Dous expedientes graves a Monbus por un condutor que baixou escolares lonxe da parada e negou a folla de reclamacións

Distintivo de transporte escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta incoou os expedientes tras confirmar que unha nai denunciara os feitos ocorridos en Poio á Garda Civil de Tráfico e tras recibir un atestado da Policía Local

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de responder a unha pregunta por escrito formulada polo BNG no Parlamento de Galicia sobre diversas irregularidades rexistradas o pasado setembro no transporte escolar do IES de Poio, no que o servizo se presta de xeito integrado co transporte regular que na zona foi adxudicado a unha unión temporal de empresas dominada polo grupo Monbus. Na súa resposta a Xunta confirma a apertura de dous expedientes sancionadores graves. 

Unha inspección da Garda Civil a un autobús escolar nunha imaxe de arquivo © Guardia Civil de Pontevedra

Segundo o relato dos feitos que facía o BNG na súa pregunta e dos que se fixeron eco varios medios locais, admitidos tamén parcialmente pola propia Xunta, ante a existencia de obras nunha estrada pola que tiña que pasar un autobús escolar o condutor decidiu non circular por ela malia que podería e deixou a varios nenos lonxe da parada que lles correspondería. 

Posteriormente unha nai solicitou unha folla de reclamacións ao condutor, pero este non lla deu e arrancou con ela a bordo sen deixala baixarse. Cando logrou que o condutor se detivese denunciou os feitos primeiro ante a Policía Local e despois ante a Garda Civil de Tráfico. 

A Xunta asegura que ela mesma asesorou a unha nai afectada "para interpoñer a denuncia oportuna, que a Garda Civil de Tráfico xa confirmou"

A Xunta asegura na súa resposta parlamentaria que ela mesma asesorou á nai afectada "para interpoñer a denuncia oportuna, que a Garda Civil de Tráfico xa confirmou". A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén di que "tras ser coñecedora dos feitos aos que se refire a iniciativa, emprendeu unha serie de medidas encamiñadas a recuperar a normalidade da prestación" do servizo. Así, contactou cos responsables do centro educativo e da empresa e "após recibir as actas e o atestado da Policía Local de Poio, incoáronse dous expedientes sancionadores graves contra a UTE concesionaria por incumprir as condicións esixidas no contrato de concesión, así como pola negativa a entregar as follas de reclamacións".

A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar CC-BY-SA A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar

A comezos deste mes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, minimizaba como "incidencias puntuais" as 181 que ata daquela se rexistraran no que ía de curso escolar só no transporte escolar da súa competencia. Este servizo está dividido entre Educación, que o presta en exclusiva, e Infraestruturas, que ofrece o servizo de xeito integrado coas liñas de transporte regular. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.