"Perigo grave" e alumnado mollado e "de tres en tres": nova sentenza contra o bus escolar de Monbus

Sentenza do TSXG que ratifica penalizacións a empresas do grupo Monbus por, entre outras cuestións, "perigo grave e directo" para a seguridade das persoas CC-BY-SA Imaxe: Monbus - Montaxe: Praza Pública

O TSXG considera "acreditados" diversos incumprimentos no transporte escolar en Muros como "deficiente estado de conservación e mantemento", "maior número de alumnos que prazas" ou instar "a cruzar a vía en lugares non permitidos"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer públicas dúas sentenzas, con datas do 29 de abril e 6 de maio, nas que ratifica diversas penalizacións por incumprimentos no transporte escolar impostas pola Consellería de Educación a empresas controladas polo grupo Monbus. Nunha das sentenzas, relativa ao transporte escolar de varios centros do concello de Muros, o TSXG reflicte, entre outros incumprimentos, "prestar o servizo en condicións que afecten á seguridade das persoas en perigo grave e directo", "empregar vehículos con deficiente estado de conservación e mantemento", "ínstase aos alumnos a cruzar a vía en lugares non permitidos", "leva os alumnos sentados de tres en tres" ou por "mollarse os alumnos por deficiente impermeabilización do vehículo".

Un autobús de Monbus © Monbus

Firmas do grupo Monbus ou unións temporais de empresas controladas por el veñen recibindo numerosas penalizacións por parte da Xunta por incumprimentos dos contratos de transporte escolar por permitir nenos viaxando de pé, empregar vehículos distintos dos comprometidos ou máis antigos ou contaminantes do previsto, non realizar ou demorar servizos ou por non empregar cintos de seguridade homologados, como se comprometera ao asinar os contratos. Agora as novas sentenzas feitas públicas, sobre feitos rexistrados a finais de 2022 e principios de 2023, reafirman algúns deses incumprimentos noutras liñas distintas e inclúen outras novas penalizacións.

As sentenzas ratifican penalizacións impostas pola Xunta ás unións temporais de empresas adxudicatarias dos lotes 13 e 51 do transporte escolar, que prestan os seus servizos a distintos centros educativos dos concellos de Muros e Pontevedra e que teñen nos dous casos como xerente único a Raúl López, presidente do grupo Monbus. 

No lote 13, o de Muros, as penalizacións suman 23.000,08 euros e segundo reflicte o TSXG de xeito textual o longo listado de incumprimentos inclúe "alteración unilateral das rutas e paradas programadas, non realización de paradas en expedicións de determinadas rutas, empregar un menor número de vehículos dos que corresponden ás expedicións de entrada e saída programadas, por prestar o servizo en condicións que afecten á seguridade das persoas en perigo grave e directo, empregar vehículos con deficiente estado de conservación e mantemento e non respectar as normas de funcionamento do servizo en expedicións de determinadas rutas". 

Sentenza do TSXG que ratifica penalizacións a empresas do grupo Monbus por, entre outras cuestións, "perigo grave e directo" para a seguridade das persoas CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG ratifica novas penalidades á empresa por reiterados incumprimentos no transporte escolar, que non impediron que a Xunta lle prorrogase os contratos

O listado de incumprimentos continúa sinalando que "varía ata 20 minutos na recollida de alumnos, fai un recorrido de 400 metros marcha atrás, chofer diferente cada día, non fai os recorridos no mesmo sentido, dificultade para identificar os vehículos, transportan maior número de alumnos que prazas, ínstase aos alumnos a cruzar a vía en lugares non permitidos, leva aos alumnos sentados de tres en tres, deixa o alumnado a 200 metros da parada, mollarse os alumnos por deficiente impermeabilización do vehículo e demais". Todos estes feitos considéraos o TSXG "acreditados" polos "certificados e informes da dirección dos centros e denuncias formuladas polos pais".

No caso a sentenza sobre o lote 51, o da cidade de Pontevedra, as penalizacións suman 13.250 euros. Neste caso o TSXG avala penalizacións por incumprimentos xa habituais noutras sentenzas previas sobre outras liñas de transporte escolar tamén controladas por empresas do grupo Monbus, como empregar vehículos máis antigos do comprometido ou sen contar con autorización de transporte escolar.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Nun proceso xudicial a Xunta chegou a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato", pero aínda así prorrogounos todos

Malia estes e outros moitos incumprimentos en diversos contratos por toda Galicia, e malia que tamén se produciran protestas da comunidade escolar por diversas eivas e outros expedientes sancionadores, Educación decidiu a finais de 2023 prorrogar todos os contratos de transporte escolar por outros dous anos en lugar de convocar un novo concurso público. Fíxoo argumentando que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais" e malia que nun dos casos chegara a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.