As comunidades enerxéticas galegas, cambiando o sistema dende a base

Planta fotovoltaica instalada pola Comunidade de montes de Tameiga © ORGACCMM

Nos últimos anos está a nacer en Galicia un número cada vez maior de comunidades enerxéticas. Iniciativas locais, impulsadas por comunidades de montes, concellos ou particulares que poñen en marcha de maneira colectiva instalacións de xeración eléctrica de autoconsumo a partir de fontes renovables

Nos últimos anos está a nacer en Galicia un número cada vez maior de comunidades enerxéticas. Trátase de iniciativas locais, impulsadas por comunidades de montes, asociacións, concellos, particulares ou pequenas empresas que poñen en marcha de maneira colectiva instalacións de xeración eléctrica de autoconsumo a partir de fontes renovables, nomeadamente paneis fotovoltaicos. Esta nova forma de produción, xestión e consumo colectivo de enerxía conta co apoio das institucións europeas e do Goberno do Estado e pode supor un importante aforro para os seus participantes que, ademais, gañan en autonomía.

Algúns destes exemplos son Arousa en Transición (A Illa de Arousa), XERando (Xermade), a comunidade enerxética de Buchabade (Ponte Caldelas), a comunidade enerxética da Reigosa (Ponte Caldelas), a comunidade enerxética de Tameiga (Mos), Vilasantar Enerxía (Vilasantar), O Rosal Enerxía (O Rosal), comunidade enerxética Trasdeza (Silleda) e iniciativas semellantes en Arbo, Ames, Moeche, Vedra, Porto do Son ou no Barbanza, entre outros lugares.

Son iniciativas pequenas, esparexidas polo territorio, aquí e alá, pero pouco a pouco o seu número medra e son máis as comarcas, especialmente en zonas rurais, que contan con algún proxecto deste tipo, de xeito que o fenómeno das comunidades enerxéticas gaña peso en Galicia. Antes estas iniciativas deben superar un proceso dunha certa complexidade e algúns obstáculos na súa tramitación; iso si, neste proceso están a contar coa colaboración de entidades coma o Observatorio Eólico de Galicia, que está a ofrecer o seu asesoramento. 

Xavier Simón, á dereita, o pasado mes de xaneiro en Vilasantar, nun acto relacionado coa posta en marcha de Vilasantar Enerxía © Concello de Vilasantar

Estas iniciativas deben superar un proceso dunha certa complexidade e algúns obstáculos na súa tramitación; con todo, están a contar coa colaboración de entidades coma o Observatorio Eólico de Galicia

Falamos co seu responsable, o catedrático da Universidade de Vigo no departamento de Economía Aplicada, Xavier Simón, que destaca que "o mundo da enerxía está a cambiar e o poder da cidadanía está a crecer" e que se está a abrir "unha transformación estrutural do sistema enerxético, de descentralizado a distribuído, de mercantilizado a democrático, de inxusto a xusto...". "As cousas avanzan pouco pero avanzan", engade.

Con que comunidades enerxéticas estades a colaborar dende o Observatorio Eólico?

Traballamos con doce concellos que forman parte do proxecto EC4RURAL, un proxecto europeo que pretende impulsar a transición enerxética no mundo rural. Ademais, desde o Observatorio impulsamos outros procesos de transición enerxética con poder cidadán e local: en Baroña (Porto do Son), en Cabeiras (Arbo), en Saiáns (Vigo) e noutros lugares do país. Nestes momentos hai ducias de iniciativas en proceso de creación. O mundo da enerxía está a cambiar, e o poder da cidadanía está a crecer.

"Nestes momentos hai ducias de iniciativas en proceso de creación. O mundo da enerxía está a cambiar, e o poder da cidadanía está a crecer"

Cal é o perfil destas comunidades? As comunidades de montes están a xogar un papel importante, pero hai outros actores, coma os propios concellos, non si?

Son comunidades con líderes sociais e procesos participativos históricos e deben ser un espello para moitas outras. Poucos ven isto, pero estase a abrir unha transformación estrutural do sistema enerxético, de descentralizado a distribuído, de mercantilizado a democrático, de inxusto a xusto... 

