O tribunal aplica a mesma doutrina coa que xa anulara cando menos catro da vintena de contratos que recibiu o grupo de Raúl López en 2021 da Consellería de Educación, que en novembro decidiu prorrogalos dous anos máis
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu este luns unha sentenza coa que anula outro dos contratos de transporte escolar que a Consellería de Educación adxudicou en 2021 a Monbus. O tribunal xa anulara cando menos catro da vintena de contratos que recibira o grupo de Raúl López por superar o máximo de adxudicacións a unha mesma empresa que fixara a propia Xunta, e agora aplica a doutrina previa a este novo caso.
Tanto este como os contratos xa anulados previamente foron prorrogados o pasado novembro por Educación para outros dous anos máis en lugar de convocar un novo concurso público para renovalos.
O concurso para prestar o servizo de transporte escolar convocado por Educación en 2021 foi dividido en 57 lotes e unha das súas condicións era que ningunha empresa levase máis de oito lotes. Porén, cando menos unha vintena dos contratos foron asinados polo propio Raúl López e o TSXG vén constatando en sucesivos preitos nos que analiza lotes concretos que as súas empresas levaron máis adxudicacións das que debía.
Ata o momento sabíase de cando menos catro sentenzas que anularan a adxudicación doutros tantos lotes a empresas do grupo Monbus e agora esta sería a quinta. Porén, a Consellería de Educación revelou hai un mes que habería máis sentenzas e que estas "afectan non soamente a un só grupo de empresas". Así o dixo cando foi preguntada por Praza.gal sobre o motivo polo que decidiu prorrogar o pasado novembro os 57 contratos escolares outros dous anos máis malia as resolucións xudiciais contrarias que xa recibira sobre a adxudicación excesiva a Monbus de varios deles.
O que fai o TSXG agora con este caso é limitarse a anular a adxudicación a Monbus, pero sen establecer que o lote en conflito sexa entregado á empresa que denunciou o caso. A adxudicación debería ser agora retomada pola Xunta á seguinte empresa mellor valorada no concurso de 2021. Porén, nos casos das sentenzas previas xa coñecidas estas foron recorridas ante o Supremo, como tamén se pode facer con esta.
Se o Supremo ratifica a anulación das sentenzas as empresas prexudicadas poderían reclamar unha indemnización á Xunta. Porén, esta en lugar de convocar novos concursos para evitar que se prolongue no tempo esa situación decidiu en novembro prorrogar os 57 lotes, tamén os que xa tiñan sentenzas anulatorias.