Máis incumprimentos no transporte escolar: 5.000 euros por "transbordos de alumnado" entre buses

Un autobús escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG fai pública unha nova sentenza que volve reflectir o uso de vehículos máis antigos e distintos dos comprometidos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha nova sentenza que avala penalizacións a empresas de transporte escolar por incumprir os seus contratos, desta volta a unha unión temporal de empresas que presta servizo a varios centros educativos da zona de Carballo. Entre os incumprimentos, xunto con outros xa sancionados pola xustiza noutras zonas e empresas como empregar vehículos máis antigos ou distintos dos comprometidos, figura desta volta "realizar transbordos non autorizados do alumnado entre varios vehículos".

Un autobús escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia

A sentenza ratifica catro penalidades impostas pola Xunta por importe total de 9.000 euros. A máis importante, de 5.000 euros, por un "incumprimento moi grave", penaliza "irregularidades detectadas no servizo de transporte escolar os días 1 e 5 de febreiro de 2024 ao IES Alfredo Brañas e ao IES Monte Neme consistente en realizar transbordos non autorizados do alumnado entre varios vehículos na para da A Milagrosa", situada no centro de Carballo.

A unión de empresas penalizada tentou argumentar no proceso xudicial que os transbordos non están prohibidos expresamente no prego de condicións do contrato, pero o tribunal di que "iso non significa que estean permitidos" e que a súa obriga é realizar "as paradas previstas para os cometidos establecidos no contrato (subida e baixada de alumnos), non para transbordos, que conlevan que usuarios de curta idade teñan que apearse do autobús para subir a outro".

A sentenza tamén avala outras tres penalidades: de 3.000 euros por un incumprimento grave ao empregar tres vehículos cunha antigüidade superior á ofertada pola empresa, de 500 euros por incumprimento leve por empregar un vehículo distinto dos comunicados á Xunta, e outra de 500 euros por outro incumprimento leve por empregar tres vehículos "que non dispoñen de cartel indicador do servizo ou con escasa visibilidade".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Hai tempo que a xustiza vén emitindo sentenzas que deixan constancia de eivas no transporte escolar, pero hai dous anos a Xunta prorrogou todos os seus contratos e aínda agora está a desenvolver un novo concurso para renovalos

Hai tempo que o TSXG vén emitindo sentenzas como esta que deixan constancia de eivas no transporte escolar como buses sen cintos de seguridade homologados, con alumnado de pé ou mollado e "de tres en tres", con buses máis antigos e contaminantes do comprometido polas empresas, e mesmo con estas tomando a "decisión consciente de incumprir o contrato".

Malia estes incumprimentos, hai dous anos a Xunta prorrogou todos os seus contratos de transporte escolar e aínda agora está a desenvolver un novo concurso público para renovalos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.