Patrimonio tarda dous anos en responder a un cidadán que non pode poñer paneis solares na casa

Paneis fotovoltaicos nunha vivenda en Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Valedora do Pobo pide á Xunta mellor información sobre restricións a instalacións de aforro enerxético nun caso no que enleou co seu propio silencio administrativo para acabar admitindo un "erro na xestión dos expedientes"

O 28 de xuño de 2022 un cidadán que xa recibira unha subvención da Xunta para instalar paneis fotovoltaicos pediu permiso ao departamento de Patrimonio do mesmo Goberno galego para colocalos na súa vivenda do núcleo de Francelos, en Ribadavia, dentro dunha zona de protección de valores culturais. A resposta negativa definitiva da Xunta, aducindo que os paneis solares neses espazos de protección son discordantes, non a obtivo ata o 20 de maio de 2024, case dous anos despois. Unha demora na que Xunta asume "un erro na xestión administrativa dos expedientes" tras enlearse cos seus propios silencios administrativos, que veñen sendo criticados de xeito reiterado pola Valedora do Pobo.

Complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O caso que agora revela a Valedora do Pobo é o dun cidadán que tras obter unha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pediu autorización ao departamento de Patrimonio da Consellería de Cultura para instalar paneis fotovoltaicos na súa vivenda de Francelos, en Ribadavia. A solicitude formulouna o 28 de xuño de 2022, e catro meses e medio despois, o 17 de novembro, un arquitecto do servizo de Patrimonio Cultural elaborou un informe negativo que sinalou que "a instalación de paneis fotovoltaicos nas cubertas das edificacións situadas dentro dun plan especial de protección, como é o caso, considérase discordante cos valores culturais e ambientais a protexer, pola súa cor, materiais e dimensións". 

Porén, esa negativa non lle foi comunicada ao solicitante, que seis meses despois da súa solicitude pediu á Xunta un certificado acreditativo do seu silencio administrativo. Ese certificado de silencio administrativo foille entregado en decembro de 2022, pero un ano máis tarde, en novembro de 2023, a directora xeral de Patrimonio Cultural respondeulle expresamente que non autorizaba a instalación. O cidadán recorreu e a resposta definitiva negativa da Xunta chegou o 20 de maio de 2024, case dous anos despois do inicio do procedemento.

Ante a queixa do afectado, a Valedora do Pobo pediu explicacións ao Goberno galego, que respondeu que houbera "un erro na xestión administrativa dos expedientes" e que o cidadán debía "entender desestimada a súa solicitude" cando Patrimonio non lle respondeu no prazo de tres meses en que debía facelo.

A Xunta admitiu un erro administrativo e a Valedora lémbralle a súa obriga de xestionar de xeito dilixente CC-BY-SA Praza Pública

A Valedora volve facer un recordatorio dos deberes legais da Xunta de "tramitar con dilixencia" os expedientes "evitando dilacións que prexudiquen ás persoas"

A análise que fai a Valedora do Pobo comeza criticando a demora na resposta do Goberno galego, xa que "o interesado contaba cun prazo para xustificar o gasto dunha subvención concedida por outro organismo" da mesma Xunta. Por iso, volve facer un recordatorio dos deberes legais da administración de "tramitar con dilixencia os asuntos evitando dilacións que prexudiquen ás persoas administradas". 

A Valedora tamén suxire á Xunta "poñer en marcha algunha ferramenta de información ás persoas interesadas para orientalas en canto aos criterios para a autorización de instalacións de aforro enerxético e similares en bens inmobles catalogados ou protexidos e nas súas contornas". Faino tras reflexionar que "poucos asuntos teñen acadado máis acordo entre as institucións nacionais e internacionais que a urxencia na adopción de decisións que afronte aspectos diversos do cambio climático". 

Sede da Valedoría do Pobo © Valedor do Pobo

Nesa liña, engade que "a esixencia climática así como a situación económica obriga a debater a cuestión de como actuar tendo en conta, por unha banda os criterios enerxéticos e de desenvolvemento sostible" e "por outra a protección do noso patrimonio cultural". E cun matiz máis, "que a perda de poboación no rural débese en moitos casos a non dispor dos mesmos servizos ou da mesma habitabilidade nas vivendas".

"A Administración debería informar que en caso de tratarse de edificacións en áreas de protección non se autorizará a actuación aínda que o proxecto fora apoiado polo instituto enerxético" da propia Xunta, conclúe a Valedora. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.