Concellos e propietarios rurais reciben só o 5% da facturación dos parques eólicos galegos

Aeroxerador eólico © Iberdrola

O Observatorio Eólico de Galicia presentou este mércores o informe “Impacto económico da enerxía eólica no medio rural galego: Contexto, cambios e oportunidades”, un estudo que analiza o impacto que tivo a enerxía eólica no medio rural galego nas últimas décadas de forte desenvolvemento. O documento conclúe que o sistema deseñado polo regulador "tivo como obxectivo fundamental a colocación do maior número posible de parques eólicos" pero "non tivo suficientemente en conta outros aspectos como os relacionados cos impactos económicos no mundo rural".

O Observatorio propón varias medidas para que as comunidades locais, concellos e propietarios reciban máis beneficios dos parques eólicos

O informe estima a contía total dos impactos económicos directos derivados da implantación eólica para os axentes do mundo rural en 27,86 millóns de euros en 2017, arredor dun 5% da facturación total estimada pola venda de enerxía procedente dos parques eólicos. O Observatorio Eólico de Galicia considera que esas rendas poderían ser superiores sen que iso comprometese o proceso de transición enerxética e apunta varias medidas para avanzar nesta solución, algunhas que requiren de cambios normativos e outras de máis doada aplicación.

Hai uns meses a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto puxeron en marcha o Observatorio, que busca incrementar a xustiza enerxética no sector, promovendo cambios normativos e realizando traballos de investigación e asesoramento para aumentar a participación social e os beneficios que desta produción reciben as comunidades locais.

O actual informe reitera as conclusións xa enunciadas anteriormente polos investigadores da Universidade de Vigo Xavier Simón, Damián Copena e María Montero, tamén responsables deste documento. O pasado mes de setembro, en conversa con Praza.gal, reclamaban que "no actual relanzamento da enerxía eólica non se debe caer nos mesmos erros cometidos anteriormente".

Eólicos nun monte galego © Universidade de Vigo

O Observatorio propón cambiar o deseño do Canon Eólico e do Fondo de Compensación Ambiental para que teña como feito impoñible a potencia instalada e non o número de aeroxeradores

Entre as medidas propostas está a distribución da totalidade do recadado polo Canon Eólico entre os axentes con afección de aeroxeradores e liñas de evacuación. É dicir, que a totalidade do recadado sexa destinado a melloras na contorna dos parques eólicos. Tamén se recomenda que os impostos con xestión municipal vinculados coa actividade eólica (ICIO, IBI, IAE) se configuren cos tipos de gravame nos máximos que permite a normativa vixente.

Suxírese tamén a aposta do Goberno galego por un contrato tipo a modo de boa práctica a desenvolver polas empresas promotoras de parques eólicos. E, igualmente, a creación dunha base pública de información sobre prezos alcanzados na negociación entre as partes que participan na promoción eólica: promotores, concellos e comunidades rurais.

Pide maiores facilidades para que os axentes rurais poidan ser promotores de parques eólicos

Así mesmo, o Observatorio propón unha serie de modificacións normativas que permitirían continuar co proceso de transición enerxética dando maior participación ao mundo rural e incrementando os fluxos de renda e a xustiza enerxética na implantación eólica. Estes cambios buscarían, por exemplo, o deseño de figuras específicas para o fomento de parques eólicos comunitarios onde os axentes rurais (comunidades de montes, cooperativas, pequenas empresas rurais, propietarios de terreos...) teñan facilidades para ser promotores de parques eólicos. Tamén se pide crear unha figura de propiedade pública municipal dos parques eólicos ou a recuperación da figura dos parques eólicos singulares na súa vertente de propiedade municipal.

Suxire tamén a creación dunha base pública de información sobre prezos acadados na negociación 

O Observatorio propón así mesmo cambiar o deseño do actual Canon Eólico e do Fondo de Compensación Ambiental para que teña como feito impoñible a potencia instalada do parque eólico e non o número de aeroxeradores. Na actualidade, a redución dos aeroxeradores polos procesos de repotenciamento que van ter lugar nos vindeiros anos vai reducir aínda máis os ingresos dos Canon Eólico e, polo tanto, os fluxos de rendas aos concellos.

