O Supremo analiza o cambio de criterio do TSXG sobre se Monbus recibiu máis buses escolares do debido

Un autobús de Monbus nunha imaxe de arquivo © Monbus

Tras varias condenas previas á Xunta, hai dous anos o Tribunal Superior mudou o seu propio criterio sobre como contabilizar se dera máis adxudicacións das debidas a Monbus, e agora o Supremo vai revisar se o fixo de xeito correcto

En 2023 e comezos de 2024 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu varias sentenzas coas que foi anulando a adxudicación ao grupo Monbus de varios dos 57 lotes en que a Xunta dividira o último concurso para o servizo de transporte escolar adxudicado en 2021. O concurso fixaba límites para que un mesmo grupo non acaparase demasiados contratos e o TSXG considerou que no caso de Monbus recibira máis dos que debía.

Porén, en marzo de 2024 o TSXG, ao resolver sobre outro lote cuestionado do mesmo concurso, mudou de criterio e considerou que se trabucara no xeito de facer os cálculos. O tribunal, en contra do que el mesmo sentenciara noutros lotes previos, pasou a considerar que Monbus non recibira máis contratos dos que debía. Un cambio de postura que agora vai ser revisado polo Tribunal Supremo por se non se fixo do xeito que prevén os procedementos xudiciais.

Sedes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo CC-BY-SA CGPJ

O Supremo vén de emitir un auto no que admite a trámite un recurso de casación presentado por varias empresas prexudicadas pola adxudicación a Monbus do lote 51 dos 57 en que se dividira o concurso público do transporte escolar. En xuño de 2023 o TSXG ditou sentenza anulando a adxudicación a unha unión temporal de empresas liderada por Monbus, e esa empresa e a Xunta solicitaron unha aclaración de sentenza que foi desestimada polo tribunal. Despois presentaron un recurso de casación que foi inadmitido polo Supremo, converténdose así a sentenza en firme. 

Pero entre a denegación da aclaración polo TSXG e a inadmisión da casación polo Supremo Xunta e Monbus tamén formularon un incidente de nulidade da sentenza ante o mesmo TSXG, e nese caso o tribunal si o estimou. Na súa resposta o TSXG admitiu que "esquecera" aplicar unha excepción contemplada no concurso ao calcular o límite de lotes e anulou a súa propia sentenza "para substituíla por outra con igual motivación, pero que dea resposta correcta ao que indebidamente se omitiu". 

O funcionamento do transporte escolar leva anos en cuestión CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Supremo vai analizar "os límites do incidente de nulidade de actuacións" co que o TSXG rectificou os seus pronunciamentos previos sobre o concurso do bus escolar

Contra esa segunda sentenza presentaron desta volta recurso as outras empresas prexudicadas e agora o Supremo vai analizar "a configuración e os límites do incidente de nulidade de actuacións" e "se ao amparo do mesmo pode un órgano xudicial modificar a fundamentación e o sentido do fallo da sentenza, deixando sen efecto un pronunciamento [previo] ao apreciar un erro de dereito ou de valoración da proba cometido na sentenza, ou se, pola contra, excede do ámbito propio do incidente de nulidade de actuacións referido a unha sentenza firme".

Tras as primeiras sentenzas do TSXG que consideraban que Monbus recibira máis lotes dos debidos, e malia reiteradas eivas no funcionamento do servizo, Educación decidiu a finais de 2023 prorrogar todos os contratos sen convocar un novo concurso público. Ese novo concurso non se lanzou ata o pasado xullo e aínda está pendente de resolverse, polo que o servizo segue a ser prestado polas empresas que gañaron o concurso de 2021.

Unha das 57 prórrogas de contratos do transporte escolar decididas pola Consellería de Educación CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Educación prorrogou todos os contratos de bus escolar a finais de 2023 e o pasado ano Competencia iniciou un expediente sancionador por un posible amaño do concurso previo 

Despois, unha vez que o TSXG xa mudara de criterio e pasara a considerar que Monbus non recibira demasiados contratos, a Comisión Galega da Competencia decidiu a mediados do pasado ano incoar un expediente sancionador "por posibles condutas relacionadas con prácticas anticompetitivas" naquel concurso de 2021. Un expediente sobre falta de competencia no transporte escolar que veu engadirse ao xa resolto sobre o transporte regular que rematou cunha multa de 1,6 millóns de euros a Monbus e Alsa por repartirse o mercado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.