As cousas avanzan pouco pero avanzan e dentro dunhas décadas Arousa en Transición, a CMVMC de A Reigosa e de Buchabade, ambas en Ponte Caldelas, a CMVMC de Tameiga, en Mos, a Comunidade Enerxética Portabouza, en Cabeiras, Arbo, as accións de Vilasantar Enerxía, en Vilasantar, ou a actividade de Deza Xera, impulsada polo concello de Silleda, e outras similares, serán analizadas como pioneiras dun movemento global que non parará. Aquel que leva á transformación estrutural do sistema enerxético e das relacións sociais e económicas. 

Presentación de O Rosal Enerxía © Concello do Rosal

"Estase a abrir unha transformación estrutural do sistema enerxético, de descentralizado a distribuído, de mercantilizado a democrático, de inxusto a xusto...  As cousas avanzan pouco pero avanzan"

Que obxectivos perseguen? Pesa máis a procura dun aforro económico ou o dunha autonomía na xestión dos seus recursos?

Os obxectivos son múltiples, como tamén o son os actores que participan. Nós sempre lles dicimos ás persoas nas reunións: se queres ter un rendemento financeiro dos teus aforros non os metas nunha comunidade enerxética, non están pensadas para iso. Pero, en cambio, se queres evitar que saian euros do teu peto e da túa conta corrente, entra nunha comunidade enerxética. Se queres aproveitar os recursos naturais locais para satisfacer as túas necesidades enerxéticas, entra tamén nunha comunidade enerxética. Se queres fortalecer, social e economicamente, a túa comunidade local e a túa vila entra nunha comunidade enerxética. Se che importa o futuro do planeta, se queres deixar un planeta habitable para as xeracións futuras, entra nunha comunidade enerxética.

"O punto de partida sen é que exista unha base social, que haxa cidadanía enerxética, individual e colectiva. Non se trata só de producir electricidade renovable. Trátase de que as decisións sexan tomadas polas comunidades e de que esas decisións sirvan para compartir igualitariamente os seus beneficios"

Cales son as circunstancias de base ideais para a posta en marcha dunha comunidade enerxética?

O punto de partida sen o cal non existirá unha comunidade enerxética cos efectos comentados anteriormente é que exista unha base social, que haxa cidadanía enerxética, individual e colectiva. Non se trata só de producir electricidade renovable. Iso xa se fai agora pero non pasa de aí. Trátase de que as decisións sexan tomadas polas comunidades e de que esas decisións sirvan para compartir igualitariamente, en función da contribución de cada quen, os seus beneficios. 

Trátase de que exista a posibilidade de redistribuír os beneficios e de que non haxa colectivos sociais que fiquen atrás. E sobre isto último, os concellos son a organización máis importante. Agora teñen instalacións de autoconsumo as persoas de clase media alta e as clases sociais máis populares non o poden afrontar. Pero coas comunidades enerxéticas isto xa resulta posible: é moito máis barato facelo colectivamente que individualmente. E se aínda así hai grupos sociais que non poden afrontalo, os concellos, como prosumidores, poden repartir potencia e produción eléctrica barata entre as familias identificadas polos servizos sociais en situación de exclusión.

Placas solares instaladas pola comunidade de Tameiga © https://tameiga.com/

"O papel das distribuidoras é clave, por suposto. Sen elas nada avanza. Son as donas da rede. A lei obrígaas a ceder gratuitamente a rede e a dar nun prazo curto os puntos de conexión. Isto non sempre vai tan rápido como debera, pero hai que establecer alianzas con elas para que todo o sistema saia beneficiado"

Como é o proceso, sobre todo a nivel administrativo e legal? Que pasos debe dar una comunidade enerxética para a súa constitución? Que ferramentas lles achegades vós ou están á súa disposición?

Nós, desde o EC4RURAL e desde o Observatorio Eólico de Galicia, témolo ben estudado. Levamos anos aprendendo sobre como actuar para promover este novo sistema enerxético. Así, podemos acompañar as iniciativas dende o principio, tratando de que se materialice esa cidadanía enerxética da que falabamos antes. Iso leva tempo, require varias reunións, moitas pensadas para un lado e para o outro. Avanza lentamente, pero finalmente aparece esa cidadanía enerxética e o proceso comeza a evoluír. É un reto conseguilo, pero tamén é unha marabilla observar os resultados. 

Cales son os principais obstáculos neste momento para a creación de máis comunidades enerxéticas? Hai tamén obstáculos xurídicos? Poñen trabas as distribuidoras?