Parque eólico de Norvento en Sasdónigas © Norvento

Apenas 28 millóns de euros de rendas locais

A facturación total dos parques eólicos instalados en Galicia moveuse entre 2007 e 2017 entre os 400 e os 700 millóns de euros

O Observatorio realiza un cálculo dos distintos fluxos económicos xerados polas instalacións eléctricas existentes en Galicia no ano 2017. Os beneficios para as comunidades locais redúcense a 27,87 millóns de euros, procedentes principalmente dos pagamentos aos propietarios dos terreos (10,5 millóns) e dos tributos pagados a máis dun cento de concellos, IBI e IAE (12,9 millóns).

En cambio, a facturación total dos parques eólicos instalados en Galicia moveuse entre 2007 e 2017 entre os 400 e os 700 millóns de euros. No ano 2017 a cantidade roldou eses 700 millóns de euros, dos que pouco máis do 4% foron para as comunidades e propietarios locais. 

O medio rural "merece un cambio"

O Observatorio reclama que a "necesaria transición enerxética" sirva "realmente" para "fortalecer ás comunidades locais e rurais

Nas conclusións do informe, o Observatorio Eólico de Galicia considera necesario "avanzar nunha nova gobernanza do sector eólico en Galicia", pois "o medio rural merece un cambio na dirección actual do sistema enerxético". O documento lembra que dos preto de 4.000 aeroxeradores en funcionamento, máis de 2.700 están localizados en 71 concellos considerados como municipios rurais de pequeno tamaño, con menos de 5.000 habitantes.

O Observatorio reclama que a "necesaria transición enerxética" sirva "realmente" para "fortalecer ás comunidades locais e rurais, ata agora moi pouco consideradas tanto como suxeitos para a toma de decisións sobre a planificación enerxética e territorial como actores que toman parte nun reparto equitativo das cargas e dos beneficios asociados ás novas instalacións enerxéticas".

O sector, de novo en expansión en Galicia

Galicia está a vivir un relanzamento do sector eólico, despois da parálise que seguiu á anulación do concurso eólico, decretada polo Goberno de Núñez Feijóo no ano 2009. Ao longo deste ano 2019 foron varios os parques eólicos que entraron en funcionamento e nos vindeiros anos serán moitos máis. É por iso que os responsables do Observatorio Eólico reclaman que "no actual relanzamento da enerxía eólica non se debe caer nos mesmos erros cometidos anteriormente".

Na actualidade Galicia ten 3.614 MW de potencia eólica en explotación e outros 4.700 MW de potencia atópanse en tramitación

Na actualidade Galicia ten 3.614 MW de potencia eólica en explotación, segundo os datos da Asociación Eólica de Galicia (EGA), unha cifra que cobre ao redor do 40% da demanda eléctrica en Galicia. Outros 4.700 MW de potencia atópanse en tramitación para a súa conexión futura á rede eléctrica. No momento en que entren en funcionamento, a potencia eólica existente en Galicia (superior aos 8.000 MW) servirá para atenden o 70% da demanda eléctrica, cunha xeración que superará os 14.000 GWh anuais

Parque eólico de Norvento © Norvento

A Asociación Eólica de Galicia destaca que "sen considerar incrementos de potencia por repotenciación e novas solicitudes que puidese haber, o sector eólico en Galicia dispón xa nestes momentos dun volume de megawatts suficientes para afrontar a Transición Enerxética nos próximos anos". EGA calcula que o ritmo de posta en marcha será duns 500 MW por ano, ou o que é o mesmo, entre 16 e 20 novos parques eólicos en cada exercicio.

Cando entren en servizo, antes do ano 2030, a enerxía eólica cubrirá o 70% da demanda de electricidade de Galicia

Esta mesma semana, de feito, Norvento puxo en marcha seis novos parques eólicos (Neda, Sasdónigas, Sasdónigas II, a Pastoriza, Cadeira e Carracedo), situados todos eles no norte de Lugo, nos concellos de Abadín, A Pastoriza, Mondoñedo, Riotorto, Trabada, A Pontenova e Lourenzá. Os seis parques foron adxudicados na poxa realizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica no ano 2017

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.