O TSXG ratifica novas penalidades á empresa tras reiterados incumprimentos no transporte escolar
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que avala varias penalizacións a unha unión temporal de empresas liderada polo grupo Monbus por incumprimentos no transporte escolar integrado cos servizos xerais nas comarcas de Terra de Caldelas e Terra de Trives, desta volta por demora, desvío do itinerario e empregar persoal non rexistrado previamente como adscrito a ese servizo. É unha máis das numerosas sentenzas que veñen ratificando todo tipo de incumprimentos no transporte escolar, o que non impediu que a finais de 2023 a Consellería de Educación prorrogase os contratos en lugar de convocar un novo concurso público que os mellorase.
Monbus vén recibindo numerosas penalizacións por parte da Xunta por incumprimentos dos contratos de transporte escolar por empregar vehículos distintos dos comprometidos, máis antigos ou contaminantes do previsto. Tamén hai incumprimentos por non realizar ou demorar servizos, por permitir viaxes de pé ou por non empregar cintos de seguridade homologados, como se comprometera ao asinar os contratos.
A sentenza agora feita pública avala penalizacións que suman uns 2.500 euros por empregar persoal non adscrito ao contrato, por demora superior a 15 minutos sobre o horario previsto e por desvío do itinerario sen autorización nin xustificación. Segundo a sentenza, malia que o autobús ten que chegar ao centro educativo entre 15 e 10 minutos antes da xornada lectiva, detectouse que chegara despois do inicio das clases.
A empresa tentou argumentar unha discrepancia de tempos entre a acta de inspección e a resolución que lle impuxo a penalización, pero o tribunal di que "resulta irrelevante a efectos de cualificación da penalidade que a demora fose de 19 minutos ou, como afirma a resolución, de 36 minutos, xa que incluso o cómputo máis favorable á recorrente supón un atraso sobre o horario previsto superior aos 15 minutos".
Canto ao desvío do itinerario, a sentenza reflicte que a empresa estaba a realizar unha parada que non figuraba no seu itinerario autorizado, modificación que non negou e para a que pediu permiso despois da inspección que detectou o seu incumprimento.
Nun proceso xudicial a Xunta chegou a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato", pero aínda así prorrogounos todos
Malia outros moitos incumprimentos previos en diversos contratos por toda Galicia, e malia que tamén se produciran protestas da comunidade escolar por diversas eivas e outros expedientes sancionadores, Educación decidiu a finais de 2023 prorrogar todos os contratos de transporte escolar por outros dous anos en lugar de convocar un novo concurso público. Fíxoo argumentando que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais" e malia que nun dos casos chegara a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato".
Por outra banda, a adxudicación orixinal daqueles contratos en 2021 foi primeiro cuestionada e despois avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cun cambio de opinión que agora vai ser revisado polo Tribunal Supremo. Mentres, o novo concurso chamado a renovar finalmente aqueles contratos tras a súa prórroga de 2023 está aínda pendente de resolverse tras convocarse hai case un ano.