O principal obstáculo ou retardante é, como dicía, interno, da propia organización. Ten que xurdir desde o local, desde o barrio ou desde a aldea, esa forza cidadá colectiva para que todo comece. Iso é difícil pero conséguese. Existen elementos externos que tamén están presentes. Por exemplo, o mercado. Afortunadamente, hoxe nas comarcas galegas existen profesionais excelentes para dar a cobertura tecnolóxica e enerxética. Existe un marco normativo que, se ben require de melloras, ampara as decisións colectivas no ámbito enerxético. 

O papel das distribuidoras é clave, por suposto. Sen elas nada avanza. Son as donas da rede. A lei obrígaas a ceder gratuitamente a rede e a dar nun prazo curto os puntos de conexión. Isto non sempre vai tan rápido como debera, pero hai que establecer alianzas con elas para que todo o sistema saia beneficiado. Os sistemas distribuídos, como os das comunidades enerxéticas, que incorporen sistemas de almacenamento van xogar un papel moi importante na estabilización do sistema. Temos o exemplo de California, onde miles de sistemas de almacenamento distribuídos polo territorio, incluídos os coches, dan unha estabilidade ao sistema que hai cinco anos non tiña.

Cartel de Vilasantar Enerxía © Concello de Vilasantar

"Hoxe estamos á cola do Estado en comunidades enerxéticas, pero en Galicia estase a crear un ecosistema enerxético colectivo, bastante desestruturado pero moi diverso, que explosionará en breve coa aparición de ducias de iniciativas que darán paso a moitísimas máis"

Como valoras o futuro a curto prazo das comunidades enerxéticas en Galicia? Asistiremos nos próximos anos ao nacemento dun número significativo de comunidades no país?

Estou totalmente convencido de que será así. Hoxe estamos á cola do Estado en comunidades enerxéticas, pero en Galicia estase a crear un ecosistema enerxético colectivo, bastante desestruturado pero moi diverso, que explosionará en breve coa aparición de ducias de iniciativas que darán paso a moitísimas máis. É un ámbito moi innovador e temos unha certa aversión ao risco, sobre todo en sociedades envellecidas, como as rurais. 

Pero imos vencer esa resistencia polo traballo colectivo de cidadanía e pequenas empresas e de numerosas comunidades de montes en man común, de diversas asociacións e de Concellos coma os da Illa de Arousa, Vilasantar, Moeche, Vedra, Silleda, O Rosal ou Xermade, e ademais do traballo de deputacións coma a de Ourense e sa implicación da FEGAMP ou da Universidade de Vigo.

Xornada de debate arredor do presente e futuro das comunidades enerxéticas © Concello de Ames

Xornada de debate en Ames

Ames acolleu esta semana unha xornada de debate sobre as comunidades enerxéticas, coa participación de expertos e dalgunha das iniciativas en marcha

No impulso das comunidades enerxéticas tamén xogan un papel importante xornadas de debate coma a que tivo lugar esta semana en Ames, inaugurada polo alcalde Blas García e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña María Rivas. No encontro participaron expertos a nivel xurídico, como Juan Bautista Suárez Ramos, viceinterventor da Deputación da Coruña; Adrián J. Márquez Caramés, secretario do Concello de Betanzos; e Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña. E tamén expertos da administración pública, como Javier Domínguez González, director Enerxía do INEGA, e María Lamelas Torrijos, técnica da área de proxectos da FEGAMP.

Ademais, Ernesto Ares Yáñez, da comunidade enerxética Xerando; Ramón Rodríguez Rodríguez, da comunidade enerxética Arousa en Transición; e Antonio Fernando Malvar Cortizo, da comunidade enerxética de Buchabade, ofreceron a experiencia acumulada nos últimos anos polos seus proxectos. 

Ramón Rodríguez explicou que a comunidade enerxética Arousa en Transición é "un caso de éxito na Illa de Arousa a nivel de produción e venda de enerxía" e que permite electrificar a todos os barcos de batea. Ernesto Ares, de Xerando, resaltou que para a posta en marcha da comunidade enerxética instaláronse paneis solares en escolas, campos de fútbol, aparcadoiros e cubertas. Antonio Fernando Malvar, da comunidade enerxética de Buchabade, dixo que se trata dunha comunidade de montes transformada en comunidade enerxética. “A xente entendeu moi ben o proxecto ao comparalo coas comunidades de montes e coas de auga”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.