, e como xa anunciara o propio Rueda, os chiringuitos nas praias poderán abrir de xeito ininterrompido entre Semana Santa e o 31 de outubro, sen pechar entre Semana Santa e o verán como sucedía ata agora. No mesmo sentido, a lei de acompañamento tamén inclúe medidas reveladas nas últimas semanas como a "flexibilización" da moratoria do eucalipto, a aplicación da sentenza do Constitucional que dá praza definitiva a todo novo funcionario ou facilitar as queimas preventivas, mesmo en Rede Natura, como medida de loita contra os incendios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.