"Decisión consciente de incumprir o contrato": outras dúas sentenzas avalan multas a Monbus polo transporte escolar

Vehículos de transporte escolar de Monbus e argumentación da Xunta ante o TSXG asegurando que tomou unha "decisión consciente de incumprir o contrato" © Monbus

O TSXG ratifica máis sancións á empresa por empregar autobuses máis antigos e contaminantes dos comprometidos, o que non impediu que a Xunta veña de prorrogar os seus contratos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer públicas outras dúas sentenzas que avalan máis sancións da Consellería de Educación a dúas adxudicatarias do transporte escolar controladas polo grupo Monbus por empregar autobuses distintos dos comprometidos, máis antigos e contaminantes. A xustiza considera adecuadas e proporcionadas as multas, que suman 19.000 euros, e revela que nun dos casos a Xunta chegou a argumentar que "a selección dos vehículos a empregar obedece a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato". 

Malia esa consideración e outras sancións previas en cando menos outros dous contratos tamén controlados por Monbus, Educación vén de prorrogar a totalidade dos seus 57 contratos de transporte escolar, boa parte deles en mans de empresas dese grupo.

Un autobús de Monbus © Monbús

Os servizos de transporte escolar sancionados forman parte do concurso que Educación convocou en 2021 dividido en 57 lotes repartidos por todo o país. Boa parte daqueles contratos foron adxudicados a Monbus, algúns deles de xeito indebido por superar o límite de oito lotes que podía recibir un mesmo grupo de empresas, segundo vén sentenciando o TSXG noutros procesos agora pendentes de recurso ante o Tribunal Supremo.

Durante o desenvolvemento deses contratos inspectores da Xunta detectaron diversos incumprimentos dos mesmos e a finais de 2022 Educación impuxo penalidades que as empresas do grupo Monbus recorreron ante a xustiza. A finais de 2023 o TSXG emitiu dúas primeiras sentenzas sobre dous lotes (números 9 e 25) controlados por Monbus que avalaron multas que sumaron arredor de 22.000 euros por seis incumprimentos graves e catro leves. Foron por non empregar no servizo os vehículos que comprometera no concurso, por usar autobuses máis antigos ou máis contaminantes do asinado e por non realizar ou demorar servizos concretos en varias xornadas, feitos que a empresa non negou.

En cada un dos dous contratos inspeccionados a empresa comprometera 27 vehículos concretos e a Xunta detectou incumprimentos en 22 e 20 casos respectivamente

Agora o TSXG emite outras dúas sentenzas sobre outros dous lotes (números 50 e 51, cuxas adxudicacións foron asinadas polo propio Raul López) que avalan sancións da Xunta que suman outros 19.000 euros. En cada un dos lotes Educación detectou dúas infraccións graves por empregar vehículos máis antigos e contaminantes do comprometido e unha infracción leve por non empregar os vehículos concretos que se asignaran ao contrato. Nos casos das infraccións leves, estas foron graduadas economicamente dentro do seu rango máis alto polo elevado volume de incumprimento con respecto á totalidade do contrato, de xeito que se a empresa comprometera 27 vehículos concretos en cada un dos dous lotes, nun o incumprimento rexistrouse en 22 buses e noutro en 20.

A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar CC-BY-SA A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar

As dúas novas sentenzas, con data do 12 de xaneiro e feitas públicas nos últimos días, reflicten como as unións temporais de empresas (UTE) adxudicatarias dos dous contratos, controladas nos dous casos por firmas do grupo Monbus, non negaron en ningún caso os feitos, senón que se limitaron a tentar anular as sancións por motivos formais ou a pedir unha rebaixa das multas. Unha das sentenzas chega a sinalar que a adxudicataria "admitiu abertamente a existencia dos tres incumprimentos" sancionados.

Outra das sentenzas reflicte a argumentación coa que a Xunta defendeu as súas sancións e se opuxo ao recurso xudicial presentado polas empresas. Segundo recollen os xuíces, o Goberno galego argumentou que as infraccións "non poden incardinarse en incumprimentos que se deriven de neglixencia ou descoido, como pretende a recorrente; o contratista ten coñecemento das condicións ofertadas así como da antigüidade e a calidade ambiental dos seus vehículos: a selección dos vehículos a empregar obedece a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

En novembro Educación prorrogou os 57 contratos de bus escolar, incluídos os cando menos catro sancionados por incumprimentos

O pasado novembro, ao tempo que a Xunta estaba a defender ante a xustiza que Monbus incumprira cando menos catro dos contratos de transporte escolar que se adxudicara en 2021, Educación decidiu prorrogar o total dos 57 contratos, incluídos os sancionados por incumprimentos e os que o TSXG considerou que foran adxudicados a Monbus de xeito indebido. No caso do denominado lote 51, de feito, ocorreron as dúas cousas: o TSXG anulou a súa adxudicación a empresas do grupo Monbus e agora vén de avalar as sancións da Xunta por incumprimento do contrato. Porén, Educación prorrogou ese e o resto de contratos asegurando que funcionan "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.